AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

A pedra e as formigas
Jacobo Fernández Serrano

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Chega o XI Encontro Galego de Ilustración

17/10/2014

Cartel do Encontro, a cargo de Ajubel (deseño de Luis Sendón)

Lluís M. Abián, Ajubel e Nati Rodríguez, convidados deste ano


Todo está xa preparado para a undécima edición do Encontro Galego de Ilustración, que decorrerá, baixo a organización da AGPI, o próximo sábado 25 de outubro, no salón de actos do Centro Cultural Afundación (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela).

A xornada comezará ás 10:00 h con tres charlas centradas, desde diferentes perspectivas, no mundo do libro dixital e as aplicacións para dispositivos móbiles. A primeira intervención será a de Lluís M. Abián, ilustrador e editor, experto en edición dixital que xa desenvolveu cursos sobre este tema en lugares como Madrid e México. A súa charla titularase «Story-apps, cómics e libros dixitais: a experiencia de iLubuc».

Despois dun descanso para café ofrecido no propio local do Encontro, ás 11:45 chegará o relatorio de Ajubel, prestixioso ilustrador premiado en multitude de ocasións (como por exemplo na Feira de Boloña), e con ampla experiencia nos medios dixitais. O título da súa intervención será «Como ilustrar para as novas tecnoloxías».

Finalmente, contra as 13:00 h, Nati Rodríguez, responsable do desenvolvemento, a través da empresa i con i, de eventos como o Ilustratour, o Festival Ñam, o Máster en Álbum Ilustrado ou IlustraLab, falará sobre presente e futuro da ilustración na súa charla «Despregar as alas: o voo da ilustración».

Pola tarde haberá actividades reservadas aos socios da AGPI, como a asemblea xeral da asociación, e pola noite volverá a actividade aberta a todos os públicos, coa Festa do XI Encontro, que terá lugar no Embora Bar (rúa Tras San Fiz de Solovio 2, 15704 Santiago de Compostela). A festa incluirá o dobre concerto de Los Mecánicos (banda dedicada ás versións de clásicos dos 60) e Os Superheroes (especializada en versións de temas de series de animación).

Como complemento ao programa, tal e como se adiantaba hai uns días, o venres 24, ás 18:30 h, desenvolverase tamén unha clase maxistral impartida por Ajubel acerca do seu libro Robinson Crusoe. A clase será no mesmo lugar do Encontro (Centro Cultural Afundación), e terá un custo de 10 euros (5 euros para socios da AGPI). As prazas desta actividade (a única de pago no programa) son limitadas; as inscricións han de facerse mediante esta ligazón.

O programa completo pode descargarse aquí (PDF, 2,05 MB).

0 comentarios nesta noticia: