AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

banjan
Emma Ríos

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Ilustración en Citinart.es 2015

11/06/2015

Desde o pasado venres, 5 de xuño, vénse desenvolvendo nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña a terceira edición de Citinart.es, evento en que unha decena de contedores reciclados albergan traballos de máis de 40 artistas de diferentes disciplinas.

Un deles está ocupado pola nosa socia Irene Sanjuán, que desenvolve talleres abertos ao público, como o que impartirá mañá, venres 12, ás 19:00, sobre «Visual Thinking» para adultos. Aquí, un vídeo en que explica brevemente a súa participación.

O sábado, ás 12:00, haberá unha quedada Urban Sketchers co noso socio Eduardo Baamonde. Pola tarde, entre as 19:00 e as 21:00, o colectivo Miñoco (ao que pertencen varios dos nosos socios) organiza o Picnic & Draw, versión ao aire libre do Drink & Draw que desenvolven todos os meses. Neste caso, ademais dos xogos habituais relacionados co debuxo, haberá algúns novos (como debuxos en pratos e vasos de cartón, colaxes ou cadáveres exquisitos) e ofrecerase té e pastas, ao tempo que se convida a quen queira participar a levar tamén as súas propias bebidas e comida.

Taller de ilustración de moda, por Marta Riera

29/05/2015

A nosa socia Marta Riera impartirá a semana próxima un Taller de ilustración de moda na sede viguesa de Afundación (rúa Policarpo Sanz, 24-26, 36202 Vigo).

Este taller está dedicado a desenvolver os conceptos básicos da ilustración e o debuxo enfocado cara a un sector tan particular como o da moda e as tendencias. Traballarase tanto a idea como os medios e recursos para a súa execución con apoio documental e visual. Cada sesión centrarase en realizar unha ilustración cunha das técnicas explicadas. Está dirixido a alumnos de deseño de moda, belas artes, escolas de arte e deseño ou aquelas persoas interesadas na representación de moda mediante técnicas de debuxo e pintura.

Será do 2 ao 10 de xuño, de 16:30 a 20:30 (20 horas de duración). O prezo de inscrición é de 160 euros. Neste enlace pode accederse a toda a información.

Ilustración no Boom Film & Comic vigués

12/03/2015

O festival Boom Film & Comic, que transcorrerá esta fin de semana no Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo (avenida de Beiramar, 59, 36202 Vigo) conta no seu programa coa participación de varios ilustradores con actividades. Así, o noso socio Antonio Seijas impartirá mañá, venres 13, ás 11 da mañá, un taller titulado «Cómo planteamos una novela gráfica», e asinará exemplares das súas obras ás 19:00 h. Ás 19:10, presentarase o libro IlustraDots, con obra de moitos socios e socias.

O sábado, ás 16:00 h, o guionista David Braña e o noso socio David Buceta impartirán a charla «Autoedición. ‘El Arca de las Historietas’». Ás 19:00 h haberá unha sesión de sinaturas co noso tamén socio José Domingo, e un encontro co ilustrador Ricardo Cavolo. Finalmente, ás 21:00 h, representarase o espectáculo Mongolia Medicine Show, con Edu Galán e o ilustrador Darío Adanti.

Comeza o Salón do Libro de Pontevedra

27/02/2015

Desde hoxe ata o próximo 28 de marzo decorre o XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, no Pazo da Cultura (rúa de Alexandre Bóveda, 36005 Pontevedra), baixo o lema «Da ciencia á ficción». O cartel desta edición, para cuxo proceso de selección a organización contou coa AGPI, corre a cargo do noso socio Carlos Arrojo. Outra colaboración coa AGPI foi na selección de autores (os nosos socios Irene Sanjuán e Jorge Peral) para os manteis ilustrados de «Almorzos ilustrados», repartidos polos establecementos hostaleiros da rúa Real pontevedresa, en colaboración coa Asociación Taburete.

