AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Compre renovarse
Xan Carpente

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Graphic Jam

26/09/2017

O colectivo de ilustradores Miñoco, coa colaboración da AGPI e co apoio económico do Concello da Coruña a través do programa Cultura de Barrio, organiza o Graphic JAM, un evento que servirá de punto de encontro para os creadores gráficos na cidade da Coruña.

Dentro das actividades previstas haberá exposicións, un obradoiro infantil, charlas, unha zona de clubes sectoriais e un speed dating para creadores noveis. O Graphic Jam terá lugar o sábado 30 de setembro no Centro Ágora. A entrada é libre e de balde.

Máis info: FacebookTwitterWeb

AGPI no festival Viñetas desde o Atlántico 2017

07/08/2017


Cartel a cargo de DasPastoras

Como é habitual, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración contará cunha caseta dentro da «Rúa da BD», a feira do festival internacional da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, que decorre na Coruña desde hoxe ata o domingo 13 de agosto. En concreto, trátase da caseta número 23, e nela poderanse encontrar as publicacións da asociación, e tamén láminas, publicacións e outros produtos de ilustración aplicada a cargo de diversos socios e socias da AGPI.

Nova edición de Autobom

29/03/2017

Este sábado 1 de abril ten lugar unha nova edición do Autobom, festival de autoedición, en Nave 1839 (Estación de tren de A Coruña).

Durante ese día terán lugar varias actividades relacionadas co mundo do cómic e ilustración:

+16:30 - Sesión vermú con música e picoteo.

+17:30 - AutoLab para realizar cómic experimental e colaborativo.

+18:30 - Mesa redonda sobre liberdade de expresión no campo da ilustración, con Guitián, Leandro e Sekone moderados por Edu Maroño.

+ 20:00 - Autocine (catro curtos de animación independentes)

+ 21:00 - III Akelarre Mutante: concertos ilustrados de BravuBoy (Pulpiño Viascón) e Strikeback, debuxados por Sara Roca e Álvaro López respectivamente.

As actividades son gratuítas salvo os concertos, que recibirán un donativo de 5 a 10€ (a recadación será para os grupos e ilustradores).

Preséntase o Día da Ilustración 2017

25/01/2017


Cartel do Día da Ilustración 2017, a cargo de Perrilla


O Día da Ilustración 2017 presentouse esta mañá en Santiago de Compostela. O Día da Ilustración foi instituído pola Xunta de Galicia hai catro anos, como parte do seu Calendario do libro e da lectura, tomando a data do 30 de xaneiro, día de nacemento de Alfonso D. R. Castelao.

Este ano, por iniciativa da AGPI —que vén colaborando coa celebración desde o primeiro ano con pequenas actividades—, o Día da Ilustración vese reforzado coa homenaxe a un dos grandes ilustradores galegos históricos, Álvaro Cebreiro (A Coruña, 1903-1956), coa intención de que, ano tras ano, unha figura destacada da ilustración en Galicia reciba un merecido tributo para revalorizar a súa contribución á nosa cultura e á nosa sociedade.

Nesta ocasión, para celebrar o evento, a Biblioteca e Arquivo de Galicia organiza unha exposición, Cebreiro: o trazo da vangarda, centrada na súa obra. A mostra poderá visitarse ata o próximo 7 de marzo. Pola súa parte, a AGPI produciu, coa colaboración da Subdirección Xeral de Bibliotecas, un pequeno vídeo para a difusión da súa vida e obra en internet, especialmente nas redes sociais:


Vídeo ‘Cebreiro – Día da Ilustración 2017’, con guión de Alberto Guitián, imaxe de Isabel Vila e música de Roberto Casteleiro

O cartel da edición deste ano está a cargo da ilustradora Perrilla. No programa, que pode descargase desde esta ligazón, encontramos diversas actividades desenvolvidas nas bibliotecas galegas; entre elas, obradoiros de cómic e ilustración, a cargo de Iago García, María Sánchez Lires, Perrila, Noemí López e David Buceta, un curso titulado «Grandes ilustradores da historia», e exposicións bibliográficas e de ilustracións.

[Nota de prensa sobre a presentación na web de Cultura.]

Pablo Auladell, Premio Nacional do Cómic 2016

27/10/2016

 Pablo Auladell foi galardoado hoxe co Premio Nacional do Cómic 2016 pola súa obra El paraíso perdido. O xurado escolleu esta obra, inspirada no poema homónimo de John Milton, por «o gran valor artístico e a forza visual inspirada pola intemporal visión de Milton, o seu tratamento da cor, o uso orixinal da iconografía e a narrativa, que consegue ao mesmo tempo ser arquetípica e plenamente actual». O premio, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros e ten como obxecto «distinguir a mellor obra desta especialidade publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano 2015».

Pablo Auladell (Alacante, 1972) é docente do Master Ars in Fabula e da AIF Summer School en Macerata (Italia). Ten ilustrado máis de trinta álbums, novelas e cómics, e a súa obra ten sido exposta en galerías e feiras de Madrid, Barcelona, Roma, Boloña e Xenebra. Co seu primeiro álbum de BD, El camino del titiritero, foi finalista na categoría de Autor revelación no Salón de Barcelona de 2002. En 2006 obtivo ese mesmo premio por La Torre Blanca (2005). Tamén foi recoñecido co premio do Ministerio de Cultura ás Mellores Ilustracións de Libros Infantís e Xuvenís en 2005 por Peiter, Peter y Peer y otros cuentos, de Hans Christian Andersen.

O xurado, presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, José Pascual Marco, e coa subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández, como vicepresidenta, estivo composto por Juan Díaz Canales, un dos autores galardoados en 2014; Ulises Ponce, designado pola AACE; Mamen Moreu, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP) —á que pertence á AGPI—; Eva Cosculluela, pola CEGAL; Anna Abella, pola Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic; Juan Bordes, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Elisa MacCausland, pola FAPE; María Soledad Sánchez, polo Instituto de Investigaciones Feministas de la Universidad Complutense de Madrid; e Gerardo Vilches, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

ENCONTRO DE PROFESIONAIS DE CÓMIC E ILUSTRACIÓN EN SANTANDER

08/10/2016



Desde Euskal Irudigileak Apie (Asociación Profesional de Ilustradores de Euskadi) en colaboración coa Librería Nexus (Santander) e a librería Joker (Bilbao), convidannos a asistir ao 1er CONGRESO EN SANTANDER DE PROFESIONAIS DE CÓMIC E ILUSTRACIÓN, que se celebrará o 22 de outubro no Palacio da Magdalena de Santander.

A finalidade do congreso é facer un analise da realidade da ilustración no noso país, ademáis de dar a coñocer aos asistentes a forma de desenvolver profesionalmente a actividade no mundo do cómic, achegandolles aos diferentes axentes que interveñen na edición.

Contarán coa presenza de editores internacionais (Greg Lockart, de DC Cómics) como nacionais ( Fernando Tarancón, Astiberri; Ricardo Esteban, Dibbuks), así como axentes asentados no cómic americano como Edu Alpuente e Alberto Garrido.   

O Premio Nacional de Ilustración, José Ramón Sánchez, dará unha charla, ademáis de contar cunha exposición dos seus libros ilustrados. Tamén se fará mención a iniciativa de Estrella Galicia no seu 110 aniversario, na que aposta polos autores de cómic e ilustración.

A asistencia ao Congreso é gratuita para todos os ilustradores e ilustradoras que o soliciten, antes do 17 de outubro, enviando un correo  info@euskalirudigileak.com, indicando nome, apelidos, email e teléfono móbil de contacto.

Trataranse, ademais, temas que preocupan aos profesionais como a asesoría fiscal, con Emilio Gonzalo Maio, os dereitos de autor na era dixital con deloyers.com, os micromachismos no cómic con Carla Berrocal, Como vivir (con saúde) do cómic con David Enebral, que nos contará a súa experiencia en Marvel Cómics, as verdades e mentiras do mundo da distribución, con representantes de SD distribucións e a educación postural e técnica de traballo con Iñaki Zubizarreta.

Máis información >> http://euskalirudigileak.com/1er-congreso-en-santander-de-profesionales-de-comic-e-ilustracion/

Exposición de Emma Ríos

30/09/2016



Exposición Bella Muerte de Emma Ríos, organizada no marco de FKM, Festival de Cinema Fantástico da Coruña, na súa 8ª edición. A exposición consiste nun conxunto de 72 obras orixinais a tinta pertencentes á primeira e segunda parte (inédita en España) do libro homónimo e outras obras de I.D., o seu último traballo persoal. Esta exposición complétase cunha intervención mural realizada pola artista na mesma sala.

A inauguración terá lugar este sábado 1 de outubro ás 13h na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27 - A Coruña). Alí a autora compartirá a súa experiencia e asinará exemplares da súa obra. Ademais poderedes degustar a cervexa artesá de trigo Bandua, amenizada cunha selección musical da propia autora.

Exposición do ilustrador Jano

30/09/2016


Podedes visitar a exposición de Jano
, na que, ademáis dunha mostra dos seus traballos, podedes atopar probas de impresión e edicións limitadas.
Inaugurouse o pasado xoves 29 de Setembro, na coctelería-restaurante-pub Belmont ( Rúa Trabajo, 13 - A Coruña )

Chega o Autobán 2016!

11/08/2016



Xa queda moi pouquiño para o Autobán!
Autobán é o minifestival de autoedición de Coruña, que este ano celebrarase en Nave 1839 desde a tarde do venres 12 de agosto á noite do sábado 13.

Venres 12
> O venres comeza co BRILÉ BRUTAL, un mundialillo do popular xogo, entre os participantes no Autobán e aqueles que queiran apuntarse (enviando correo a autoban.bd@gmail.com).

> A continuación AUTOCINE e AUTOBOMBO, actividades que irán intercaladas. O AUTOCINE será unha sesión de curtos de animación na que contamos con "Viaxe a pés" (2015) de Khris Cembe, "Astigmatismo" de Nicolai Troshinsky e Decorado (2016) de Alberto Vázquez, que fará unha presentación do seu curto.
O AUTOBOMBO son unha serie de presentacións rápidas a cargo de diversos participantes no Autobán, en formato 15x15 (15 imaxes por presentación, 15 segundos por imaxe).

Sábado 13
> O sábado comezase o MERCADILLO DE FANZINES ás 12:00, que se prolongará ata as 21:30.

> Ás 13 H. se celebra o MINIBÁN, unha actividade para todos os públicos, e especialmente para a chavalada. Consistirá nesta ocasión en tres microconciertos de bandas locais adaptados especialmente para público infantil.

> A partir das 14 H. haberá SESIÓN VERMÚ, DUELO DE DJs e COMIDA ECONÓMICA. Podedes comer no Autobán e gozar de boa música nun duelo épico de Miss Gozamales VS Beaal.
> Ás 17 H. PRESENTACIÓN de Guía Ninja de AGPI, a cargo de Alberto Guitián.
> Ás 18 H. MESA REDONDA Non nos mires, úneche!: Cultura alternativa e autogestión, con Sara Roca (Nave 1839), Miguel Porto (Bosquexo), Tonecho Otero (Freakemacine), Bernal Prieto (Autobán), moderados por Sira González.
> Ás 20 H. COMITÉ DE SABIOS Reunión no cume: revista de actualidade sobre BD con Emma Ríos (autora de cómics), Simón Branco (libreiro do Sindicato do Cómic), Señor B (crítico en Metrópoles Delirantes). Modera Óscar Iglesias.
> A partir das 22:30 comezará o COMBATE DE DEBUXANTES

>> Todas as actividades son gratuítas e de entrada libre.
>> Podedes consultar a programación completa do Autobán 2016 nesta ligazón

Firma de "O Gato Lunar", por Talía Perrilla

11/08/2016


Este xoves ás 19h a nosa socia Talía Perrilla estará a firmar exemplares de "O Gato Lunar", a súa primeira autopublicación, no caseta de AGPI en Viñetas desde o Atlántico.
Trátase dun cómic en branco e negro de 60 páxinas que conta a historia de Lunar, un gatito soñador que vive alleo ao mundo que lle rodea, e do seu precioso e adorado colar "Candadito"...
Este "cuquicómic" está á venda na propia caseta de AGPI ata o venres ou no mercadillo de fanzines do Autobán BD do sábado 13 de agosto, de 12-21.30h en Nave 1839.