AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Aida Alonso Vázquez

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Campaña de ‘crowdfunding’ para a edición de ‘Corazón de piedra‘

14/05/2015

Corazón de piedra (ou Heart of Stone, na súa versión en inglés) é o título do libro dixital interactivo que o noso socio José Gimeno ten dispoñible desde o ano pasado nas plataformas iTunes e Amazon. Agora, José iniciou tamén unha campaña de microfinanciamento a través de IndieGoGo, para conseguir a súa edición en papel, tanto en español como en inglés. A partir de 7 euros pode participarse na campaña, con diferentes recompensas segundo o nivel da achega económica.

Jorge Peral presenta o videoxogo ‘Nanomachina’

30/04/2015

Nanomachina é un videoxogo gratuíto creado en 72 horas, con motivo da Ludum Dare. No seu desenvolvemento participaron Javier Carpio como programador, Sergio de Prado no son, Víctor Fernández no deseño de mecánicas e niveis e o noso socio Jorge Peral nos gráficos.

O xogo pode descargarse gratis; de momento, é só compatible con Windows, aínda que está analizándose a viabilidade de versións para outros sistemas operativos. Neste vídeo pode verse un timelapse dos tres días de traballo para a súa realización.

Xan Carpente deseña os gráficos de
‘Halloween Witch Hunter’

30/10/2014

O noso socio Xan Carpente acaba de presentar Halloween Witch Hunter, un xogo para dispositivos móbiles Android con temática apropiada para estes próximos días do Samaín.

Xan
encargouse da creación de personaxes e escenarios, e Jorge Bargo da historia, o guión e a programación, e é a súa primeira aproximación ao mundo do xogos no móbil.

A base do xogabilidade de Halloween Witch Hunter está baseada nos tempos de reacción á hora de abater os monstros de Halloween, e trátase dun xogo orientado tanto a rapaces como a maiores. O xogo pode adquirirse xa en Googleplay por 1 euro, neste enlace.

Chega o XI Encontro Galego de Ilustración

17/10/2014

Cartel do Encontro, a cargo de Ajubel (deseño de Luis Sendón)

Lluís M. Abián, Ajubel e Nati Rodríguez, convidados deste ano


Todo está xa preparado para a undécima edición do Encontro Galego de Ilustración, que decorrerá, baixo a organización da AGPI, o próximo sábado 25 de outubro, no salón de actos do Centro Cultural Afundación (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela).

A xornada comezará ás 10:00 h con tres charlas centradas, desde diferentes perspectivas, no mundo do libro dixital e as aplicacións para dispositivos móbiles. A primeira intervención será a de Lluís M. Abián, ilustrador e editor, experto en edición dixital que xa desenvolveu cursos sobre este tema en lugares como Madrid e México. A súa charla titularase «Story-apps, cómics e libros dixitais: a experiencia de iLubuc».

Despois dun descanso para café ofrecido no propio local do Encontro, ás 11:45 chegará o relatorio de Ajubel, prestixioso ilustrador premiado en multitude de ocasións (como por exemplo na Feira de Boloña), e con ampla experiencia nos medios dixitais. O título da súa intervención será «Como ilustrar para as novas tecnoloxías».

Finalmente, contra as 13:00 h, Nati Rodríguez, responsable do desenvolvemento, a través da empresa i con i, de eventos como o Ilustratour, o Festival Ñam, o Máster en Álbum Ilustrado ou IlustraLab, falará sobre presente e futuro da ilustración na súa charla «Despregar as alas: o voo da ilustración».

Pola tarde haberá actividades reservadas aos socios da AGPI, como a asemblea xeral da asociación, e pola noite volverá a actividade aberta a todos os públicos, coa Festa do XI Encontro, que terá lugar no Embora Bar (rúa Tras San Fiz de Solovio 2, 15704 Santiago de Compostela). A festa incluirá o dobre concerto de Los Mecánicos (banda dedicada ás versións de clásicos dos 60) e Os Superheroes (especializada en versións de temas de series de animación).

Como complemento ao programa, tal e como se adiantaba hai uns días, o venres 24, ás 18:30 h, desenvolverase tamén unha clase maxistral impartida por Ajubel acerca do seu libro Robinson Crusoe. A clase será no mesmo lugar do Encontro (Centro Cultural Afundación), e terá un custo de 10 euros (5 euros para socios da AGPI). As prazas desta actividade (a única de pago no programa) son limitadas; as inscricións han de facerse mediante esta ligazón.

O programa completo pode descargarse aquí (PDF, 2,05 MB).

Tucho Fernández Calo presenta ‘FullBlast’

15/10/2014

FullBlast é o título deste videoxogo «de corte clásico pero con tecnoloxía actual», en palabras dos seus creadores. Desenvolveuno o equipo formado polo programador Alejandro Pérez e o noso socio Tucho Fernández Calo, que se encargou de todo o capítulo gráfico, desde a dirección artística ata a creación dos modelos.

O xogo está dispoñible para móbiles e tablets en versión para iOS e para Android, e pode encontrarse en inglés, castelán e catalán, aínda que está prevista tamén unha versión en galego. O primeiro nivel é gratuíto, e o xogo completo custa 1,79 euros.

Tucho publicou moito material gráfico sobre o proceso de creación do xogo neste fío do foro Polycount.