AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

A Bañeira
Cristal Reza Cardero

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Entrevista a José Domingo na TVG

hai 1 día

O programa Zigzag Diario da TVG ofreceu este luns, día 14, unha entrevista co noso socio José Domingo, acerca do seu recente premio á Mellor obra nacional no Salón do Cómic de Barcelona. O vídeo, de 5 minutos, está xa na web da Televisión de Galicia e pode verse aquí.

David Pintor ilustra a Celso Emilio

hai 1 día

Dun tempo e dunha terra é unha antoloxía poética de Celso Emilio Ferreiro editada por Tambre no ano dedicado ao escritor de Celanova.

Trátase dunha selección de Gonzalo Navaza, que conta con ilustracións do noso socio David Pintor, e que pode encontrarse xa nas librarías.

Presentación de ‘O neno can’

hai 2 días

Mañá, mércores 16 de maio, ás 12:30, na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela (avenida de Xoán XXIII s/n,
15704 Santiago de Compostela),
terá lugar a presentación de O neno can, un libro sobre os dereitos da infancia realizado a favor de Unicef.

A obra, con textos de Fina Casalderrey e Francisco Castro, conta con ilustracións da nosa socia Patricia Castelao. No acto de presentación, ademais dos tres autores, estarán o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e mais o presidente de Unicef, Manuel Sánchez Macho.

A Fnac acolle unha charla sobre ‘Sálpock’

hai 2 días

Mañá, 16 de maio, ás 19:00 h, os autores do cómic Sálpock: O val dos Cegos, Álvaro López e Luis Sendón, estarán na Fnac da Coruña (Mercado Eusebio da Guarda, praza de Lugo s/n, 15004 A Coruña) falando sobre a súa obra, presentados por Henrique Torreiro.

Durante a charla proxectaranse imaxes e mais o tráiler da obra, e para finalizar haberá unha sesión de sinaturas para o público presente.

Charlas de David Rubín en Bilbao e Pontevedra

hai 2 días

O noso socio David Rubín estará este xoves, día 17, ás 19:00 h, na Alhóndiga Bilbao falando sobre «novela gráfica e aventura» con Javier de Isusi e Borja Crespo. A actividade, de entrada libre, enmárcase no ciclo «Aurrez Aurre/En primera persona» deste centro cultural bilbaíno.

De volta en Galicia, o sábado 19, David impartirá unha clase maxistral sobre creación de novelas gráficas na escola de banda deseñada O Garaxe Hermético (rúa Álvaro Cunqueiro 4 baixo, 36002 Pontevedra). A clase decorrerá entre as 10:30 e as 14:30 h, e o seu prezo de inscrición é de 25 euros.

Lanzamento de ‘Sálpock’ en Ferrol

hai 6 días

Mañá, sábado 12 de maio, ás 12:00 h, será presentado o álbum Sálpock: O val dos Cegos, de Álvaro López e Luis Sendón, na librería Metrópolis Cómics (rúa de María 183, 15401 Ferrol).

Sálpock resultou finalista do Premio Castelao 2011 e está publicada por Demo Editorial, que como complemento puxo a disposición dos lectores un xogo de rol ambientado no propio universo da obra (descargable da rede coa información contida no libro). O tráiler desta BD pode verse aquí.

O acto de presentación finalizará cunha sesión de sinaturas dos autores, e mais uns petiscos para os presentes.

Como curiosidade, o día anterior haberá en Ferrol un concerto gratuíto da banda grindcore de Luis Sendón, Nashgul. Máis detalles, aquí.

David Pintor, premiado en Sharjah

09/05/2012

O noso socio David Pintor recibiu nos últimos días o 2.º premio do concurso convocado pola Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Sharja —emirato árabe fronteirizo con Dubai— polas ilustracións do libro Almanaque musical. O 1.º premio foi para o mexicano Gabriel Pacheco.

David vén de expoñer tamén nas últimas semanas na mostra Le immagini della fantasia da Feira de Boloña, e orixinais do libro Minimalario na libraría Papa-libros do Porto.

Foto: Gálix.

Morreu Maurice Sendak

08/05/2012

O célebre autor de literatura infantil estadounidense Maurice Sendak, considerado un dos ilustradores de contos infantís máis importantes do século XX, morreu hoxe nun hospital de Connecticut aos 83 anos, segundo The New York Times.

Sendak saltou á fama en 1963 coa publicación de Onde viven os monstros, obra que foi adaptada nos últimos anos á gran pantalla. Os contos deste escritor e ilustrador, que introduciron o lector nun mundo máxico de grandes riquezas visuais e narrativas, foron unha parte fundamental da infancia estadounidense desde os anos sesenta.

Máis información en castelán, nesta ligazón.

‘Habelos, hainos' chega a Carballo

07/05/2012

Ilustradores galegos: Habelos, hainos é o título da exposición que, coa colaboración da AGPI, formou parte do programa do pasado Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, e que pode verse aquí na súa versión en liña.

Desde onte e ata o próximo día 11 de maio, pode visitarse no Pazo da Cultura de Carballo (rúa do Pan s/n, 15100 Carballo, A Coruña), dentro da VII Semana do Libro e a Lectura.

José Domingo, premiado no Salón de Barcelona

07/05/2012

A obra Aventuras de un oficinista japonés, do noso socio José Domingo, resultou finalmente gañadora do Premio á Mellor obra nacional do trixésimo Saló Internacional del Còmic de Barcelona, desenvolvido esta fin de semana. O galardón está dotado con 10.000 euros.

O Premio Autor revelación, pola súa parte, foi para Lola Lorente —tamén afincada desde hai uns anos na Coruña—, co seu álbum Sangre de mi sangre.

A noticia completa dos premios outorgados, nesta ligazón.

Foto: Ficomic.

Actualización: entrevista a José Domingo na web de RTVE.