AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Muralla Musik Festival 2004
Matalobos

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Carme Solé Vendrell,
Premio Nacional de Ilustración

11/10/2013

Hoxe deuse a coñecer que Carme Solé Vendrell foi galardoada co Premio Nacional de Ilustración 2013, que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte co obxectivo de «recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por un ilustrador español no ámbito do libro e das letras españolas». A dotación económica do premio é de 20 000 euros.

Carme Solé Vendrell (Barcelona, 1944) estudou pintura na Escola Massana (Barcelona). Ten ilustrado máis de 700 títulos, publicados en varios países, e tamén traballou nos ámbitos do cartelismo, a escenografía e a animación, como no caso da serie Victor & Maria (1983). En 1979 recibiu o Premio ás Mellores Ilustracións Infantís e Xuvenís (Ministerio de Cultura) por El niño que quería volar, Peluso y la cometa e Pedro y su sable; en 1981, o Premio Lazarillo por Raspall.

O xurado, que destacou da ilustradora o feito de ser «unha artista faro no mundo da ilustración do libro infantil e outros xéneros», estivo presidido pola directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, e estivo composto por Mónica Fernández, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas; Emilio González Urberuaga, galardoado na edición de 2011; Berto Martínez, pola APIC; Aitana Carrasco, pola APIV; Paul Coulbois pola APIM; Almudena Aparicio pola AGPI; Alex Orbe por Euskal Irudigileak; Mariona Cabassa por FADIP; Reina Duarte pola OEPLI; Leticia Azcue pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; M.ª Eugenia Maraval polo Centro de Estudios de Género de la UNED; e Mario Suárez polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

Vídeo con Xan López Domínguez na web do Observatorio

12/03/2013

A web do Observatorio da Ilustración Gráfica publicou, dentro do ciclo de vídeos que está a dedicar á xornada «El libro digital ilustrado: pasos hacia nuevos paradigmas», o referente á mesa redonda titulada «Creación de contenido digital: la visión de los creadores/ilustradores».

Nela reuníronse, moderados por Lluís M. Abián, os ilustradores Sergio Alfonso González ‘Animatomic’, Kike de la Rubia, André Letria e o noso socio (e tamén directivo, representante da AGPI en FADIP) Xan López Domínguez.

Durante máis dunha hora, os catro autores falaron de como afrontan as novas realidades do mercado, o futuro dos libros de papel e mesmo a relación entre ilustradores e editores. O vídeo, dividido en dúas partes, pode verse desde esta ligazón.

Conferencias sobre libro dixital ilustrado, na web do Observatorio

19/02/2013

Desde onte, a web do Observatorio da Ilustración Gráfica —creado pola FADIP en 2008, e promotor da edición do Nuevo libro blanco, por exemplo— aparece totalmente renovada, cun deseño máis visual, coincidindo co comezo da publicación dos vídeos da Xornada «El libro digital ilustrado: pasos hacia nuevos paradigmas». O vídeo inicial correspóndese coa primeira charla, unha breve introdución sobre Formatos e dispositivos a cargo do ilustrador e editor Lluís M. Abián.

Durante as próximas semanas, tal e como se indica na web, iran sendo publicados «boa parte dos contidos desta xornada desenvolvida en Madrid en decembro, con vídeos acompañados de breves textos de resumo». A través deles, «poderán coñecerse as visións que sobre o tema teñen expertos en edición dixital e ilustradores que experimentaron xa cos medios dixitais».

Xornada en Madrid sobre libro dixital ilustrado

12/12/2012

FADIP e o Observatorio da Ilustración Gráfica organizan mañá, 13 de decembro, unha xornada profesional, aberta a todo o público interesado, baixo o título El libro digital ilustrado: pasos hacia nuevos paradigmas. Será na Casa del Lector (Matadero Madrid, Paseo de la Chopera 14, 28045 Madrid), e a entrada é libre e gratuíta.

Ao longo da xornada, diversos ilustradores de relevancia internacional, así como editores e outros especialistas en publicación dixital, achegarán o público asistente «ao que significa hoxe en día —e ao que presumiblemente vai significar no futuro a curto e medio prazo— a edición de libros ilustrados para todo tipo de soportes dixitais, e os aspectos técnicos, loxísticos e creativos que se dan cita nun novo mercado cuxas complexidades a xornada pretende axudar a desentrañar».

