AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Sozosuru

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Xosé Tomás, profesor dunha nova escola de ilustración

09/09/2013

O noso socio Xosé Tomás será, xunto con Miguel Vázquez Freire, profesor da nova escola de ilustración O Neno Amarelo, que abre mañá o prazo de matrícula ata o día 2 de outubro. A escola, que terá a súa sede na cidade de Santiago (San Martiño Pinario, praza da Inmaculada 5, 15704 Santiago de Compostela), ofrece un curso de 40 horas de duración, as tardes dos venres do último trimestre deste ano, e está limitada a un máximo de 15 alumnos. O programa completo do curso pode verse aquí.

Xosé Tomás tamén comeza este mes os seus obradoiros de ilustración e cómic —dirixidos a público infantil e xuvenil— na Libraría Biblos (rúa de Santiago 4, 15300 Betanzos, A Coruña), e están dispoñibles as últimas prazas para participar.

Curso de ilustración con Mangarela

11/07/2013
A nosa socia Mangarela imparte un curso de debuxo e pintura con mandalas no espazo creativo Portal48 (rua do Laranxo 12 baixo, 36002 Pontevedra). É os martes, de 18:00 a 20:00 h, e o prezo é de 20 euros ao mes. Máis información neste enlace.

Cursos de verán con Ana Santiso

19/06/2013

Durante a primeira quincena de xullo, a nosa socia Ana Santiso ofrece dous cursos intensivos: un de iniciación ao cómic e outro de iniciación á ilustración, na Escuela de Arte Eco (rúa dos Loureiros 1, 15704 Santiago de Compostela).

Ambos os cursos, de dezaseis horas de duración cada un —desenvólvense de luns a xoves—, están dirixidos a persoas con ou sen coñecementos previos de debuxo. O prazo de matrícula está aberto para os dous.

Novo Curso AGPI: entintado manual e dixital, con José Luis Ágreda

19/03/2013




O segundo curso organizado pola AGPI xirará en torno ao entintado manual e dixital, e estará impartido polo ilustrador José Luis Ágreda, coñecido especialmente polas súas colaboracións con El Jueves e El País.

O curso, titulado «De como a tinta dixital me fixo máis valente», está dirixido a profesionais da ilustración ou a calquera persoa interesada, sexa ou non socia da AGPI. Constará de dúas partes diferenciadas, de tres horas de duración cada unha, e, aínda que de carácter teórico, estará fortemente apoiado por exemplos prácticos e mostras de traballo en directo do autor.

Os obxectivos son dar a coñecer a importancia do proceso de entintado, e os usos das ferramentas tradicionais e dos recursos dixitais, centrándose nos programas de debuxo e tinta dixital SketchBook Pro e Manga Studio.

Será o sábado 6 de abril, de 10:30 a 13:30 e de 17:30 a 20:30 h, no Centro Sociocultural O Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16 baixo, 15701 Santiago de Compostela). A inscrición é de 10 euros para socios da AGPI, e de 30 euros para non socios (no caso de estudantes, 20 euros). O prazo de preinscrición acaba o próximo 31 de marzo, e as prazas son limitadas. Toda a información sobre o curso e o proceso de inscrición pode verse aquí.

Como no anterior curso, ao finalizar complementarase cunha actividade de entrada libre: a nova edición do IlustraNoite, formato de presentacións multimedia de varios profesionais de diversos campos da ilustración. Nos próximos días confirmarase o lugar de realización, así como os seus participantes.

José Domingo imparte un curso de narrativa da BD

30/10/2012

O noso socio José Domingo impartirá no espazo Polisemias (rúa da Nosa Señora do Rosario 5, 15001 A Coruña), especializado en talleres literarios, o curso ¡Catacrok! O curso está definido como unha «inmersión na narrativa da BD e a súa metodoloxía de creación, abranguendo tanto os aspectos teóricos como os prácticos da creación de obras de narrativa gráfica, desde as primeiras fases de guión e planificación ata a autopublicación dun fanzine cos trabajos do taller».

O curso decorrerá os luns entre o 5 de novembro e o 17 de decembro (de 18:00 a 20:00 h). Máis detalles sobre prezos de inscrición, aquí.

José Domingo publicou recentemente no Reino Unido, da man da prestixiosa editorial Nobrow, o seu último traballo, titulado en inglés Adventures of a Japanese Business Man.

Preséntanse os Cursos AGPI

30/07/2012

A AGPI pon en marcha unha nova actividade que desenvolverá de forma periódica en varias localidades galegas: os Cursos AGPI. Tratarase de sesións dunha xornada de duración, dirixidas a profesionais da ilustración e a toda persoa interesada. O primeiro destes cursos será o sábado 25 de agosto, e xirará en torno á aplicación dixital da cor. Consistirá en dúas clases maxistrais de tres horas cada unha impartidas por dous profesionais amplamente recoñecidos: Sergio Casas e Patricia Castelao.

O curso desenvolverase no Centro Ágora da Coruña (rúa Ágora, 15010 A Coruña), ao longo de todo o sábado, e incluirá un xantar para os asistentes. Ademais, unha vez finalizado o curso completarase co IlustraNoite, un formato de presentacións multimedia de varios profesionais de diversos campos da ilustración, aberto a todo o público.

A tarifa de inscrición é 20 euros para socios da AGPI, 30 euros para estudantes de arte e 50 euros para o resto. As prazas son limitadas, e han de facerse antes do 14 de agosto. Toda a información do curso e o boletín de inscrición poden encontrarse nesta ligazón.

Clase maxistral de José Domingo en Pontevedra

08/06/2012

Mañá, sábado 9 de xuño, de 10:30 a 14:30 h, o noso socio José Domingo impartirá unha masterclass na escola de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético, en Pontevedra. As prazas son limitadas, e requírese o pagamento de inscrición. Todos os datos, aquí.

No mesmo lugar, esta tarde ás 18:00 h. inaugúrase a exposición Fabricando BDs, de Fernando Iglesias Kohell.

Abre as súas portas a primeira escola de cómic galega

23/04/2012

Este sábado foi inaugurada en Pontevedra a escola de BD e ilustración O Garaxe Hermético. Dirixida polo ilustrador Kiko da Silva, conta como profesores con Miguel Porto, Fernando Iglesias Kohell, Norberto Fernández e Jacobo Fernández Serrano. Aínda que o curso profesional comezará en outubro, ata entón a escola impartirá cursiños e talleres, e cada mes terá unha exposición; comeza, así, cunha mostra de orixinais da obra Trazo de xiz, de Miguelanxo Prado.

Convocadas bolsas para visitas profesionais a Angoulême

02/03/2012

A Deputación de Ourense convocou hoxe dez bolsas destinadas a profesionais da animación e a banda deseñada para unha estadía formativa de curta duración (4 días) na cidade francesa de Angoulême. As estadías incluirán visitas á Cité Internationale de la Bande Dessinée et de l'Image (onde están, entre outros, os prestixiosos Maison des Auteurs e Musée de la Bande Dessinée), ao Pôle Image Magelis e toma de contacto con diversos colectivos de autores franceses.

A actividade está incluída no programa do Programa Imagina Atlántica, proxecto cofinanciado polo FEDER, que une catro países europeos: España, Portugal, Francia e Gran Bretaña.

As persoas interesadas en participar teñen de prazo para presentar as súas peticións ata o 16 de marzo. O número do Boletín Oficial da Provincia de Ourense onde se publica (n.º 51, 2/3/2012, páxina 2) pode descargarse completo aquí.

Curso de debuxo a cargo de Idoia de Luxán

16/11/2011

A nosa socia Idoia de Luxán impartirá, a partir do próximo 25 de novembro (a presentación da actividade será ás 16:00 h) un curso de debuxo artístico no Espazo Xove-Casa da Xuventude de Ourense (rúa Celso Emilio Ferreiro 27, 32004 Ourense). No propio centro (teléfono 988 228 500) ofrecen máis información sobre a inscrición e os contidos do curso.