AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

agenesia
Emma Ríos

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Premio Nacional do Cómic para
Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido

12/11/2014

Onte dábase a coñecer o Premio Nacional do Cómic correspondente a 2014. O galardón, que outorga cada ano o Ministerio de Cultura e que distingue a mellor obra de banda deseñada publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano 2013, recaeu nesta edición nos autores Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido, pola súa obra Amarillo, pertencente á serie «Blacksad». O xurado elixiu esta obra «por ser unha BD de calidade sen fronteiras, cargada de referencias culturais e cunha óptima execución», e considerou que a escolla constitúe «un recoñecemento ao cómic para o gran público».

Juan Díaz Canales (Madrid, 1972) estudou Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid. En 1996 fundou, xunto con otros tres artistas, a compañía Tridente Animation. Ten traballado con compañías europeas e estadounidenses, escribindo argumentos e guións para cómics e filmes de animación, así como layouts e storyboards para series e longametraxes de animación.

Juanjo Guarnido
(Salobreña, Granada, 1967) comezou a traballar nun estudio madrileño de animación nos anos 90 e realizou layouts e storyboards para diversos proxectos. En 1993 trasladouse a vivir a Francia, onde pasou a traballar como animador en filmes como Hércules, Tarzán e Atlantis. Posteriormente tamén traballou na coprodución hispano-francesa Nocturna.

Canales e Guarnido realizan xuntos desde o ano 2000 a serie «Blacksad», da que levan publicados cinco títulos, e que xa ten sido premiada en numerosas ocasións (Salón do Cómic de Barcelona en 2001 e 2006, Harvey Award en 2005, Festival de Angoulême en 2005, Expocómic de Madrid en 2010, dous premios Eisner en 2013).

O xurado desta edición estivo composto por Alfonso Zapico, autor galardoado en 2012; Miguelanxo Prado, galardoado en 2013; Olga Carmona, designada pola Asociación de Autores de Cómic de España (AACE); Carla Berrocal, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP) —á que pertence a AGPI; Jaime Martín, pola CEGAL; Pablo Herreros, pola FAPE; Asunción Bernárdez, polo Instituto de Investigaciones Feministas da Universidade Complutense de Madrid; e Manuel Barrero, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

0 comentarios nesta noticia: