AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Tolos
Xosé Tomás

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

O Premio Castelao de Banda Deseñada
volve ser anual

03/03/2014

A convocatoria aparecida no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do pasado 20 de febreiro confirma, sen máis aclaracións por parte da Deputación da Coruña, que a convocatoria do Premio Castelao de Banda Deseñada volveu ser anual, despois de ter sido anunciada a súa condición de bienal, e non ter sido convocado en 2012 e si en 2013.

Os regulamentos desta nova convocatoria, que ten de prazo ata o próximo 4 de abril, poden lerse aquí.

Revisión de portafolios e ‘SketchCrawl’ no Viñetas

08/08/2013

Esta fin de semana, máis actividades da AGPI no Viñetas.

Mañá, venres 9, de 12:00 a 14:00 h, na caseta da AGPI na «Rúa da BD», primeira das sesións de revisión de portafolios, con nomes de primeirísimo nivel: Max e David Aja atenderán, gratuitamente, todos os ilustradores que se acheguen cos seus books para recibir as súas recomendacións e consellos profesionais.

O sábado 10, a partir das 10:00 h, desenvolverase —conxuntamente co grupo de Urban Sketchers da Coruña— o Sketchcrawl especial Viñetas desde o Atlántico; esta saída para o debuxo en caderno pola rúa comezará no Kiosko Alfonso (sede central das exposicións e charlas do Viñetas).

E a partir das 12:00 h, Carlos Portela e Fran Bueno serán os encargados da segunda sesión de revisión de portafolios, de participación tamén gratuíta.

Todas estas actividades están abertas a todas as persoas interesadas, estiveren ou non asociadas á AGPI.

En marcha a caseta da AGPI no Viñetas

02/08/2013

Como adiantabamos onte, está xa en funcionamento a caseta da AGPI na feira do cómic («Rúa da BD») do festival Viñetas desde o Atlántico —a feira abre este ano uns días antes que o propio festival, que se inaugura o próximo día 5—. Así pois, calquera visitante pode ter acceso xa na nosa caseta ás publicacións da asociación, e mais a todo tipo de material xerado polos nosos socios: desde láminas ata chapas ilustradas.

Non será a única acción da AGPI nesta edición do Viñetas, xa que ademais están previstas outras actividades, gratuítas e abertas a todo o público interesado. Deste xeito, haberá dúas sesións de revisión de portafolios: calquera ilustrador, estea ou non asociado á AGPI, poderá a acudir a que un recoñecido profesional do mundo do cómic lle dea consellos sobre os seus traballos. O venres 9, de 12:00 a 14:00 h, estarán os ilustradores Max —Premio Nacional de Cómic e autor de novelas gráficas como Vapor— e David Aja —recente Premio Eisner ao mellor debuxante polo seu traballo en Hawkeye—; o sábado 10, no mesmo horario, o guionista Carlos Portela —responsable de A conta atrás e Las nuevas aventuras de Esther, entre outros títulos— e o ilustrador Fran Bueno —debuxante, por exemplo, da serie Causas nobres.

Polo que respecta ás outras actividades que a asociación levará a cabo no Viñetas, está o «Combate de debuxantes», que terá lugar o xoves 8 a partir das 21:00 h en The Room (rúa de Santiago 7, 15001 A Coruña). Neste «combate» artístico oito contendentes probarán a súa valía nun torneo de debuxo en directo; serán Alberto Vázquez, Diego Blanco, Alberto Guitián, Nas!, Nómada, Luis Sendón, Ghosttthead e Xurxo G. Penalta.

Ademais, AGPI desenvolverá, conxuntamente co grupo de Urban Sketchers da Coruña, un Sketchcrawl especial Viñetas desde o Atlántico: unha saída para o debuxo en caderno pola rúa. Será o sábado 10, entre as 10:00 e as 14:00 h. Como nas demais actividades, pode apuntarse a ela toda persoa interesada.

