AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Sozosuru

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Charla Ninja na MiiC
con David Rubín e Alberto Guitián

18/04/2017


.
A MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, que se desenvolve en Santiago de Compostela ata o mes de xuño) acolle unha Charla Ninja organizada pola AGPI. Nela, David Rubín e Alberto Guitián repasarán o Decálogo Ninja do ilustrador, achegando as súas experiencias e anécdotas como profesionais da ilustración. Será na sala Mozart do Auditorio de Galicia (Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela), este sábado, 22 de abril, ás 12:30, con entrada libre ata completar o aforo.

A charla é un complemento da exposición «Guía Ninja do Ilustrador», espazo dentro da MiiC que repasa os obxectivos, os contidos e a boa acollida desta campaña da AGPI, que neste mes de abril cumpre o seu primeiro aniversario. Rubín e Guitián abordarán de xeito moi visual os actuais retos dos creadores freelance, como a protección e a xestión dos dereitos de autor no mercado global ou a defensa fronte plaxios ou prácticas especulativas.

A Charla Ninja MiiC e a campaña «Guía Ninja do ilustrador» contan co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

A Guía Ninja no MiiC

17/03/2017



A
Guía Ninja da AGPI participa na MiiC (Mostra internacional de ilustración Contemporánea), que terá lugar de marzo a xuño do 2107.

Esta mostra está comisariada por Matilde Rodríguez, e é a primeira mostra internacional de ilustración celebrada en Galicia. Unha panorámica de proxectos e autores innovadores (tanto galegos, estatais como internacionais) dentro da ilustración contemporánea.

Entre os proxectos e autores que se amosan, a parte da Guía Ninja están: Cinta Arribas / Carlos Arrojo / Arnal Ballester / Gary Baseman / Los Bravú / Marina Capdevila / Eme / Cristóbal Fortúnez / Ilustradores a la mesa / IlustraDots / José Ja Ja Ja / Jano / Martin Jarrie / Martín López Lam / Pepe Medina / Sergio Mora / Nobrow / Sara Pazos / David Sierra / Alberto Vázquez

Inaugúrase o próximo martes 21 de marzo ás 20:00 h no Auditorio de Galicia (Avda. do Burgo das Nacións - Santiago de Compostela)

2ª edición do Libro Xigante

15/03/2017

Segunda edición de O Libro Xigante, iniciativa do ilustrador Víctor Rivas, no marco do XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Unha actividade no que un grupo de ilustrador@s profesionais debuxan en directo os contos feitos por rapac@s, para despois encuadernarse nun Libro Xigante.

Este ano participan como ilustrador@s e rotulistas: Carlos Trigo, Beatriz Torres (Zirta), MElizabeth Rodriguez (Molita), Ines Casarejos Comesaña, Ignacio Hernandez, Luz Beloso, Victor Rivas, Saray Garcia e Michel Casado Na corrección ó galego, Miguel Ángel Alonso Diz. Coordina a actividade Esther Vázquez.

Sábado 18 de marzo, 11h. a 14 h. e 17 h a 20 h. no Pazo de Cultura de Pontevedra. A partir de 5 anos. Entrada libre ata completar cabida.

XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

09/03/2017

Entre o 10 de marzo e o 2 de abril desenvólvese, no Pazo de Cultura de Pontevedra, o XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil, este ano baixo o lema «O mundo que queremos».

O lema, lonxe de ser unha utopía, pretende aunar aportacións reais, tanxibles e factibles para construir ese mundo mellor. Englobando temas como o coidado do medio ambiente, a saúde, a integración e a igualdade, cuestións como accesibilidade e a mobilidade, o respecto , a inmigración ou a vellez, a solidariedade, a investigación en todos os seus ámbitos etc.

O cartel desta edición é obra de Alba Blanco. A AGPI colaborou na selección de autores (os nosos socios Viki Berre e Cestola na Cachola) para os manteis ilustrados de «Almorzos ilustrados», repartidos polos establecementos hostaleiros do centro histórico.

No extenso programa podedes atopar obradoiros, música, teatro, cine e varias actividades que teñen que ver coa ilustración.

Podedes consultar o programa completo na páxina do Salón aquí.

«O debuxo como forma de pensamento» charla con Alberto Vázquez

07/03/2017

Este sábado comeza «A cor das palabras. Encontros con cineastas», un ciclo do Concello de Santiago de Compostela (Pazo de Raxoi) que traerá ao Cinema NUMAX a importantes cineastas do panorama actual. O primeiro convidado será o animador coruñés Alberto Vázquez, cunha charla titulada «O debuxo como forma de pensamento».


Alberto Vázquez tense convertido nos últimos tempos nun referente no mundo da animación a nivel galego e internacional. Tras acadar o Goya á mellor curtametraxe en 2012 con BIRDBOY, vén de consagrarse neste 2017 acadando a estatuíña á mellor curtametraxe por DECORADO e á mellor longa de animación con PSICONAUTAS. A obra cinematográfica de Vázquez complétase con SANGRE DE UNICORNIO.

A creatividade de Alberto Vázquez chega tamén ao mundo do cómic, con varios libros editados en diferentes países . Como ilustrador de prensa ten publicado en El País, La Voz de Galicia, Vanity Fair ou Boston Globe Magazine. Os seus traballos valéronlle máis dun cento de premios internacionais, en citas como o Festival de Annecy, Chicago, Foyle, ou Expotoon.

