AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Aida Alonso Vázquez

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

O oficio de ilustrar: encontro con Carme Solé

12/04/2016

A ilustradora e pintora barcelonesa Carme Solé Vendrell será a protagonista dunha charla-encontro que, co lema “O oficio de ilustrar”, se celebrará este xoves ás 18.30h na Galería Sargadelos de Santiago, no marco da XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura.
Carme Solé falará da súa ampla traxectoria artística: máis de 700 títulos, entre álbums e libros de texto, publicados internacionalmente; participación en diversas exposicións; colaboracións en proxectos de escenografía; ademáis  de impartir cursos de ilustración en Europa, América e Asia. Cabe destacar o Premio Nacional de Ilustración que recibiu en 2013, polo conxunto da súa obra.

Carme Solé visitará a exposición de ilustracións, libros e instalacións artísticas da Campaña “Contos para despois da chuvia”, na que se pode ver unha selección de imaxes do seu álbum “A lúa de Xoán”, publicado por Kalandraka. Publicado orixinalmente en 1982, trátase dun dos traballos máis importantes na bibliografía desta autora, por ter marcado a súa proxección internacional.

“A lúa de Xoán”, aborda o temor á morte e a forma de afrontalo. Esta é unha das cualidades que sobresaen da súa produción editorial: a reflexión -a través da ilustración e da literatura- sobre temas profundos como a soidade, a tristura ou a perda dun ser querido; un interés que responde ao compromiso da autora por falarlles aos nenos e ás nenas sobre os seus medos e darlles respostas que non atopan nos adultos.

0 comentarios nesta noticia: