AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Cantigas para aprender a soñar
Minia Regos Sanz

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Víctor Rivas ilustra o Premio Merlín 2014

30/09/2014

Escarlatina, a cociñeira defunta é o título do libro gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2014. A obra, escrita por Ledicia Costas, chegou este mes ás librerías con ilustracións do noso socio Víctor Rivas.

Outro libro ilustrado por Rivas e publicado estas semanas na mesma editorial é Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras.

Anúnciase a adaptación cinematográfica de
‘A man do diaño’

04/07/2014

Diversos medios (por exemplo, Abc, Faro de Vigo ou Audiovisual 451) recolleron onte e hoxe a noticia da compra dos dereitos de adaptación fílmica do libro de banda deseñada A man do diaño, do noso socio Brais Rodríguez, por parte da produtora lalinense No Majors Films. O proxecto conta xa coa participación do guionista e dramaturgo galego Jacobo Paz para o guión adaptado.

O libro A man do diaño foi gañador do Premio Castelao de BD en 2010, e editado en galego por Demo Editorial e en castelán por Astiberri.

Kiko da Silva gaña o Premio Castelao de BD

01/07/2014

A Deputación da Coruña deu a coñecer esta mañá que a obra gañadora do Premio Castelao de BD 2014 é O inferno do debuxante, de Kiko da Silva. O xurado, composto por Miguelanxo Prado, Ángel de la Calle e Carlos Portela, resaltou a «grandísima calidade» das obras presentadas este ano.

Comezou o Salón do Cómic de Barcelona

15/05/2014

Desde hoxe e ata o domingo, día 18, decorre en Barcelona o Salón Internacional del Cómic, que, como nos últimos anos, conta cunha destacada presenza galega.

Entre as exposicións, unha sobre o humor gráfico en España (titulada Por el derecho a sonreír), que inclúe traballos do noso socio David Pintor (como parte do dúo Pinto & Chinto), e a dedicada á novela gráfica gañadora do Premio á mellor obra nacional o ano pasado, Ardalén, de Miguelanxo Prado.

Entre os candidatos a ese mesmo premio deste ano figura Beowulf, de Santiago García e o noso socio David Rubín —que ademais é noticia porque acaba de ser publicada en Francia, da man da prestixiosa Éditions Casterman—. David estará asinando exemplares das súas obras no salón, e toda a información ao respecto pode lerse no seu blog. Outro socio noso que estará a asinar as súas publicacións é José Domingo, que anuncia os seus horarios de firmas tamén na rede.

Por outra parte, paralelamente se desenvolve ademais en Barcelona unha nova edición da feira Graf, dedicada á edición independente de banda deseñada. Nela tamén estará asinando José Domingo, e ademais a nosa socia Emma Ríos intervirá na mesa redonda «Superhéroes de autor», o sábado, ás 12:00 h.

Actualización (22/5/2014):
A mesa redonda coa intervención de Emma Ríos pode verse completa en vídeo en dúas partes, aquí e aquí.

Emma Ríos e José Domingo, candidatos aos Eisner Awards

16/04/2014

Onte deuse a coñecer a lista de candidatos deste ano aos Premios Eisner, os máis importantes da industria do cómic estadounidense, que se entregan cada ano na San Diego Comic-Con. Na lista están presentes dous dos nosos socios: Emma Ríos e José Domingo.

Emma Ríos é candidata en dúas categorías, como mellor debuxante e como mellor portadista, en ambos os dous casos pola súa serie Pretty Deadly, creada conxuntamente con Kelly Sue DeConnick, que á súa vez tamén é candidata como mellor guionista; a serie ten aínda unha candidatura máis, coa colorista Jordie Bellaire.

Por súa parte, José Domingo é candidato na categoría de mellor edición estadounidense de material internacional, por Adventures of a Japanese Businessman, a versión para o mercado anglosaxón da súa premiada novela gráfica Aventuras de un oficinista japonés, a cargo da independente británica Nobrow.

Os premios coñeceranse o 25 de xullo, durante a gala de entrega dos galardóns na Comic-Con.

