AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

cadea de mando?
I. Mouronte B.

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Presentación do número 5 de Altar Mutante

08/08/2016

Nova entrega de
Altar Mutante, fanzine de ciencia ficción e terror, no que participan participan habituais da escena galaica como Debelius, Santy, Xulia Pisón, Diego Sendón, Xavier Pena, Manel Cráneo, Super C, Kike Benlloch, Roberto Díez, Juan Vidal, Luís Sendón ou Álvaro López acompañados por invitados de galaxias próximas como Suki, Crhistian Giuseppe, Amelia Navarro, Josep F. Rico, Don Rogelio J, ou Pedro Villarejo.

Durante esta semana, podedes facervos có número na caseta de AGPI, no Viñetas desde o Atlántico ou o sábado durante o Autobán BD na Nave 1839 (Estación tren - A Coruña)
O martes 9 ás 20,00 na Cervezoteca Malte (R/ Galera, 47 - A Coruña), farase a presentación oficial, onde, ademáis de poder comprar este fanzine, se inaugura unha exposición que durará ata o 31 de agosto, e na que se mostran algúns dos ferros orixinais que foron aparecendo no fanzine.
A partir da semana que vén podedes facer os vosos pedidos a través do correo: altarmutante@yahoo.es

Viñetas desde o Atlántico 2016

08/08/2016


Nova edición do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, do 8 ó 14 de agosto en A Coruña.

Nunha postura analítica e crítica sitúanse varios dos autores invitados: Cristina Bueno, que aborda a realidade dos desfiuzamentos en Aquí vivió: historia de un desahucio; Nadar, coa súa novela autobiográfica El mundo a sus pies, sobre as vivencias dun parado; Jorge González, que tratou en varias ocasións os efectos sociais das ditaduras iberoamericanas do XX; ou o guionista Juan Díaz Canales, con Como viaja el agua.

Os afeccionados ás historias do universo da Patrulla X poderán gozar da presenza dun dos alma máter destes personaxes, Chris Claremont, responsable de rexir os destinos de Cíclope, Lobezno,Tormenta, Mística e Magneto durante os dezaséis anos mais fecundos desta tropa.

Poderemos ver os orixinais de Bajo el sol de Medianoche, do Corto Maltés, de Rubén Pellejero e Juan Díaz Canales, unha obra respetuosa cos lectores e coa memoria de Hugo Pratt, creador da personaxe. Canales, expoñerá a súa primeira obra como guionista e debuxante, Como viaja el agua, protagonizada por dous anciáns marxinados. Entre os convidados está Jorge González, Premio Internacional de Novela Gráfica Fnac-Sins Entido con Fueye, autor de Las gaviotas son felices, e de Hate Jazz en colaboración con Horacio Antuna. Tamén estará Daniel Torres, mostrando o proceso creativo da súa obra La Casa, na que fai un percorrido pola Historia da Humanidade a través das súas vivendas.

Un dos creadores galegos invitados é Ramón Marcos, nome destacado en Opiumou Galimatías, e debuxante de obras como Vida de nai ou Operación mascota, dentro da serie Silvana, a filla do explorador.

A Sala de Exposicións Salvador de Madariaga, acollerá os orixinais dos Premios Castelao de Banda Deseñada dos anos 2014 e 2015: O inferno do debuxante de Kiko DaSilva e A carreta do diaño de Fernando Llorente. E na Torre de Hércules podedes visitar a exposición Viñetas na Torre: 19 carteis das edicións de Viñetas desde o Atlántico.

Miguelanxo Prado e David Rubín rinden homenaxe a Miguel de Cervantes na exposición Miguel de Cervantes/ El retablo de las Maravillas, conmemorativa do IV Centenario de la Muerte de Cervantes, na Sala de Exposicións do Palacio Municipal de María Pita.

Na exposición “A voz do vento”, no Centro Ágora, Jano ilustra poemas de Manuel María.

A imaxe do Viñetas 2016 é una creación do debuxante Keko. Xunto co cartel, hai outros dous elementos esenciais de Viñetas desde o Atlántico: a gran familia de personaxes que tomarán estes días as rúas e a feira da historieta. As casetas coas últimas novidades editoriais, tomarán o Paseo das Palmeiras transformándoo na Rúa da BD cun amplo programa de obradoiros, entretemento e encontros comerciais cos autores. Alí poderedes atopar a caseta da Agpi, con información, láminas e fanzines dos socios, ademáis de ser punto de venta e recollida da Guía Ninja para ilustradores.

Mostra sobre José María Cao Luaces

04/05/2016


A mostra "José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina" inicia na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela un percorrido polas catro provincias galegas para poñer en valor a obra deste debuxante imprescindible na historia da ilustración e caricatura galega, a pesar de ser un gran descoñecido na súa terra.