No extenso programa de actividades, varias teñen que ver coa ilustración. Así, o sábado 14 de marzo, ás 19:00 h, terá lugar a mesa redonda «A literatura infantil de onte a hoxe. Fortalezas e debilidades», coa presenza de Blanca Roig Rechou, Xavier Senín, Romina Bal, Manuel Bragado e o noso socio David Pintor, moderados por Paz Castro. O 7 de marzo, os nosos socios Cestola na Cachola dirixen un obradoiro para a creación dun mural colaborativo, «Creemos un ser sobrenatural: mural do calamar xigante», para cativos a partir de 3 anos. E desde o 8 de marzo, o noso socio Anxo Fariña coordina polas mañás «Peletre-ficción», xogo dirixido a público familiar en que, desde un mesmo punto de partida (a cidade de Pontevedra), os xogadores poderán escoller diferentes destinos, como o centro da terra, o espazo exterior, a viaxe no tempo ou a exploración dos océanos.

Autobom, novo minifestival de autoedición

19/02/2015


Cartel a cargo de Bernal Prieto, con ilustración de José Domingo

Esta fin de semana ten lugar na Coruña o Autobom, minifestival de autoedición invernal, que é irmán o Autobán do pasado mes de agosto, e novamente conta coa colaboración da AGPI na súa organización.

Autobom desenvolverase ao longo do venres 20 e o sábado 21. Será un evento aberto dedicado á autoedición e ao cómic de autor, e incluirá unha serie de actividades relacionadas co tema. Busca ser punto de encontro para os creadores que se autoeditan, e por iso todas as actividades teñen un enfoque aberto e colaborativo. O lugar de realización será The Room (rúa Afonso VII, 15, 15005 A Coruña).

O programa comeza mañá, venres 20, de 18:00 a 21:00 h, «Autolab»: actividades creativas coa axuda dos impulsores do Lab·Ou, con idea de montar ao largo do envento un fanzine (Autozine), cuxo contido proveña do cómic común que se faga, además das colaboracións recibidas vía e-mail. De 21:30 a 23:00 h, Concerto ilustrado, con música de Mglon e debuxos de Roque Romero.

O sábado 21 haberá, durante todo o día, un mercado de fanzines nunha mesa común. De 12:30 a 13:30 h, desenvolverase un curso de maquetación de fanzines, a cargo de Bernal Prieto. Entre 13:30 e 15:00 h, Sesión Vermú, con música, bebida e petiscos. De 17:00 a 18:30 h, sesión de estampación y cosido a cargo de Paula Fraile. Finalmente, de 18:30 a 20:00 h, mesa redonda de autoedición, un debate aberto cos asistentes.

Taller de Ilustración de Kristina Sabaite

10/02/2015

A nosa socia Kristina Sabaite impartirá durante os próximos meses o taller «Ponte a ilustrar», dirixido tanto a ilustradores como a persoas sen experiencia na ilustración. Trátase dun curso creativo, de tipo práctico, que terá unha periodicidade semanal (cada xoves, de 17:00 a 18:30 h), e será terá lugar entre marzo e xuño no Simia Espacio (rúa Instituto oceanográfico, 2, 36202 Vigo).

O curso pode pagarse en catro mensualidades de 40 euros, ou ben con desconto nun único pagamento de 140 euros. A inscrición está aberta ata o próximo 25 de febreiro, e o taller dará comezo o 5 de marzo.

Actividades nas bibliotecas o Día da Ilustración

29/01/2015


Cartel oficial do Día da Ilustración 2015, por Miguelanxo Prado

Á parte do acto central do Día da Ilustración —a mesa redonda organizada coa AGPI, mañá, venres 30, ás 19:00 h co título «As mil caras da ilustración: novos campos e soportes para o traballo ilustrado» (na Biblioteca Pública Miguel González Garcés, rúa Miguel González Garcés, 15008 A Coruña)—, as bibliotecas nodais galegas van acoller un bo número de actividades relacionadas co mundo da ilustración, moitas delas en colaboración con socios da AGPI.

Así, na propia biblioteca Miguel González Garcés, este sábado Xosé Tomás desenvolve o obradoiro creativo de banda deseñada «Coñécete a través dos cadriños» (para nenos de 6 a 12 anos).

Noemí López impartirá un taller de ilustración na Biblioteca Pública de Lugo (avda. Ramón Ferreiro, s/n, 27002 Lugo) mañá a partir das 18:00 h. Está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.

A Biblioteca Pública Juan Compañel (rúa Joaquín Yáñez, 6 36202 Vigo) acolle, desde mañá ata o 2 de febreiro, a mostra «Marcopola, a illa remeira», de Jaboco Fernández, que ademais ofrecerá o sábado, ás 12:30, unha charla aberta a todo o público interesado. No mesmo lugar, a partir das 12:00, Noemí López será tamén a encargada de dirixir un taller de ilustración dirixido a cativos de máis de 3 anos.

A Biblioteca Pública de Ourense (rúa Concello, 11, 32003 Ourense) tamén programou para o sábado ás 11:30 un obradoiro de cómic, a cargo de Yago García.

Finalmente, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (avenida de Xoán XXIII, s/n, 15704 Santiago de Compostela) permanece ata mañá unha exposición bibliográfica dedicada aos ilustradores galegos.

Ilustración na I Xornada da Edición na Coruña

17/12/2014

Durante o día de hoxe, organizada pola Asociación de Editores Coruñeses, desenvólvese no Centro Ágora (rúa Ágora s/n, 15010 A Coruña) a I Xornada da Edición. Durante os actos da mañá, dirixidos a público escolar, hai organizada unha mesa redonda de ilustradores, con Miguelanxo Prado, Ali Ali e o noso socio Xosé Cobas, a charla «Como se fai un libro», a cargo de Mar Pérez Negreira e a nosa socia Paula Mayor, e finalmente tres talleres de ilustración impartidos respectivamente por Miguelanxo Prado, Xosé Cobas e Ali Ali.

Ilustración galega na Feira de Frankfurt

08/10/2014

Desde hoxe, e ata o 12 de outubro, desenvólvese a nova edición da Feira do Libro de Frankfurt, a feira editorial máis importante do mundo, e o posto oficial promovido pola Xunta de Galicia dedicará novamente un espazo á ilustración, en colaboración coa AGPI.

No stand proxectarase continuamente un bucle de imaxes de ilustradores da AGPI e exporanse exemplares de libros ilustrados por socios nosos. Así, haberá obras de Xoana Almar e Miguel Peralta, Almudena Aparicio, Jaime Asensi, Marcos B, Rodrigo Chao, Xosé Cobas, Manel Cráneo, Kike J. Díaz, Nuria Díaz, Anxo Fariña, Miguel Fernández, Santy Gutiérrez, Matalobos, Paula Mayor, Pablo Otero, Minia Regos, Marina Seoane, José Souto e Manuel Uhía, á parte de publicacións da asociación.

Mañá, día 9, ás 13:30 h, na sala «Resonanz» do pavillón 3.1 da feira, dentro das actividades programadas conxuntamente pola Xunta de Galicia, a AGE e mais a AGPI, o noso socio Xosé Tomás impartirá o obradoiro de ilustración «Libros, palabras e imaxes: The Galician Connection», no que fará «un amplo percorrido polas posibilidades do libro ilustrado, amosando a panorámica da ilustración en Galicia».

Clase maxistral de Ajubel

07/10/2014

Están xa a ultimarse os detalles para a undécima edición do Encontro Galego de Ilustración, que decorrerá en Santiago de Compostela o vindeiro 25 de outubro. Nos próximos días darase a coñecer o programa, pero pode avanzarse xa que o día anterior, o venres 24, a AGPI organiza tamén unha clase maxistral a cargo dun dos convidados do Encontro, o prestixioso ilustrador Ajubel, que falará durante dúas horas sobre o seu multipremiado libro Robinson Crusoe. A clase terá lugar ás 18:30 h, no salón de actos do Centro Cultural Afundación (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela).

O custo de inscrición é de 10 euros (5 euros para os socios da AGPI). As prazas son limitadas, e para inscribirse hai que seguir as instrucións que aparecen nesta ligazón.