Gañadores do Premio Compostela
de Álbum Ilustrado 2014

16/04/2014

A obra Ícaro, do ilustrador Federico Delicado, foi distinguida co VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, dotado con 9000 euros e coa publicación nas cinco linguas peninsulares. O xurado do certame destacou da obra gañadora a súa «perfecta simbiose entre texto e ilustración, que se complementan mutuamente e ofrecen múltiples lecturas».

Ademais, o xurado declarou finalista o álbum Sonho Com Asas, de Fátima Afonso e Teresa Martinho Marques, e recomendou a edición de Antoni Gaudí, de Dàlia Adillón; Pescadoras, de Nadia Menotti; e Máquina Ballena, do noso socio Federico Fernández e mais Germán González Pintos.

Entregados os Premios da Edición

24/03/2014

O venres desenvolveuse en Betanzos a Noite da Edición, na que a Asociación Galega de Editores entregou os IX Premios Ánxel Casal, que distingue os mellores libros e iniciativas do ano 2013.

O premio Premio Isaac Díaz Pardo ao libro mellor ilustrado correspondeulle ao traballo do noso socio Dani Padrón no volume Pan de millo.

Outras categorías onde resultaron premiados ilustradores foron o Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil, que foi parar a  O misterio da casa da Matanza, de Miro Villar e o noso socio Xosé Cobas, e o Premio Xosefa Vilarelle ao mellor libro educativo, para Vento e chuvia, de Manuel Gago e o noso socio Manel Cráneo.

Chega o décimo quinto
Salón do Libro de Pontevedra

13/03/2014

Mañá, 14 de marzo, comezará no Pazo da Cultura (rúa de Alexandre Bóveda, 36005 Pontevedra) o décimo quinto Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, baixo o lema «Cociñando contos». As súas actividades estenderanse ata o próximo 5 de abril.

A autora do cartel desta edición é a nosa socia Pirusca, e no programa figuran tamén varias actividades ligadas coa ilustración, como os obradoiros «A cociñar historias» (do 17 ao 24 de marzo) ou «Decoración de galletas cos Megatoxos» (24 de marzo), ambos os dous a cargo do noso socio Anxo Fariña, ou a exposición dos seleccionados do Premio Europeo «Cociña de contos», gañado por Iratxe López de Munáin.

Este Salón do Libro inclúe ademais unha colaboración innovadora coa AGPI: o proxecto «Almorzos ilustrados», consistente na distribución de manteis ilustrados creados polos nosos socios Aida Alonso, Alberto García Ariza e Iago Araújo. Estes manteis están repartidos nos establecementos hostaleiros da rúa Real pontevedresa (Vetula Ponte, Pintxo Viño, Creperie Cre-Cotte, Barbol, La Estafeta, O Forniño e PonteTapas).

O programa completo pode lerse aquí (PDF, 1,14 MB).

O Premio Castelao de Banda Deseñada
volve ser anual

03/03/2014

A convocatoria aparecida no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do pasado 20 de febreiro confirma, sen máis aclaracións por parte da Deputación da Coruña, que a convocatoria do Premio Castelao de Banda Deseñada volveu ser anual, despois de ter sido anunciada a súa condición de bienal, e non ter sido convocado en 2012 e si en 2013.

Os regulamentos desta nova convocatoria, que ten de prazo ata o próximo 4 de abril, poden lerse aquí.

Finalistas dos Premios da Edición

17/02/2014

A Asociación Galega de Editores, que anualmente convoca os Premios Ánxel Casal da Edición, acaba de dar a coñecer os finalistas correspondentes a 2013. Entre eles, hai un bo número de proxectos con participación de socios nosos.

Así, dous dos finalistas ao premio Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2013 son Nicomedes o Pelado, ilustrado por David Pintor, e Pan de millo, ilustrado por Dani Padrón. Entre os que optan ao Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil 2013 están O misterio da casa da Matanza e Un rato díxolle á Lúa, ambos con ilustracións de Xosé Cobas, e tamén, novamente, Pan de millo. Por último, entre os galardoables co Premio Xosefa Iglesias Villaverde ao Libro Educativo 2013 está Vento e chuvia, ilustrado por Manel Cráneo.

O acto de entrega dos premios será o vindeiro 21 de marzo, no Liceo de Betanzos.