AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

BD "Compostela, camiño de pedra"
I. Mouronte B.

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Ilustradores/as seleccionados para a Bienal de Bratislava

07/03/2017

A Bienal de Bratislava é unha prestixiosa exposición internacional de ilustracións de libros para nenos e novos, organizada polo Ministerio de Cultura eslovaco, a Comisión Eslovaca da UNESCO e a Casa Internacional da arte para Nenos, que se celebra durante os meses de setembro e outubro. Ademais da mostra de orixinais, realízase un simposio internacional de especialistas en ilustración de libros para nenos e novos.

A OEPLI, como sección española de IBBY  selecciona, xunto coas súas catro seccións territoriais, a 15 ilustradores/as con 24  libros recente publicación. Entre a selección deste ano se atopan algúns dos nosos socio/as:  Aitziber Alonso, Albert Asensio, Roger Olmos, Leire Salaberria, Ignasi Blanch, Marina Seoane, Miguel Cerro, Xosé Cobas, Jokin Mitxelena, Pep Montserrat, Maite Gurrutxaga, Minia Regos, Xan López Domínguez, MaGuma e Eider Eibar.

Pablo Auladell, Premio Nacional do Cómic 2016

27/10/2016

 Pablo Auladell foi galardoado hoxe co Premio Nacional do Cómic 2016 pola súa obra El paraíso perdido. O xurado escolleu esta obra, inspirada no poema homónimo de John Milton, por «o gran valor artístico e a forza visual inspirada pola intemporal visión de Milton, o seu tratamento da cor, o uso orixinal da iconografía e a narrativa, que consegue ao mesmo tempo ser arquetípica e plenamente actual». O premio, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros e ten como obxecto «distinguir a mellor obra desta especialidade publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano 2015».

Pablo Auladell (Alacante, 1972) é docente do Master Ars in Fabula e da AIF Summer School en Macerata (Italia). Ten ilustrado máis de trinta álbums, novelas e cómics, e a súa obra ten sido exposta en galerías e feiras de Madrid, Barcelona, Roma, Boloña e Xenebra. Co seu primeiro álbum de BD, El camino del titiritero, foi finalista na categoría de Autor revelación no Salón de Barcelona de 2002. En 2006 obtivo ese mesmo premio por La Torre Blanca (2005). Tamén foi recoñecido co premio do Ministerio de Cultura ás Mellores Ilustracións de Libros Infantís e Xuvenís en 2005 por Peiter, Peter y Peer y otros cuentos, de Hans Christian Andersen.

O xurado, presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, José Pascual Marco, e coa subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández, como vicepresidenta, estivo composto por Juan Díaz Canales, un dos autores galardoados en 2014; Ulises Ponce, designado pola AACE; Mamen Moreu, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP) —á que pertence á AGPI—; Eva Cosculluela, pola CEGAL; Anna Abella, pola Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic; Juan Bordes, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Elisa MacCausland, pola FAPE; María Soledad Sánchez, polo Instituto de Investigaciones Feministas de la Universidad Complutense de Madrid; e Gerardo Vilches, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

Proxecto de ‘crowdfunding’ de Eva Agra

20/10/2016

A nosa socia Eva Agra é a autora das ilustracións de "Mulleres Bravas da nosa historia", unha colección de libros infantís orientados a dar a coñecer unha serie de mulleres exemplares da historia da Galiza. Un proxecto para o que están recadando fondos desde a plataforma Verkami.

Todos os libros contarán coas ilustracións de Eva Agra e texto de diferentes autoras de renome, como María Lado, Eli Ríos, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas, María Reimóndez...

Urco Editora está detrás desta campaña de crowfunding. Colaborando coa campaña recibiredes os títulos que queirades, acompañados por marabillosos premios e, o máis importante, axudaredes a facer realidade un proxecto moi necesario para a nosa sociedade.

Firma de "O Gato Lunar", por Talía Perrilla

11/08/2016


Este xoves ás 19h a nosa socia Talía Perrilla estará a firmar exemplares de "O Gato Lunar", a súa primeira autopublicación, no caseta de AGPI en Viñetas desde o Atlántico.
Trátase dun cómic en branco e negro de 60 páxinas que conta a historia de Lunar, un gatito soñador que vive alleo ao mundo que lle rodea, e do seu precioso e adorado colar "Candadito"...
Este "cuquicómic" está á venda na propia caseta de AGPI ata o venres ou no mercadillo de fanzines do Autobán BD do sábado 13 de agosto, de 12-21.30h en Nave 1839.

Firma de exemplares de Antonio Seijas

11/08/2016



O noso socio Antonio Seijas estará a asinar exemplares das súas últimas obras no marco de Viñetas desde o Atlántico de A Coruña: "La luz", "Cartas de inverno" e "Un hombre feliz". Será o xoves 11 de agosto, ás 18h, na caseta de Edicións de Ponent, na Rúa da BD.

