AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

La mujer muerta de Segovia (detalle).
Carlos Arrojo

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Preséntase o Día da Ilustración 2017

25/01/2017


Cartel do Día da Ilustración 2017, a cargo de Perrilla


O Día da Ilustración 2017 presentouse esta mañá en Santiago de Compostela. O Día da Ilustración foi instituído pola Xunta de Galicia hai catro anos, como parte do seu Calendario do libro e da lectura, tomando a data do 30 de xaneiro, día de nacemento de Alfonso D. R. Castelao.

Este ano, por iniciativa da AGPI —que vén colaborando coa celebración desde o primeiro ano con pequenas actividades—, o Día da Ilustración vese reforzado coa homenaxe a un dos grandes ilustradores galegos históricos, Álvaro Cebreiro (A Coruña, 1903-1956), coa intención de que, ano tras ano, unha figura destacada da ilustración en Galicia reciba un merecido tributo para revalorizar a súa contribución á nosa cultura e á nosa sociedade.

Nesta ocasión, para celebrar o evento, a Biblioteca e Arquivo de Galicia organiza unha exposición, Cebreiro: o trazo da vangarda, centrada na súa obra. A mostra poderá visitarse ata o próximo 7 de marzo. Pola súa parte, a AGPI produciu, coa colaboración da Subdirección Xeral de Bibliotecas, un pequeno vídeo para a difusión da súa vida e obra en internet, especialmente nas redes sociais:


Vídeo ‘Cebreiro – Día da Ilustración 2017’, con guión de Alberto Guitián, imaxe de Isabel Vila e música de Roberto Casteleiro

O cartel da edición deste ano está a cargo da ilustradora Perrilla. No programa, que pode descargase desde esta ligazón, encontramos diversas actividades desenvolvidas nas bibliotecas galegas; entre elas, obradoiros de cómic e ilustración, a cargo de Iago García, María Sánchez Lires, Perrila, Noemí López e David Buceta, un curso titulado «Grandes ilustradores da historia», e exposicións bibliográficas e de ilustracións.

[Nota de prensa sobre a presentación na web de Cultura.]

0 comentarios nesta noticia: