AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Aarón "Aaronidas" Moucho

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

XII Encontro Galego de Ilustración

23/10/2015


Cartel do Encontro, ilustrado por Sagar Forniés
O vindeiro sábado 31 de outubro decorrerá o XII Encontro Galego de Ilustración, que, como cada ano, organiza a AGPI. Esta edición ten como novidade o cambio de lugar, que serán na Aula magna da Hospedería San Martín Pinario (praza da Inmaculada, 3, 15704 Santiago de Compostela, a carón da praza do Obradoiro). Novamente, as actividades matinais son abertas a todo o público interesado, e completamente gratuítas.

O Encontro comezará ás 10:00 coa presentación, que dará paso ás 10:10 á charla do primeiro convidado, o ilustrador Puño, titulada «Ilustrando ayer, hoy y quién sabe si mañana». Nela, Puño percorrerá a liña temporal do oficio de ilustrador, tanto desde unha perspectiva global como desde a súa persoal.

Despois dunha pausa, ás 12:00 será o momento da charla de Sagar Forniés, «De la calle al estudio». Para Forniés, o debuxante ten un compromiso por entender e explicar aquilo que o rodea a través do debuxo; o ilustrador explicará como leva anos debuxando do natural e buscando a forma de dar unha segunda vida a ese traballo.

Xa ás 13:30, para terminar, farase a presentación do novo catálogo da AGPI, Novas olladas sobre os clásicos universais.

A partir das 14:00, os actos pasarán a ser xa para os socios da AGPI (o tradicional Fotomatón —foto de familia con todos os presentes—, o xantar e mais a asemblea xeral da asociación).

O XII Encontro Galego de Ilustración conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e mais da Deputación da Coruña. Pode encontrarse toda a información do programa neste enlace (PDF, 2,18 MB).

Santiago García e Javier Olivares,
Premio Nacional do Cómic 2015

23/10/2015

Onte dábase a coñecer que o guionista Santiago García e o debuxante Javier Olivares foron galardoados co Premio Nacional do Cómic correspondente a 2015 pola súa obra Las meninas. O xurado escolleuna por «ser unha obra que asume un risco na estrutura narrativa e no enfoque gráfico, que se resolve con brillantez, e por constituír un bo achegamento á figura de Velázquez, a súa época e a súa influencia noutros artistas». O premio, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros e ten como obxecto distinguir a mellor obra publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano anterior.

Santiago García (Madrid, 1968) é licenciado en xornalismo, tradutor e guionista de cómic. Ten escrito textos especializados sobre banda deseñada e dirixiu as revistas U e Volumen. Entre os seus álbums de cómic destacan a serie El vecino, realizada con Pepo Pérez; o álbum La tempestad, debuxado por Javier Peinado; a adaptación de Beowulf, con David Rubín, e a novela gráfica García, con Luis Bustos.

Pola súa parte, Javier Olivares (Madrid, 1964) é ilustrador e historietista; iniciouse na revista Madriz nos anos oitenta, e desde entón ten combinado o seu traballo en numerosas publicacións (como El País Semanal ou El Mundo) coa ilustración de libros de todo tipo. Entre os seus cómics máis destacados están La caja negra, Cuentos de la estrella legumbre e El extraño caso del doctor Jekyll y mister Hyde, con guión tamén de Santiago García.

Las meninas ten obtido ademais, entre outros, o premio á Mellor obra no Salón do Cómic de Barcelona.

O xurado estivo presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, José Pascual Marco, e actuou como vicepresidenta a subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández. Compúñano os autores galardoados na edición de 2014, Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido; Álvaro Muñoz, designado pola Asociación de Autores de Cómic de España (AACE); Jorge González, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), á que pertence a AGPI; Daniel Aubareda, pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros; Justo Barranco, por Ficomic; Leticia Azcue, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Berta Tapia, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España; Magdalena Suárez, polo Instituto de Investigaciones Feministas de la Universidad Complutense de Madrid; e Antoni Guiral, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

AGPI na Feira do Libro de Frankfurt 2015

16/10/2015


Imaxe do posto oficial de Galicia na feira
Desde o pasado día 14, e ata o 18 de outubro, desenvólvese a nova edición da Feira do Libro de Frankfurt, a feira editorial máis importante do mundo. O posto oficial promovido pola Xunta de Galicia dedica novamente espazo á ilustración, en colaboración coa AGPI.

Así, no stand proxéctase continuamente un bucle de imaxes de ilustradores da AGPI e expóñense exemplares de libros ilustrados por socios nosos. Poden verse, ademais, en primicia, exemplares da nova publicación da asociación, Novas olladas sobre os clásicos universais.

Xosé Tomás presenta o segundo tomo de ‘Historias de Betanzos’

28/05/2015

Historias de Betanzos — Tomo 2 é o título do libro de banda deseñada que se presentará esta tarde, ás 20:30, no Salón Azul do Edificio Liceo (praza de Galicia, 1, 15319 Betanzos). A obra, a cargo do noso socio Xosé Tomás, percorre momentos da historia da vila e da súa comarca e está editada polo Concello de Betanzos.

No acto de presentación, ademais do autor, participarán o alcalde, o responsable de cultura do concello e mais o cronista oficial de Betanzos, José Raimundo Núñez-Varela, encargado da documentación histórica da obra.

Marina Seoane, entrevistada na TVG
con motivo do ‘Caderno AGPI 2015’

27/05/2015

A presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Marina Seoane, foi entrevistada na edición de onte do programa Zigzag Diario, da TVG2, con motivo da edición do Caderno AGPI 2015, que nestas datas está a ser distribuído por empresas dos sectores editorial, audiovisual e da comunicación de Galicia e o resto do Estado. A entrevista pode verse agora en liña, a través deste enlace (transcorre entre os minutos 15 e 21).

Presentacións de Demo Editorial con motivo das Letras Galegas

15/05/2015

Demo Editorial, o proxecto do noso socio Manel Cráneo, promove esta fin de semana os seus últimos tres títulos en diferentes actividades ao longo da xeografía galega. Así, hoxe, ás 19:30, o cuarto volume da serie «Castelao», Atila, será presentado, da man dos seus autores Inacio e Iván Suárez, coa dramatización dun fragmento da obra no Restaurante Manso (avenida de Vilagarcía, 21, 15706 Santiago de Compostela). Os seus autores asinarán exemplares tamén o domingo 17 ás 12:00 na Feira das Letras Galegas na praza do Toural de Santiago de Compostela.

A obra A deserción de Stalin, de Tomás Guerrero, será obxecto de dúas sesións de sinaturas, unha na Feira do Libro de Lugo (no stand da Libraría Totem), mañá, sábado, ás 12:00, e outra o domingo 17, ás 18:00, na Feira das Letras Galegas de Santiago.

Finalmente, Destino Hërgüss, a novela gráfica do propio Manel Cráneo, presentarase ás 18:00 do sábado 16 na Librería Banda Deseñada (rúa da Portela, 3, 36205 Vigo).

Campaña de ‘crowdfunding’ para a edición de ‘Corazón de piedra‘

14/05/2015

Corazón de piedra (ou Heart of Stone, na súa versión en inglés) é o título do libro dixital interactivo que o noso socio José Gimeno ten dispoñible desde o ano pasado nas plataformas iTunes e Amazon. Agora, José iniciou tamén unha campaña de microfinanciamento a través de IndieGoGo, para conseguir a súa edición en papel, tanto en español como en inglés. A partir de 7 euros pode participarse na campaña, con diferentes recompensas segundo o nivel da achega económica.

Víctor Rivas asina exemplares de ‘Abastos’
en Vigo

23/04/2015

Hoxe, xoves 23, Día do Libro de dos Dereitos de Autor, o noso socio Víctor Rivas asinará exemplares do seu último libro de banda deseñada, Abastos —unha obra colectiva con guión de Francisco José Abelleira e debuxo de Pedro J. Colombo, Beatriz Iglesias, Sagar Forniés e el mesmo, que conta varias historias unidas polo nexo do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela.

As sesións de sinaturas serán de 17:00 a 19:00 en Norma Cómics Vigo (Ronda Don Bosco, 22, 36202 Vigo) e a partir das 19:30 en Sousa Cómics (avenida de Castrelos, 22, 36210 Vigo).

Finalizada a publicación de ‘Graveyard Shift’,
de Fran Bueno

22/04/2015

A serie Graveyard Shift, que veu publicando nos últimos meses o noso socio Fran Bueno na editorial norteamericana Image Comics con guións de Jay Faerber, chegou este mes de abril ao final, coa publicación do seu número catro.

A serie, que fora publicada inicialmente en galego co título de Amor Inmortal (na revista Galimatías), será agora recompilada en formato libro, co 20 de maio como data prevista para a edición.

Presentación de ‘200 años de ilustración
de moda en España’

10/04/2015

A nosa socia Marta Riera presenta hoxe, venres 10, ás 20:00, o seu libro 200 años de ilustración de moda en España, un volume que procede do traballo realizado para a súa tese de doutoramento. No acto, encadrado nas actividades do Club Faro, falará das particularidades desta parte da ilustración e da súa evolución desde a súa orixe ata a actualidade. Será no Auditorio Municipal do Areal (Antiguo Reitorado, rúa do Areal, esquina coa rúa Oporto, 36201 Vigo).

Ademais, está aberto o prazo de inscrición para o Taller de ilustración de moda que Marta impartirá do 2 ao 10 de xuño (20 horas de duración) na sede viguesa de Afundación. Neste enlace pode accederse a toda a información.