AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

banjan
Emma Ríos

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Preséntase o Día da Ilustración 2017

25/01/2017


Cartel do Día da Ilustración 2017, a cargo de Perrilla

O Día da Ilustración 2017 presentouse esta mañá en Santiago de Compostela. O Día da Ilustración foi instituído pola Xunta de Galicia hai catro anos, como parte do seu Calendario do libro e da lectura, tomando a data do 30 de xaneiro, día de nacemento de Alfonso D. R. Castelao.

Este ano, por iniciativa da AGPI —que vén colaborando coa celebración desde o primeiro ano con pequenas actividades—, o Día da Ilustración vese reforzado coa homenaxe a un dos grandes ilustradores galegos históricos, Álvaro Cebreiro (A Coruña, 1903-1956), coa intención de que, ano tras ano, unha figura destacada da ilustración en Galicia reciba un merecido tributo para revalorizar a súa contribución á nosa cultura e á nosa sociedade.

Nesta ocasión, para celebrar o evento, a Biblioteca e Arquivo de Galicia organiza unha exposición, Cebreiro: o trazo da vangarda, centrada na súa obra. A mostra poderá visitarse ata o próximo 7 de marzo. Pola súa parte, a AGPI produciu, coa colaboración da Subdirección Xeral de Bibliotecas, un pequeno vídeo para a difusión da súa vida e obra en internet, especialmente nas redes sociais:


Vídeo ‘Cebreiro – Día da Ilustración 2017’, con guión de Alberto Guitián, imaxe de Isabel Vila e música de Roberto Casteleiro

O cartel da edición deste ano está a cargo da ilustradora Perrilla. No programa, que pode descargase desde esta ligazón, encontramos diversas actividades desenvolvidas nas bibliotecas galegas; entre elas, obradoiros de cómic e ilustración, a cargo de Iago García, María Sánchez Lires, Perrila, Noemí López e David Buceta, un curso titulado «Grandes ilustradores da historia», e exposicións bibliográficas e de ilustracións.

[Nota de prensa sobre a presentación na web de Cultura.]

Clase sobre trucos de color a cargo de
Bernal Prieto

07/05/2015

Mañá, venres 8, ás 18:00, o noso socio Bernal Prieto impartirá unha clase gratuíta titulada «Cómo hacer bitonos sin implosionar y otros trucos de Photoshop», que ensinará aos asistentes a sacar partido aos canais e modos de color, trucos para visualizar colores en pantalla, e máis. Será en The Room (rúa Afonso VII, 15, 15005 A Coruña).

A clase servirá ademais de presentación dos cursos que comezan a semana próxima no mesmo local; entre os varios que se ofrecen, o propio Bernal impartirá o titulado «Maquetando: Level 1 & Level 2», os martes e xoves desde o 13 de maio ata o 3 de xuño, en horario de 19:30 a 21:30. Este curso ten un custo de 55 euros.

Clases de ilustración ‘online’ de Víctor Rivas

26/02/2015

Desde a web www.clasesdeilustracion.com, o noso socio Víctor Rivas ofrece unha «escola de ilustración 2.0», con clases permanentes en liña, titorías profesionais, clases maxistrais e talleres de ilustración e narración gráfica a través de sesións de Hangouts de Google+, o que permite levar a cabo videoconferencias, chats e intercambio de arquivos, e compartir a pantalla para ver ao instante o manexo dos programas por parte dun profesional.

As titorías e clases van dirixidas a grupos de non máis de seis persoas. Víctor Rivas ofrece apoio, seguimento, consultas e correccións a través de correo electrónico e redes sociais, con seguimento diario de preguntas e dúbidas desde o foro en Facebook. Calquera persoa interesada, independentemente do seu nivel na ilustración, pode participar, con prezos que van desde os 20 euros.

Autobom, novo minifestival de autoedición

19/02/2015


Cartel a cargo de Bernal Prieto, con ilustración de José Domingo

Esta fin de semana ten lugar na Coruña o Autobom, minifestival de autoedición invernal, que é irmán o Autobán do pasado mes de agosto, e novamente conta coa colaboración da AGPI na súa organización.

Autobom desenvolverase ao longo do venres 20 e o sábado 21. Será un evento aberto dedicado á autoedición e ao cómic de autor, e incluirá unha serie de actividades relacionadas co tema. Busca ser punto de encontro para os creadores que se autoeditan, e por iso todas as actividades teñen un enfoque aberto e colaborativo. O lugar de realización será The Room (rúa Afonso VII, 15, 15005 A Coruña).

O programa comeza mañá, venres 20, de 18:00 a 21:00 h, «Autolab»: actividades creativas coa axuda dos impulsores do Lab·Ou, con idea de montar ao largo do envento un fanzine (Autozine), cuxo contido proveña do cómic común que se faga, además das colaboracións recibidas vía e-mail. De 21:30 a 23:00 h, Concerto ilustrado, con música de Mglon e debuxos de Roque Romero.

