AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Brais Rodríguez Verde

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Miguelanxo Prado, Premio Nacional do Cómic

31/10/2013

Esta mañá deuse a coñecer que Miguelanxo Prado foi galardoado co Premio Nacional do Cómic 2013, pola súa obra Ardalén. O xurado destacou «o carácter poético da súa obra, que mestura a realidade co soño, a memoria e o esquecemento, e a súa mestría técnica no uso da cor». O premio, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, ten como obxecto distinguir a mellor obra desta especialidade publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano anterior, e está dotado con 20 000 euros.

Miguelanxo Prado (A Coruña, 1956) ten publicado, entre outros, os álbums de banda deseñada Fragmentos de la Enciclopedia Délfica (1985), Stratos (1987) e Trazo de xiz (1990). En animación, deseñou os personaxes da serie Men in Black (1997), produciu a serie Os vixilantes do Camiño (2000), e produciu e dirixiu a longametraxe De Profundis (2007). É ademais director do salón do cómic Viñetas desde o Atlántico desde 1998, e membro da Real Academia Galega de Belas Artes desde 2009. É miembro da Comisión de Profesionais do Observatorio da Ilustración Gráfica.

O xurado estivo composto por Ulises Ponce, a proposta da AACE; Nacho Casanova, por FADIP; Rocío Orraca pola CEGAL; Laura Pérez Vernetti por Ficómic; Víctor Nieto pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Fátima Ruiz Bacaicoa pola FAPE; Isabel Tajahuerce polo Instituto de Investigaciones Feministas da Universidad Complutense de Madrid; Paco Camarasa polo Ministro de Educación, Cultura e Deporte, e mais os dous últimos autores galardoados, Santiago Valenzuela e Alfonso Zapico.

0 comentarios nesta noticia: