AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Cantigas para aprender a soñar
Minia Regos Sanz

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Xosé Tomás presenta o segundo tomo de ‘Historias de Betanzos’

28/05/2015

Historias de Betanzos — Tomo 2 é o título do libro de banda deseñada que se presentará esta tarde, ás 20:30, no Salón Azul do Edificio Liceo (praza de Galicia, 1, 15319 Betanzos). A obra, a cargo do noso socio Xosé Tomás, percorre momentos da historia da vila e da súa comarca e está editada polo Concello de Betanzos.

No acto de presentación, ademais do autor, participarán o alcalde, o responsable de cultura do concello e mais o cronista oficial de Betanzos, José Raimundo Núñez-Varela, encargado da documentación histórica da obra.

Presentacións de Demo Editorial con motivo das Letras Galegas

15/05/2015

Demo Editorial, o proxecto do noso socio Manel Cráneo, promove esta fin de semana os seus últimos tres títulos en diferentes actividades ao longo da xeografía galega. Así, hoxe, ás 19:30, o cuarto volume da serie «Castelao», Atila, será presentado, da man dos seus autores Inacio e Iván Suárez, coa dramatización dun fragmento da obra no Restaurante Manso (avenida de Vilagarcía, 21, 15706 Santiago de Compostela). Os seus autores asinarán exemplares tamén o domingo 17 ás 12:00 na Feira das Letras Galegas na praza do Toural de Santiago de Compostela.

A obra A deserción de Stalin, de Tomás Guerrero, será obxecto de dúas sesións de sinaturas, unha na Feira do Libro de Lugo (no stand da Libraría Totem), mañá, sábado, ás 12:00, e outra o domingo 17, ás 18:00, na Feira das Letras Galegas de Santiago.

Finalmente, Destino Hërgüss, a novela gráfica do propio Manel Cráneo, presentarase ás 18:00 do sábado 16 na Librería Banda Deseñada (rúa da Portela, 3, 36205 Vigo).

Víctor Rivas asina exemplares de ‘Abastos’
en Vigo

23/04/2015

Hoxe, xoves 23, Día do Libro de dos Dereitos de Autor, o noso socio Víctor Rivas asinará exemplares do seu último libro de banda deseñada, Abastos —unha obra colectiva con guión de Francisco José Abelleira e debuxo de Pedro J. Colombo, Beatriz Iglesias, Sagar Forniés e el mesmo, que conta varias historias unidas polo nexo do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela.

As sesións de sinaturas serán de 17:00 a 19:00 en Norma Cómics Vigo (Ronda Don Bosco, 22, 36202 Vigo) e a partir das 19:30 en Sousa Cómics (avenida de Castrelos, 22, 36210 Vigo).

Presentación de ‘200 años de ilustración
de moda en España’

10/04/2015

A nosa socia Marta Riera presenta hoxe, venres 10, ás 20:00, o seu libro 200 años de ilustración de moda en España, un volume que procede do traballo realizado para a súa tese de doutoramento. No acto, encadrado nas actividades do Club Faro, falará das particularidades desta parte da ilustración e da súa evolución desde a súa orixe ata a actualidade. Será no Auditorio Municipal do Areal (Antiguo Reitorado, rúa do Areal, esquina coa rúa Oporto, 36201 Vigo).

Ademais, está aberto o prazo de inscrición para o Taller de ilustración de moda que Marta impartirá do 2 ao 10 de xuño (20 horas de duración) na sede viguesa de Afundación. Neste enlace pode accederse a toda a información.

‘Galicia entre copas’, novo libro ilustrado por Paula Mayor

26/03/2015

Esta tarde, ás 20:00, preséntase o libro Galicia entre copas, de Mariano Fisac, ilustrado, deseñado e maquetado pola nosa socia Paula Mayor. O volume fai un percorrido por todos os viños galegos, con gran profusión de ilustracións.

O acto de presentación será en El Corte Inglés (na súa sede da rúa Ramón y Cajal, 57, 15006 A Coruña), e contará coa presenza do autor, ademais do cociñeiro Pepe Solla (prologuista de libro) e José Luis Louzán.

Número 2 de ‘Altar Mutante’

18/03/2015

Chega a segunda entrega da revista Altar Mutante, dedicada ao cómic de ciencia-ficción e terror e dirixida por Álvaro López e o noso socio Luis Sendón.

A presentación será esta fin de semana, o sábado 21, no I Akelarre Mutante. A actividade, que incluirá concertos das bandas Nashgul & Thee Heavy Random Tone Colour Lab e Ronhä, terá lugar ás 21:00 na Casa Tomada (Avda. Joaquín Planells Riera, 15007 A Coruña).

Presentación do novo libro ilustrado por Fernando Llorente

17/03/2015

Xenaro e a negra sombra é o título do libro escrito por Mar Guerra e ilustrado polo noso socio Fernando Llorente.

O libro será presentado mañá, mércores 18 de marzo, ás 20:00 horas, na librería Moito Conto (rúa S. Andrés, 35, 15003 A Coruña).

O acto contará coa participación dos autores, ademais do editor Manuel Bragado e de Miguelanxo Prado.

Manel Cráneo presenta ‘Destino Hërgüss’

13/03/2015

Tras varios anos de traballo e un proceso de crowdfunding para o financiamento da edición, esta tarde o noso socio Manel Cráneo presenta a súa novela gráfica Destino Hërgüss, unha historia de ciencia-ficción destinada ao público adulto e enmarcada dentro do universo Planeta Mincha, que se publica simultaneamente en galego e castelán.

Así, a partir das 19:00 a Biblioteca do Fórum Metropolitano (rúa Río Monelos, 1, 15006 A Coruña) será o escenario do acto de presentación, organizado pola librería Metrópolis Cómics. Posteriormente, ás 21:30, dará comezo na cervexaría Penique (rúa Gómez Zamalloa, 1, 15005 A Coruña) o «Minchafest», unha festa de presentación aberta para todo o mundo e pensada especialmente para todos os mecenas que apoiaron a edición, e que contará con proxeccións, concursos, sorteos, degustacións e música, coa presenza de Pülpikk Viaskköm (Pulpiño Viascón).

Actividades da AGPI no Día da Ilustración

27/01/2015


Carteis con deseño e ilustración de Nuria Díaz

Esta fin de semana, con motivo da celebración en Galicia do Día da Ilustración —instituído oficialmente o ano pasado, tomando como data o 30 de xaneiro, aniversario do nacemento de Castelao—, van celebrarse varios actos e actividades organizados ou participados pola AGPI, en Vigo e na Coruña.

O comezo do programa será o acto institucional do Día da Ilustración, en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia: o propio venres 30 ás 19:00 h na Biblioteca Pública Miguel González Garcés (rúa Miguel González Garcés, 15008 A Coruña) terá lugar unha mesa redonda, baixo o título «As mil caras da ilustración: novos campos e soportes para o traballo ilustrado». Nela participarán os nosos socios Marina Seoane, Sekone e Alberto Guitián, e aproveitarase a ocasión para presentar publicamente a nova publicación da asociación, o Caderno AGPI 2015.

Ademais, en The Room (rúa Afonso VII, 15, 15005 A Coruña) desenvolverase o venres ás 20:00 h unha sesión de Drink & Draw a cargo do Colectivo Miñoco. Neste caso, ademais das habituais probas de debuxo, os participantes poderán xerar obras para vender o sábado no Ilustratón: decorrerá de 11:30 a 15:30 e de 17:00 a 22:30 h, tamén en The Room, e consistirá nunha exposición de orixinais de diversos ilustradores, que se venderán ao prezo único de 20 euros. Tratarase de debuxos orixinais rápidos ou de tipo bosquexo, en tamaño A5 e asinados, principalmente a cargo de socios da AGPI. Nese mesmo lugar, e co mesmo horario, poderá visitarse tamén o Mercado de Ilustración AGPI, un posto de produtos de AGPI e dos seus socios.

E de 12:00 a 13:30 h, terá lugar o Curso de iniciación a Affinity Designer, un novo software de debuxo vectorial, a cargo de Bernal Prieto. Entre 13:30 e 15:30 h, a Sesión Vermú permitirá confraternizar, con petiscos a cargo de The Room. Xa ás 18:00, unha sesión de Pictionary por Miñoco, co popular xogo nun formato aberto, áxil e divertido. Finalmente, de 21:00 a 22:30 unha nova edición do IlustraNoite, con micropresentacións de varios autores e xente relacionada coa ilustración.

Polo que respecta a Vigo, no café Detrás do Marco (rúa Londres, s/n, 36202 Vigo) o venres 30, ás 22:00 h, haberá outro IlustraNoite, e durante toda a fin de semana, exposición dos participantes nel. O sábado 31, ás 23:00 h, en La Fiesta de los Maniquíes (rúa Rogelio Abalde, 11, 36201 Vigo), novo Combate de Debuxantes, no que varios contendentes se enfrontarán ilustrando en gran formato e con tempo limitado conceptos ao azar.

Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta.

Presentación de ‘Imaxinando Cantares gallegos’

12/12/2014

No 150.º aniversario da publicación do libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, 28 ilustradores e gravadores interpretaron os poemas deste libro básico da cultura galega. O proxecto foi unha iniciativa do Centrad (Centro de Artesanía e Deseño), da Deputación de Lugo, en que unha trintena de autores foron convidados a participar (a través dun proceso de selección) nunha xornada de portas abertas en outubro de 2013.

Hoxe, ás 20:00 h,
preséntase a edición do libro Cantares gallegos con todos eses traballos, coincidindo coa inauguración dunha nova exposición, nesta ocasión na Capela de Santa María (ronda da Muralla, 27001 Lugo). O acto contará ademais coa interpretación dalgúns dos poemas do libro polo grupo musical Clave de Fado.

A mostra cos resultados está composta por unha colección de obras das máis diversas técnicas (acuarelas, lapis, tintas, acrílicos, gravados, etcétera), e cada unha das 33 ilustracións corresponde a un poema do libro.

A nómina completa de autores presentes na mostra ten unha ampla presenza de socios da AGPI: Alberto García Ariza, Xosé Cobas, Eduardo Baamonde, Almudena Aparicio Andión, Quico, Noemí López, Jaime Asensi, Carlos Arrojo e Sergio Covelo.

A exposición poderá visitarse ata o próximo 12 de xaneiro.