O sábado 21 haberá, durante todo o día, un mercado de fanzines nunha mesa común. De 12:30 a 13:30 h, desenvolverase un curso de maquetación de fanzines, a cargo de Bernal Prieto. Entre 13:30 e 15:00 h, Sesión Vermú, con música, bebida e petiscos. De 17:00 a 18:30 h, sesión de estampación y cosido a cargo de Paula Fraile. Finalmente, de 18:30 a 20:00 h, mesa redonda de autoedición, un debate aberto cos asistentes.

Taller de Ilustración de Kristina Sabaite

10/02/2015

A nosa socia Kristina Sabaite impartirá durante os próximos meses o taller «Ponte a ilustrar», dirixido tanto a ilustradores como a persoas sen experiencia na ilustración. Trátase dun curso creativo, de tipo práctico, que terá unha periodicidade semanal (cada xoves, de 17:00 a 18:30 h), e será terá lugar entre marzo e xuño no Simia Espacio (rúa Instituto oceanográfico, 2, 36202 Vigo).

O curso pode pagarse en catro mensualidades de 40 euros, ou ben con desconto nun único pagamento de 140 euros. A inscrición está aberta ata o próximo 25 de febreiro, e o taller dará comezo o 5 de marzo.

Actividades nas bibliotecas o Día da Ilustración

29/01/2015


Cartel oficial do Día da Ilustración 2015, por Miguelanxo Prado

Á parte do acto central do Día da Ilustración —a mesa redonda organizada coa AGPI, mañá, venres 30, ás 19:00 h co título «As mil caras da ilustración: novos campos e soportes para o traballo ilustrado» (na Biblioteca Pública Miguel González Garcés, rúa Miguel González Garcés, 15008 A Coruña)—, as bibliotecas nodais galegas van acoller un bo número de actividades relacionadas co mundo da ilustración, moitas delas en colaboración con socios da AGPI.

Así, na propia biblioteca Miguel González Garcés, este sábado Xosé Tomás desenvolve o obradoiro creativo de banda deseñada «Coñécete a través dos cadriños» (para nenos de 6 a 12 anos).

Noemí López impartirá un taller de ilustración na Biblioteca Pública de Lugo (avda. Ramón Ferreiro, s/n, 27002 Lugo) mañá a partir das 18:00 h. Está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.

A Biblioteca Pública Juan Compañel (rúa Joaquín Yáñez, 6 36202 Vigo) acolle, desde mañá ata o 2 de febreiro, a mostra «Marcopola, a illa remeira», de Jaboco Fernández, que ademais ofrecerá o sábado, ás 12:30, unha charla aberta a todo o público interesado. No mesmo lugar, a partir das 12:00, Noemí López será tamén a encargada de dirixir un taller de ilustración dirixido a cativos de máis de 3 anos.

A Biblioteca Pública de Ourense (rúa Concello, 11, 32003 Ourense) tamén programou para o sábado ás 11:30 un obradoiro de cómic, a cargo de Yago García.

Finalmente, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (avenida de Xoán XXIII, s/n, 15704 Santiago de Compostela) permanece ata mañá unha exposición bibliográfica dedicada aos ilustradores galegos.

Actividades da AGPI no Día da Ilustración

27/01/2015


Carteis con deseño e ilustración de Nuria Díaz

Esta fin de semana, con motivo da celebración en Galicia do Día da Ilustración —instituído oficialmente o ano pasado, tomando como data o 30 de xaneiro, aniversario do nacemento de Castelao—, van celebrarse varios actos e actividades organizados ou participados pola AGPI, en Vigo e na Coruña.

O comezo do programa será o acto institucional do Día da Ilustración, en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia: o propio venres 30 ás 19:00 h na Biblioteca Pública Miguel González Garcés (rúa Miguel González Garcés, 15008 A Coruña) terá lugar unha mesa redonda, baixo o título «As mil caras da ilustración: novos campos e soportes para o traballo ilustrado». Nela participarán os nosos socios Marina Seoane, Sekone e Alberto Guitián, e aproveitarase a ocasión para presentar publicamente a nova publicación da asociación, o Caderno AGPI 2015.

Ademais, en The Room (rúa Afonso VII, 15, 15005 A Coruña) desenvolverase o venres ás 20:00 h unha sesión de Drink & Draw a cargo do Colectivo Miñoco. Neste caso, ademais das habituais probas de debuxo, os participantes poderán xerar obras para vender o sábado no Ilustratón: decorrerá de 11:30 a 15:30 e de 17:00 a 22:30 h, tamén en The Room, e consistirá nunha exposición de orixinais de diversos ilustradores, que se venderán ao prezo único de 20 euros. Tratarase de debuxos orixinais rápidos ou de tipo bosquexo, en tamaño A5 e asinados, principalmente a cargo de socios da AGPI. Nese mesmo lugar, e co mesmo horario, poderá visitarse tamén o Mercado de Ilustración AGPI, un posto de produtos de AGPI e dos seus socios.