Presentación de "Manual de escola", de Xosé Tomás

11/08/2016

Este xoves, 11 de agosto ás 18h, o noso socio Xosé Tomás presenta o seu libro "Manual de escola" nos Xardíns Méndez Nuñez de Coruña, no marco de Viñetas desde o Atlántico, acompañado de Javier Pintor (profesor de literarura, crítico literario e colaborador de prensa e radio)

Ademáis, Xosé Tomás está a impartir obradoiros de BD para nenos e maiores na Rúa da BD:
> Mércores 10, ás 11h (maiores 12 anos)
> Mércores 10, ás 12.30h (menores 12 anos)
> Venres 12, ás 11h (maiores 12 anos)
> Venres 12, ás 12.30h (menores 12 anos)

Publicada "La carreta del diablo", de Fernando Llorente

03/05/2016

Unha Orde de monxes deambula polos camiños cunha misión, atopar as portas do Paraíso, pero as portas que acaban abrindo van ser moi diferentes... Esta é a sinopse da obra do noso socio Fernando Llorente, La Carreta Del Diablo, galardonada có Premio Castelao de Banda Deseñada o ano pasado. A partir de agora, podedes atopar a versión en castelán en Amazon. A versión en galego está en proceso de preparación.

O oficio de ilustrar: encontro con Carme Solé

12/04/2016

A ilustradora e pintora barcelonesa Carme Solé Vendrell será a protagonista dunha charla-encontro que, co lema “O oficio de ilustrar”, se celebrará este xoves ás 18.30h na Galería Sargadelos de Santiago, no marco da XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura.
Carme Solé falará da súa ampla traxectoria artística: máis de 700 títulos, entre álbums e libros de texto, publicados internacionalmente; participación en diversas exposicións; colaboracións en proxectos de escenografía; ademáis  de impartir cursos de ilustración en Europa, América e Asia. Cabe destacar o Premio Nacional de Ilustración que recibiu en 2013, polo conxunto da súa obra.

Carme Solé visitará a exposición de ilustracións, libros e instalacións artísticas da Campaña “Contos para despois da chuvia”, na que se pode ver unha selección de imaxes do seu álbum “A lúa de Xoán”, publicado por Kalandraka. Publicado orixinalmente en 1982, trátase dun dos traballos máis importantes na bibliografía desta autora, por ter marcado a súa proxección internacional.

“A lúa de Xoán”, aborda o temor á morte e a forma de afrontalo. Esta é unha das cualidades que sobresaen da súa produción editorial: a reflexión -a través da ilustración e da literatura- sobre temas profundos como a soidade, a tristura ou a perda dun ser querido; un interés que responde ao compromiso da autora por falarlles aos nenos e ás nenas sobre os seus medos e darlles respostas que non atopan nos adultos.

XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

22/03/2016

Entre o 1 e o 23 de abril celébrase, no Pazo de Cultura de Pontevedra, o XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil, este ano, baixo o lema "Canta bichería!". Os animais serán os protagonistas este ano: domésticos, salvaxes, polares, nocturnos, acuáticos. Formigas, osos, cans e paxaros. De todas as partes do mundo, dos ecosistemas coñecidos e por coñecer. Reais, fantásticos!!
O cartel desta edición, para cuxo proceso de selección a organización contou coa AGPI, corre a cargo da nosa socia María Álvarez, "Yupiyeyo" Outra colaboración coa AGPI foi na selección de autores (os nosos socios Dani Padrón e Sandra Carmelo) para os manteis ilustrados de «Almorzos ilustrados», repartidos polos establecementos hostaleiros do centro histórico.
No extenso programa podedes atopar obradoiros, música, teatro, cine e varias actividades que teñen que ver coa ilustración.
> O  venres 1 de abril ás 19h o noso socio Anxo Fariña coordinará o obradoiro "Extravaganzza en Pontevedra".
> O sábado 2 de abril en dúas sesións (ás 11h e as 17h) se elaborará un libro xigante no que colaborarán ilustrando algúns dos nosos socios. Esta actividade esta organizada polo debuxante Víctor Rivas e a editorial Xerais.
> O venres 8 de abril ás 17.30h, a nosa socia "Yupiyeyo" (María Álvarez) impartirá o obradoiro "Fagamos un conto ilustrado". Este obradoiro repetirase o mércores 20 de abril no mesmo horario. > O domingo 17 de abril o noso socio Anxo Fariña impartirá o obradoiro "Camiño da Illa das Esculturas".
> O sábado 23 de abril ças 11.30h e 17.30h os rapaces farçan un "Contacontos debuxado", da man da nosa socia "Yupiyeyo" (María Álvarez)
>> Durante todo o salón podedes visitar a exposición das ilustracións de "As peripecias de Extravaganzza Pérez", do noso socio Oscar Villán.
Podedes consultar o programa completo na páxina do Salón aquí.

A AGPI participa nas actividades do
Día da Ilustración

27/01/2016


Cartel do Día da Ilustración, a cargo de Jaime Asensi

Este sábado, día 30, celébrase en Galicia o Día da Ilustración, con diversas actividades en diferentes puntos ao longo de varios días. Así, mañá, xoves 28, presentarase na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Av. de Xoán XXIII, s/n, 15704 Santiago de Compostela) o catálogo da AGPI Novas olladas sobre os clásicos universais, xunto co proxecto Guía Ninja do Ilustrador. O acto, que será ás 19:00, contará coa presenza dos directivos María Álvarez Hortas e Sergio Covelo e mais o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O sábado a AGPI buscará que as redes estean cheas de ilustración, e por iso convida a que os ilustradores e ilustradoras muden a súa imaxe de perfil por un autorretrato, ou compartan unha imaxe deste, baixo o hashtag #nosilustramos.

Poden verse aquí todas as actividades programadas pola Xunta co gallo do Día da Ilustración.