A mostra reúne unha escolma de 40 caricaturas a través das que se poñen de manifesto as distintas etapas polas que pasou o seu creador.

Cao Luaces nado en Cervo en 1862, comezou traballando na fábrica de Sargadelos deste concello lucense. Con 25 anos emigrou a Buenos Aires. Alí, logo dunha amplísima e prolífica traxectoria en diferentes publicacións da capital porteña, o artista galego acadará prestixio internacional e será recoñecido como “patriarca da caricatura arxentina”. Co seu influxo indirecto, Castelao creará a moderna escola galega de humor gráfico.

Podedes visitar a mostra en:
> Biblioteca Ánxel Casal (Santiago de Compostela) >> 4 de maio-11 de xuño
> Biblioteca Pública Antonio Odriozola (Pontevedra) >> 14 de xuño -10 de xullo
> Sala José Ángel Valente (Ourense) >> 12 de xullo-7 de agosto
> Biblioteca Pública de Lugo >> 2-28 de setembro
> Casa da Cultura de Melide >> 30 de setembro-25 de outubro
> Biblioteca Pública Miguel González Garcés (A Coruña) >> 27 de outubro-27 de novembro
> Sala de exposicións de Sargadelos en Cervo >> 29 de novembro-20 de decembro.

O oficio de ilustrar: encontro con Carme Solé

12/04/2016

A ilustradora e pintora barcelonesa Carme Solé Vendrell será a protagonista dunha charla-encontro que, co lema “O oficio de ilustrar”, se celebrará este xoves ás 18.30h na Galería Sargadelos de Santiago, no marco da XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura.
Carme Solé falará da súa ampla traxectoria artística: máis de 700 títulos, entre álbums e libros de texto, publicados internacionalmente; participación en diversas exposicións; colaboracións en proxectos de escenografía; ademáis  de impartir cursos de ilustración en Europa, América e Asia. Cabe destacar o Premio Nacional de Ilustración que recibiu en 2013, polo conxunto da súa obra.

Carme Solé visitará a exposición de ilustracións, libros e instalacións artísticas da Campaña “Contos para despois da chuvia”, na que se pode ver unha selección de imaxes do seu álbum “A lúa de Xoán”, publicado por Kalandraka. Publicado orixinalmente en 1982, trátase dun dos traballos máis importantes na bibliografía desta autora, por ter marcado a súa proxección internacional.

“A lúa de Xoán”, aborda o temor á morte e a forma de afrontalo. Esta é unha das cualidades que sobresaen da súa produción editorial: a reflexión -a través da ilustración e da literatura- sobre temas profundos como a soidade, a tristura ou a perda dun ser querido; un interés que responde ao compromiso da autora por falarlles aos nenos e ás nenas sobre os seus medos e darlles respostas que non atopan nos adultos.

Comeza a Feira de Boloña con presencia da ilustración galega

03/04/2016

Desde o 4 ó 7 de abril ten lugar a Fiera del Libro per Ragazzi, feira de gran importancia para o mundo da ilustración, especialmente a ligada á literatura infantil e xuvenil, na cidade italiana de Boloña.

Novamente, o posto oficial promovido pola Xunta de Galicia dedica un espazo á ilustración, en colaboración coa AGPI. Nesa parte do stand está a proxectarase continuamente un bucle de imaxes de ilustradores da AGPI e hai acceso a exemplares do noso último catálogo, "Novas olladas sobre os clásicos universais". Expóñense exemplares de libros ilustrados por socios nosos no último ano, ademáis dunha exposición con ilustracións de varios dos socios: Alberto Guitián, Alberto García Ariza, Almudena Aparicio, Andrés Meixide, Carlos Rodil, Flavia Lago, José Gimeno, Iria Fafián, Iván Mourente, Javi Montes, Julia Gema, Kristina Sabaite, María Elisabeth, Marina Seoane, Marta Álvarez, Minia Regos, Nuria Díaz, Paula Mayor, Pedro Díaz, Perrilla Gatirrosa, Pinturero, Rodrigo Chao, Victoria Riveiro e Yupiyeyo.

Ademáis, contamos coa presencia das nosas socias Almudena Aparicio e Nuria Díaz, que impartirán obradoiros e dibuxarán en directo durante estes días.

XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

22/03/2016

Entre o 1 e o 23 de abril celébrase, no Pazo de Cultura de Pontevedra, o XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil, este ano, baixo o lema "Canta bichería!". Os animais serán os protagonistas este ano: domésticos, salvaxes, polares, nocturnos, acuáticos. Formigas, osos, cans e paxaros. De todas as partes do mundo, dos ecosistemas coñecidos e por coñecer. Reais, fantásticos!!
O cartel desta edición, para cuxo proceso de selección a organización contou coa AGPI, corre a cargo da nosa socia María Álvarez, "Yupiyeyo" Outra colaboración coa AGPI foi na selección de autores (os nosos socios Dani Padrón e Sandra Carmelo) para os manteis ilustrados de «Almorzos ilustrados», repartidos polos establecementos hostaleiros do centro histórico.
No extenso programa podedes atopar obradoiros, música, teatro, cine e varias actividades que teñen que ver coa ilustración.
> O  venres 1 de abril ás 19h o noso socio Anxo Fariña coordinará o obradoiro "Extravaganzza en Pontevedra".
> O sábado 2 de abril en dúas sesións (ás 11h e as 17h) se elaborará un libro xigante no que colaborarán ilustrando algúns dos nosos socios. Esta actividade esta organizada polo debuxante Víctor Rivas e a editorial Xerais.
> O venres 8 de abril ás 17.30h, a nosa socia "Yupiyeyo" (María Álvarez) impartirá o obradoiro "Fagamos un conto ilustrado". Este obradoiro repetirase o mércores 20 de abril no mesmo horario. > O domingo 17 de abril o noso socio Anxo Fariña impartirá o obradoiro "Camiño da Illa das Esculturas".
> O sábado 23 de abril ças 11.30h e 17.30h os rapaces farçan un "Contacontos debuxado", da man da nosa socia "Yupiyeyo" (María Álvarez)
>> Durante todo o salón podedes visitar a exposición das ilustracións de "As peripecias de Extravaganzza Pérez", do noso socio Oscar Villán.
Podedes consultar o programa completo na páxina do Salón aquí.

Inauguración da exposición
‘O ano no que nacimos’

15/01/2016

O Colectivo Miñoco, do que forman parte varios dos socios da AGPI, inaugura hoxe, venres 15, a súa mostra colectiva O ano no que nacimos. Será a partir das ás 20:00, na sala Plataforma 14 do Fórum Metropolitano (rúa Río Monelos, 1, 15006 A Coruña).

A mostra, que poderá visitarse ata o 19 de febreiro, conta con 30 obras de ilustración que xiran en torno ao ano de nacemento de cada un dos autores, e nela proxéctase ademais un vídeo que resume os seis anos de andaina deste colectivo.

Comeza Viñetas desde o Atlántico 2015

10/08/2015

O festival coruñés da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico abre esta tarde as portas da súa décimo oitava edición. Entre os convidados oficiais deste ano está o noso socio Martín Romero, que conta cunha exposición, pero ademais haberá tamén presentacións, sesións de sinaturas e actividades cos nosos socios Emma Ríos, David Rubín, Víctor Rivas, José Domingo, Manel Cráneo, Kike J. Díaz, Tokio, María Álvarez, Jorge Peral e Luis Sendón. A lista completa de actividades pode verse aquí.

A AGPI participa, como vén sendo habitual, cun posto na feira do cómic («Rúa da BD»), situada nos xardíns de Méndez Núñez. Nel poderanse encontrar todas as publicacións da asociación e tamén de asociados seus, caso de Luis Sendón, Carlos Arrojo e Leandro.

Na fin de semana, a AGPI colabora además co segundo Autobán (microfestival de banda deseñada e autoedición), que nesta ocasión terá lugar no pub La Maleta (rúa Orzán, 170, 15003 A Coruña).

Ilustración en Citinart.es 2015

11/06/2015

Desde o pasado venres, 5 de xuño, vénse desenvolvendo nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña a terceira edición de Citinart.es, evento en que unha decena de contedores reciclados albergan traballos de máis de 40 artistas de diferentes disciplinas.

Un deles está ocupado pola nosa socia Irene Sanjuán, que desenvolve talleres abertos ao público, como o que impartirá mañá, venres 12, ás 19:00, sobre «Visual Thinking» para adultos. Aquí, un vídeo en que explica brevemente a súa participación.

O sábado, ás 12:00, haberá unha quedada Urban Sketchers co noso socio Eduardo Baamonde. Pola tarde, entre as 19:00 e as 21:00, o colectivo Miñoco (ao que pertencen varios dos nosos socios) organiza o Picnic & Draw, versión ao aire libre do Drink & Draw que desenvolven todos os meses. Neste caso, ademais dos xogos habituais relacionados co debuxo, haberá algúns novos (como debuxos en pratos e vasos de cartón, colaxes ou cadáveres exquisitos) e ofrecerase té e pastas, ao tempo que se convida a quen queira participar a levar tamén as súas propias bebidas e comida.

Exposición de Óscar Villán en Santiago

02/06/2015

O Café Casino (rúa do Vilar, 35, 15705 Santiago de Compostela) acolle desde onte e ata o día 15 deste mes unha exposición de obras do noso socio Óscar Villán. A mostra inclue traballos a tinta, témpera e acuarela.