E de 12:00 a 13:30 h, terá lugar o Curso de iniciación a Affinity Designer, un novo software de debuxo vectorial, a cargo de Bernal Prieto. Entre 13:30 e 15:30 h, a Sesión Vermú permitirá confraternizar, con petiscos a cargo de The Room. Xa ás 18:00, unha sesión de Pictionary por Miñoco, co popular xogo nun formato aberto, áxil e divertido. Finalmente, de 21:00 a 22:30 unha nova edición do IlustraNoite, con micropresentacións de varios autores e xente relacionada coa ilustración.

Polo que respecta a Vigo, no café Detrás do Marco (rúa Londres, s/n, 36202 Vigo) o venres 30, ás 22:00 h, haberá outro IlustraNoite, e durante toda a fin de semana, exposición dos participantes nel. O sábado 31, ás 23:00 h, en La Fiesta de los Maniquíes (rúa Rogelio Abalde, 11, 36201 Vigo), novo Combate de Debuxantes, no que varios contendentes se enfrontarán ilustrando en gran formato e con tempo limitado conceptos ao azar.

Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta.

Clase maxistral de Ajubel

07/10/2014

Están xa a ultimarse os detalles para a undécima edición do Encontro Galego de Ilustración, que decorrerá en Santiago de Compostela o vindeiro 25 de outubro. Nos próximos días darase a coñecer o programa, pero pode avanzarse xa que o día anterior, o venres 24, a AGPI organiza tamén unha clase maxistral a cargo dun dos convidados do Encontro, o prestixioso ilustrador Ajubel, que falará durante dúas horas sobre o seu multipremiado libro Robinson Crusoe. A clase terá lugar ás 18:30 h, no salón de actos do Centro Cultural Afundación (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela).

O custo de inscrición é de 10 euros (5 euros para os socios da AGPI). As prazas son limitadas, e para inscribirse hai que seguir as instrucións que aparecen nesta ligazón.

Curso de cómic por María Álvarez e Jorge Peral

02/10/2014

Os nosos socios María Álvarez e Jorge Peral imparten, a partir deste mes, un curso de cómic na librería Alita Comics Orzán (rúa Orzán 94, 15003 A Coruña). O curso, dividido en 3 módulos (debuxo aplicado a cómic, narrativa gráfica e autoedición) está dirixido a rapaces e rapazas de máis de 10 anos. Trátase de que os alumnos creen un cómic breve e despois recompilar todos os traballos nun fanzine que se venderá na propia tenda.

O curso impartirase os xoves, cada 15 días, e o seu custo é de 20 euros por módulo (e non é obrigatorio asistir a todos os módulos). Hoxe, xoves 2, terá lugar na tenda unha reunión ás 18:00 h para dar información ás persoas interesadas e explicarlles a mecánica do curso. Esta primeira reunión é de balde e sen compromiso. Pode encontrarse máis información aquí.

Cursos exprés ‘Soy ilustrador, ¿y ahora qué?’,
en Vigo e A Coruña

13/05/2014

Carteis dos cursos exprés en Vigo e A Coruña

O «Tour curso exprés» de Ilustrando Dudas chega a Galicia coa colaboración da AGPI este mesmo mes. Serán dúas citas, en Vigo e na Coruña, o 30 e o 31 de maio, respectivamente.

O curso, titulado Soy ilustrador, ¿y ahora qué? Un recorrido paso a paso hacia la ilustración profesional está impartido pola ilustradora io Bru, unha das promotoras de Ilustrando Dudas. Ao longo das súas tres horas de duración, repasa todas as partes do traballo diario do ilustrador, dando ferramentas e consellos e respondendo as dúbidas máis recorrentes. Trátase, por tanto, dun curso de iniciación, enfocado a estudantes de ilustración, xente que está a comezar e autodidactas, aínda que interesará a moitos profesionais en activo para resolver dúbidas.

Os cursos exprés galegos serán o viernes 30 de maio, a partir das 16:00 h na EMAO (avenida de García Barbón 5, 36201 Vigo), e o sábado 31 de maio a partir das 16:30 na Fundación Luís Seoane (rúa de San Francisco s/n, 15001 A Coruña).

Ao final do curso haberá petiscos para os asistentes e un sorteo de tres lotes de material entre eles.

Para inscribirse o prezo é de 20 euros (16 euros no caso de socios da AGPI). As prazas son limitadas. Pode accederse a máis información sobre o curso nos carteis reproducidos enriba, ou ben aquí (Vigo) e aquí (A Coruña).

Ademais, eses mesmos días pola noite haberá, como colofón da xornada, un IlustraNoite en cada cidade, do que se dará máis información nos próximos días.