Novo Curso AGPI: entintado manual e dixital, con José Luis Ágreda

19/03/2013




O segundo curso organizado pola AGPI xirará en torno ao entintado manual e dixital, e estará impartido polo ilustrador José Luis Ágreda, coñecido especialmente polas súas colaboracións con El Jueves e El País.

O curso, titulado «De como a tinta dixital me fixo máis valente», está dirixido a profesionais da ilustración ou a calquera persoa interesada, sexa ou non socia da AGPI. Constará de dúas partes diferenciadas, de tres horas de duración cada unha, e, aínda que de carácter teórico, estará fortemente apoiado por exemplos prácticos e mostras de traballo en directo do autor.

Os obxectivos son dar a coñecer a importancia do proceso de entintado, e os usos das ferramentas tradicionais e dos recursos dixitais, centrándose nos programas de debuxo e tinta dixital SketchBook Pro e Manga Studio.

Será o sábado 6 de abril, de 10:30 a 13:30 e de 17:30 a 20:30 h, no Centro Sociocultural O Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16 baixo, 15701 Santiago de Compostela). A inscrición é de 10 euros para socios da AGPI, e de 30 euros para non socios (no caso de estudantes, 20 euros). O prazo de preinscrición acaba o próximo 31 de marzo, e as prazas son limitadas. Toda a información sobre o curso e o proceso de inscrición pode verse aquí.

Como no anterior curso, ao finalizar complementarase cunha actividade de entrada libre: a nova edición do IlustraNoite, formato de presentacións multimedia de varios profesionais de diversos campos da ilustración. Nos próximos días confirmarase o lugar de realización, así como os seus participantes.

Convocado novamente o Premio Castelao de BD

28/02/2013

A Deputación da Coruña anunciaba onte a convocatoria do oitavo Premio de Banda Deseñada Castelao, que non fora desenvolvido en 2012 por ter pasado a ser un certame de carácter bienal en vez de anual.

O premio está dotado con 6500 euros, e poden participar nesta oitava edición «todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non fosen premiadas nas cinco edicións anteriores, e que presenten narracións en banda deseñada escritas en lingua galega, inéditas e non premiadas en ningún outro premio o certame». A extensión mínima das obras, que deberán presentarse completamente terminadas, é de 48 páxinas, e o prazo de entrega de obras acabará o próximo 5 de abril. Os regulamentos completos poden verse nesta ligazón.

‘SketchCrawl’ en Amoeiro

09/11/2012

Maña, sábado 10 de novembro, terá lugar no concello de Amoeiro (Ourense) un SketchCrawl ou maratón de debuxo e graffiti.

En caso de bo tempo, os participantes reuniranse ás 9:30 h en Cornoces; a partir das 13:30 h desprazaranse á vila de Amoeiro para a segunda sesión. Se chovese, o punto de reunión sería o pazo da Fundación Otero Pedrayo (Pazo de Trasalba, Trasalba, 32172 Amoeiro), onde se desenvolvería a actividade de 10:30 a 17:00 h.

Polo que se refire aos grafiteiros, comezarían ás 12:00 h nas piscinas Costa do Monte, e en caso de chuvia no polideportivo de Amoeiro

O concello de Amoeiro convidará a petiscos ao mediodía, polo que se pide confirmación de asistencia a través da páxina da actividade en Facebook.

Revisións gratuítas de portafolios no Viñetas

08/08/2012

Entre as actividades que propón a AGPI para a súa caseta no festival Viñetas desde o Atlántico están dúas sesións de revisión gratuíta de portafolios a cargo de autores de recoñecida experiencia profesional en diversos ámbitos da banda deseñada.