Entre os convidados están os ilustradores André Letria, Sergio Alfonso Animatomic, Kike de la RubiaRiki Blanco e o noso socio Xan López Domínguez; os especialistas Celia Turrión e Luis F. Borruey, e mais representantes de editoriais nativas dixitais como Dada Company, Cream eBooks, ContoPlanet (que publica os títulos de Editorial Galaxia) La Tortuga Casiopea, Minus is Better ou iLubuc.

O mundo da BD mobilízase contra a supresión da bolsa AlhóndigaKomik

21/11/2012

Unha carta aberta, asinada por centos de persoas ligadas ao ámbito do cómic (entre eles, varios dos socios da AGPI), así como colectivos como a Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), foi feita pública onte como medida de protesta contra a supresión das bolsas outorgadas por AlhóndigaBilbao.

A nota de prensa que acompaña a carta considera as bolsas como «un referente fundamental no campo da BD nas nosas fronteiras, e fóra delas», e como «unha iniciativa pioneira cuxa traxectoria fica truncada coa súa drástica cancelación». «Unha bolsa única en España», continúa a nota, «recoñecida a nivel internacional, convertida nun exemplo a seguir». Nos seus cinco anos de existencia, a bolsa «obtivo excelentes resultados» en proxectos que se desenvolvían na Maison des Auteurs de Angoulême (Francia): Clara Tanit, Lola Lorente, Álvaro Ortiz, Alfonso Zapico e o noso socio Martín Romero.

A carta aberta recibiu o apoio non só de figuras do cómic nacional, como Max, Felipe Hernández Cava ou Miguel Gallardo, senón tamén do ámbito internacional, como Art Spiegelman, Chris Ware ou Benoît Peeters.

Premio Nacional de Ilustración para El Roto

18/10/2012

Andrés Rábago, coñecido polos seus pseudónimos OPS e El Roto, foi galardoado hoxe co Premio Nacional de Ilustración 2012, «pola súa visión crítica, poética, aguda e intelixente que nos axuda a reflexionar sobre como somos e como vivimos; ademais de pola súa defensa do libro en particular e da cultura en xeral como ferramentas imprescindibles para a construción dunha sociedade avanzada». O galardón está concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte co obxectivo de «recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por un ilustrador español no ámbito do libro e das letras españolas», e está dotado con 20.000 euros.

Andrés Rábago García (Madrid, 1947) comezou a publicar viñetas en 1968. Colaborou en revistas como Hermano Lobo, La Codorniz, Triunfo, Cuadernos para el Diálogo, Ajoblanco, Tótem, El Jueves ou Madriz, e en xornais como Diario 16, El Periódico de Catalunya, Informaciones, Pueblo, La Hoja del Lunes ou El País, onde publica na actualidade. É autor de numerosos libros, o último dos cales ata o de agora é Viñetas para una crisis (2011).

O xurado do premio foi presidido por Teresa Lizaranzu, directora xeral de Políticas e Industrias Culturais e do Libro, e composto por Mónica Fernández, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas; José Luis Merino, designado pola APIC; Carlos Ortín, pola APIV; Fátima García, pola APIM; o noso socio David Pintor, pola AGPI; Javi Kintana, pola Euskal Irudigileak; David Heras, pola FADIP; Francisco Castro, pola OEPLI; Manuel Alcorlo Barrero, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; María Dolores González López-Casero, a proposta do ministro de Educación; e os galardoados en edicións anteriores, Ana Juan (2010) e Emilio Urberuaga (2011).

Edítase o ‘Nuevo libro blanco’

29/06/2012

Está xa dispoñible para o público xeral o Nuevo libro blanco de la ilustración gráfica en España, subtitulado Guía práctica para profesionales de la ilustración. A obra «busca ser de utilidade tanto para aquelas persoas que se estean a iniciar na profesión como para os ilustradores e ilustradoras máis veteranos». Non se trata dunha actualización do Libro blanco editado en 2004, senón dun vademécum «dos aspectos máis relevantes do exercicio da profesión: por exemplo, como defender os dereitos de autor das obras, como relacionarse co cliente e coa Administración, ou como coñecer o funcionamiento dos diferentes mercados relacionados coa ilustración».

O libro vén avalado pola Comisión de Profesionais do Observatorio da Ilustración Gráfica, e contou co apoio económico do Ministerio de Cultura. Pode ser adquirido na súa versión de papel a través da AGPI —así como de calquera das asociacións federadas ou da propia FADIP—, e pode ser descargado gratuitamente en formato PDF desde esta ligazón.

A FADIP publica un manifesto polo Día do Dereito de Autor

23/04/2012

Hoxe, 23 de abril, co gallo da celebración do Día do Libro e do Dereito de Autor, a Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales —á que pertence AGPI— fixo público un comunicado conxunto coas outras asociacións que forman parte do EIF (European Illustrators Forum).

Con el pretende lembrarse á sociedade que os e as profesionais da ilustración son autores, e que están en contra dos contratos abusivos e do traballo gratuíto que en ocasións se lles pide. O texto completo pode lerse aquí.

Preséntase o programa do VIII Encontro Galego de Ilustración

17/10/2011

O derradeiro sábado do mes de outubro, como vén sendo tradicional, a AGPI organiza en Santiago de Compostela o Encontro Galego de Ilustración, unha cita fundamental para os profesionais, aberta ademais a todo o público interesado.

Esta edición, a oitava, decorrerá o sábado 29 de outubro, no salón de actos da Fundación Novacaixagalicia Claudio San Martín (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela), e contará coa presenza de diversas voces autorizadas que nos darán as súas visións, máis interesantes, se couber, no complexo panorama que nos toca vivir.

A parte matutina do programa —como é habitual, de portas abertas— comezará ás 10:15 cunha charla a cargo de Gemma Cortabitarte, xerente da APIC (Associació Professional d’Il·lustradors de Catalunya), que falará sobre «A ilustración ante os novos tempos da profesión».

Despois dun descanso para os asistentes, ás 11:45 a charla será a dúas voces: baixo o título «Entre dous: a obra conxunta», os autores Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas falarán do proceso creativo conxunto entre escritor e ilustrador desde a experiencia dun tándem que ten publicado numerosos libros ilustrados.

Pechará a mañá a mesa redonda «Como convivir cos medios dixitais?», na que participarán Manuel Gago (director de Culturagalega.org e profesor de Ciberxornalismo na USC) e Manuel Bragado (presidente da AGE e director de Edicións Xerais), que analizarán a situación actual perante os novos camiños abertos polos medios dixitais, e de que xeito afecta esta aos autores; moderará Henrique Torreiro, xerente de FADIP. Esta actividade enmárcase dentro do programa «Os retos da era dixital», patrocinado polo Ministerio de Cultura.

A iso das 14:15, terá lugar o tradicional fotomatón —a foto de familia de todos e todas os presentes no Encontro— na praza da Quintana, e logo, xa só para socios inscritos previamente, o non menos tradicional «xantar de confraternización» no restaurante O Dezaseis (rúa de San Pedro 16, 15703 Santiago de Compostela).

Despois da sobremesa, ás 17:30, será o momento (novamente no salón da Fundación Novacaixagalicia) da Asemblea xeral da AGPI, reservada tamén só aos socios.

Pode accederse a todos os detalles do programa aquí.

‘Los retos de la era digital', do Observatorio da Ilustración Gráfica

22/12/2010

portada de Los retos de la era digital Hoxe faise público, en formato PDF, o novo informe do Observatorio da Ilustración Gráfica. Leva por título Los retos de la era digital, e trata de forma especial os cambios que debe afrontar a profesión perante as perspectivas que se abren nos nosos días cos medios dixitais, e todas as consecuencias, positivas e negativas, que traen consigo. O informe repasa a situación dos novos mercados, as posibilidades e necesidades dos ilustradores e ilustradoras, a situación dos seus dereitos de autor neste contorno globalizado e outros temas non menos importantes como o ensino da ilustración en España. Los retos de la era digital é un texto asinado conxuntamente polos membros da Comisión de Profesionais do Observatorio: Horacio Altuna, Pablo Amargo, Elisa Arguilé, Arnal Ballester, Ulises Culebro, Ricardo Esteban, Manuel Estrada, Isidro Ferrer, Forges, Miguel Gallardo, Pablo Martínez, Max, Albert Monteys, Elena Odriozola, Javier Olivares, Carlos Ortín, Miguelanxo Prado, Mariona Sardà, Rosa Serrano e Javier Zabala. O informe completo, en castelán, pode lerse aquí. A versión en inglés pode encontrarse nestoutra ligazón. En próximos días poderá accederse tamén ao documento noutros formatos de lectura.