A charla é gratuíta até completar aforo, mais podedes reservar praza escribindo un correo a proxectoscultura@santiagodecompostela.gal no que indiquedes nome completo e número de contacto.

Ilustradores/as seleccionados para a Bienal de Bratislava

07/03/2017

A Bienal de Bratislava é unha prestixiosa exposición internacional de ilustracións de libros para nenos e novos, organizada polo Ministerio de Cultura eslovaco, a Comisión Eslovaca da UNESCO e a Casa Internacional da arte para Nenos, que se celebra durante os meses de setembro e outubro. Ademais da mostra de orixinais, realízase un simposio internacional de especialistas en ilustración de libros para nenos e novos.

A OEPLI, como sección española de IBBY  selecciona, xunto coas súas catro seccións territoriais, a 15 ilustradores/as con 24  libros recente publicación. Entre a selección deste ano se atopan algúns dos nosos socio/as:  Aitziber Alonso, Albert Asensio, Roger Olmos, Leire Salaberria, Ignasi Blanch, Marina Seoane, Miguel Cerro, Xosé Cobas, Jokin Mitxelena, Pep Montserrat, Maite Gurrutxaga, Minia Regos, Xan López Domínguez, MaGuma e Eider Eibar.

Preséntase o Día da Ilustración 2017

25/01/2017


Cartel do Día da Ilustración 2017, a cargo de Perrilla

O Día da Ilustración 2017 presentouse esta mañá en Santiago de Compostela. O Día da Ilustración foi instituído pola Xunta de Galicia hai catro anos, como parte do seu Calendario do libro e da lectura, tomando a data do 30 de xaneiro, día de nacemento de Alfonso D. R. Castelao.

Este ano, por iniciativa da AGPI —que vén colaborando coa celebración desde o primeiro ano con pequenas actividades—, o Día da Ilustración vese reforzado coa homenaxe a un dos grandes ilustradores galegos históricos, Álvaro Cebreiro (A Coruña, 1903-1956), coa intención de que, ano tras ano, unha figura destacada da ilustración en Galicia reciba un merecido tributo para revalorizar a súa contribución á nosa cultura e á nosa sociedade.

Nesta ocasión, para celebrar o evento, a Biblioteca e Arquivo de Galicia organiza unha exposición, Cebreiro: o trazo da vangarda, centrada na súa obra. A mostra poderá visitarse ata o próximo 7 de marzo. Pola súa parte, a AGPI produciu, coa colaboración da Subdirección Xeral de Bibliotecas, un pequeno vídeo para a difusión da súa vida e obra en internet, especialmente nas redes sociais:


Vídeo ‘Cebreiro – Día da Ilustración 2017’, con guión de Alberto Guitián, imaxe de Isabel Vila e música de Roberto Casteleiro

O cartel da edición deste ano está a cargo da ilustradora Perrilla. No programa, que pode descargase desde esta ligazón, encontramos diversas actividades desenvolvidas nas bibliotecas galegas; entre elas, obradoiros de cómic e ilustración, a cargo de Iago García, María Sánchez Lires, Perrila, Noemí López e David Buceta, un curso titulado «Grandes ilustradores da historia», e exposicións bibliográficas e de ilustracións.

[Nota de prensa sobre a presentación na web de Cultura.]

Presentación oficial da curtametraxe DECORADO, de Alberto Vázquez

21/01/2017

Presentación oficial na Coruña da curtametraxe "DECORADO" do noso socio Alberto Vázquez.

Tras o seu paso por festivais como Cannes, Annecy ou Toronto cultivou máis de 20 premios internacionais e o 4 de Febreiro competirá nos premios Goya como mellor curtametraxe de animación.

Ademais falaranse de proxectos en marcha como a nova longametraxe de Alberto, "Unicorn Wars" e outras sorpresas. Nesta especial presentación contaremos coa presenza de Alberto Vázquez e da produtora Chelo Loureiro, así como a de xente do equipo como o músico Victor García ou os artistas Martín Romeu e Giovanna Lopalco.

:: Sábado, 22 de Febreiro ás 17:30 h. no edificio da Domus (Rúa Ángel Rebollo, 91 - A Coruña)

Exposición Blackened de Silvia García

10/01/2017

A nosa socia Silvia García inaugura hoxe a súa exposición Blackened na cervezoteca Malte (Rúa Galera, 47 - A Coruña), ás 18 h, que estará ata o 10 de febrero.

A mostra resume o seu traballo neste último ano, en pintura sobre táboa, ilustración a puntillismo, montaxes e figuras blackmetaleras. As obras estarán en venta.

Proxecto de ‘crowdfunding’ de Eva Agra

20/10/2016

A nosa socia Eva Agra é a autora das ilustracións de "Mulleres Bravas da nosa historia", unha colección de libros infantís orientados a dar a coñecer unha serie de mulleres exemplares da historia da Galiza. Un proxecto para o que están recadando fondos desde a plataforma Verkami.

Todos os libros contarán coas ilustracións de Eva Agra e texto de diferentes autoras de renome, como María Lado, Eli Ríos, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas, María Reimóndez...

Urco Editora está detrás desta campaña de crowfunding. Colaborando coa campaña recibiredes os títulos que queirades, acompañados por marabillosos premios e, o máis importante, axudaredes a facer realidade un proxecto moi necesario para a nosa sociedade.