Así, este venres 10, entre 12:00 e 14:00 h, serán Javi Montes e Alberto Guitián, e o sábado 11, no mesmo horario, Emma Ríos e David Rubín os que ofrecerán os seus consellos a calquera persoa interesada que queira achegarse cos seus traballos á caseta da AGPI (a n.º 1 na feira do festival, ou «Rúa da BD»). A experiencia de calquera dos catro (en BD europea e norteamericana, novela gráfica, etcétera) fai que esta sexa unha ocasión singular para coñecer unha perspectiva profesional sobre como enfocar o propio traballo, e tamén como mostralo a través do portafolio persoal.

A actividade está aberta a calquera ilustrador ou ilustradora, afeccionado ou profesional, sexa ou non socio da AGPI.

Convocadas bolsas para visitas profesionais a Angoulême

02/03/2012

A Deputación de Ourense convocou hoxe dez bolsas destinadas a profesionais da animación e a banda deseñada para unha estadía formativa de curta duración (4 días) na cidade francesa de Angoulême. As estadías incluirán visitas á Cité Internationale de la Bande Dessinée et de l'Image (onde están, entre outros, os prestixiosos Maison des Auteurs e Musée de la Bande Dessinée), ao Pôle Image Magelis e toma de contacto con diversos colectivos de autores franceses.

A actividade está incluída no programa do Programa Imagina Atlántica, proxecto cofinanciado polo FEDER, que une catro países europeos: España, Portugal, Francia e Gran Bretaña.

As persoas interesadas en participar teñen de prazo para presentar as súas peticións ata o 16 de marzo. O número do Boletín Oficial da Provincia de Ourense onde se publica (n.º 51, 2/3/2012, páxina 2) pode descargarse completo aquí.

Dáse a coñecer o programa do congreso «Ilustrando a diversidade»

20/01/2012

O congreso internacional «Ilustrando a diversidade» terá lugar no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela (avenida de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela) entre o 20 e o 23 de febreiro. O congreso enmárcase no proxecto CampUSCulturae e reunirá ilustradores de distintos países do mundo, expertos en arte e edición e profesionais da animación e da promoción da lectura.

Entre outros moitos, haberá relatorios de Carme Solé Vendrell, Mark Taeger, Elena Odriozola, David Pintor ou Miguel Ángel Giner Bou; a AGPI participará, representada polo seu presidente, Santy Gutiérrez, nunha mesa redonda acerca da ilustración en distintos soportes.

A matrícula, para asistentes e para autores de comunicacións, é aberta e gratuíta, e ten que realizarse antes do día 10 de febreiro. Poden presentarse comunicacións, vídeo-animacións e proxectos de ilustración, aínda que todos os traballos deberán tratar contidos que relacionen a ilustración, o libro ilustrado ou a animación coa diversidade cultural, o multilingüismo, a interculturalidade ou as barreiras que dificultan a convivencia e a aceptación da diferenza.

Paralelamente ao congreso, inaugurarase a exposición IlustraMundos no Palacio de Fonseca (rúa de Fonseca 3, 15782 Santiago de Compostela), onde poderá visitarse desde o 20 de febreiro ata o 20 de abril. Na exposición haberá obra dos galegos Antonio Seijas e David Pintor, así como da lituana afincada en Galicia Kristina Sabaite —todos eles, socios da AGPI— e tamén doutros autores provenientes doutros lugares, como a arxentina Mónica Weiss, a catalá Carme Solé Vendrell, o suízo Mark Taeger, a polaca Joanna Domanska, o holandés Machiel Braaksma, a vasca Elena Odriozola ou o sudafricano Piet Grobler.

Actualización: pode accederse ao programa provisorio do congreso nesta ligazón.

Convocado o V Premio Compostela para Álbums Ilustrados

27/12/2011

O Concello de Santiago e mais a editorial Kalandraka veñen de convocar a quinta edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor.

O prazo de presentación dos traballos acabará o 2 de marzo de 2012, e a decisión do xurado darase a coñecer no mes de abril.

A convocatoria está dirixida a escritores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas, escritas en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica. Os regulamentos completos poden consultarse aquí.