AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Hugo Covelo

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Charla Ninja en Ourense

02/11/2016

Continúa o ciclo de charlas ninja que AGPI organiza este outono nas tres escolas de arte galegas que imparten formación en ilustración.

Próxima CHARLA NINJA: venres 4 de novembro en Ourense na Escola de Arte Antonio Faílde (Avda. da Universidade, nº 18) ás 12:00 h, cos senseis Fran Bueno e Guitián.

Pablo Auladell, Premio Nacional do Cómic 2016

27/10/2016

 Pablo Auladell foi galardoado hoxe co Premio Nacional do Cómic 2016 pola súa obra El paraíso perdido. O xurado escolleu esta obra, inspirada no poema homónimo de John Milton, por «o gran valor artístico e a forza visual inspirada pola intemporal visión de Milton, o seu tratamento da cor, o uso orixinal da iconografía e a narrativa, que consegue ao mesmo tempo ser arquetípica e plenamente actual». O premio, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros e ten como obxecto «distinguir a mellor obra desta especialidade publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano 2015».

Pablo Auladell (Alacante, 1972) é docente do Master Ars in Fabula e da AIF Summer School en Macerata (Italia). Ten ilustrado máis de trinta álbums, novelas e cómics, e a súa obra ten sido exposta en galerías e feiras de Madrid, Barcelona, Roma, Boloña e Xenebra. Co seu primeiro álbum de BD, El camino del titiritero, foi finalista na categoría de Autor revelación no Salón de Barcelona de 2002. En 2006 obtivo ese mesmo premio por La Torre Blanca (2005). Tamén foi recoñecido co premio do Ministerio de Cultura ás Mellores Ilustracións de Libros Infantís e Xuvenís en 2005 por Peiter, Peter y Peer y otros cuentos, de Hans Christian Andersen.

O xurado, presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, José Pascual Marco, e coa subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández, como vicepresidenta, estivo composto por Juan Díaz Canales, un dos autores galardoados en 2014; Ulises Ponce, designado pola AACE; Mamen Moreu, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP) —á que pertence á AGPI—; Eva Cosculluela, pola CEGAL; Anna Abella, pola Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic; Juan Bordes, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Elisa MacCausland, pola FAPE; María Soledad Sánchez, polo Instituto de Investigaciones Feministas de la Universidad Complutense de Madrid; e Gerardo Vilches, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

Chega o XIII ENCONTRO GALEGO DE ILUSTRACIÓN!

19/10/2016

.
Temos todo preparado para a
XIII edición do Encontro Galego de Ilustración, que decorrerá baixo a organización de AGPI, o próximo sábado 29 de outubro, no auditorio do CGAC - Centro Galego de Arte Contemporánea ( Valle Inclán, 2 - Santiago de Compostela )

Este ano o Encontro acolle dúas interesantes charlas no CGAC: de BambinoMonkeyXosé Vizoso.

:: 11:20 BAMBINOMONKEY [Animación/Publicidade]
Ignacio Maroto, experto en deseño de personaxes, falará da súa traxectoria e traballo, cunha breve sesión de pintura dixital en directo.

:: 13:00 XOSÉ VIZOSO [Produto/Cartel/Editorial]
A través dun coloquio co autor faremos un percorrido polo seu traballo como deseñador en Sargadelos, cartelista e ilustrador.

Sábado 29 de outubro a partir das 11:00 h.
Auditorio do CGAC- R/ Valle Inclán, 2
Santiago de Compostela

:: Podedes descargar o programa completo aquí ::

#Encontro2016

Puntos de venta da Guía Ninja do ilustrador

25/08/2016



A Guía Ninja en papel
(edición en galego) xa se pode atopar nas principais cidades galegas. (PVP simbólico: 1€). En setembro engadiremos algúns puntos máis.

Puntos de distribución da Guía Ninja en papel

A CORUÑA
Alita comics Nelle / Alita comics Orzán
Kikomic
Metrópolis comics
Librería Moito Conto
Librería Formatos
Nave 1839
Bibliotecas municipais

COMPOSTELA
A Gata Tola
Alita comics
Komic (desde 1 de setembro)

LUGO
Totem Comics

FERROL
Metrópolis comics

PONTEVEDRA
Librería Paz
O Garaxe Hermético

OURENSE
Sindicato del Comic

El Halcón Milenario

* Podedes descargar o PDF en galego ou castelán na web >> http://bit.ly/2bOtYT2

Chega o Autobán 2016!

11/08/2016



Xa queda moi pouquiño para o Autobán!
Autobán é o minifestival de autoedición de Coruña, que este ano celebrarase en Nave 1839 desde a tarde do venres 12 de agosto á noite do sábado 13.

Venres 12
> O venres comeza co BRILÉ BRUTAL, un mundialillo do popular xogo, entre os participantes no Autobán e aqueles que queiran apuntarse (enviando correo a autoban.bd@gmail.com).

> A continuación AUTOCINE e AUTOBOMBO, actividades que irán intercaladas. O AUTOCINE será unha sesión de curtos de animación na que contamos con "Viaxe a pés" (2015) de Khris Cembe, "Astigmatismo" de Nicolai Troshinsky e Decorado (2016) de Alberto Vázquez, que fará unha presentación do seu curto.
O AUTOBOMBO son unha serie de presentacións rápidas a cargo de diversos participantes no Autobán, en formato 15x15 (15 imaxes por presentación, 15 segundos por imaxe).

Sábado 13
> O sábado comezase o MERCADILLO DE FANZINES ás 12:00, que se prolongará ata as 21:30.

> Ás 13 H. se celebra o MINIBÁN, unha actividade para todos os públicos, e especialmente para a chavalada. Consistirá nesta ocasión en tres microconciertos de bandas locais adaptados especialmente para público infantil.

> A partir das 14 H. haberá SESIÓN VERMÚ, DUELO DE DJs e COMIDA ECONÓMICA. Podedes comer no Autobán e gozar de boa música nun duelo épico de Miss Gozamales VS Beaal.
> Ás 17 H. PRESENTACIÓN de Guía Ninja de AGPI, a cargo de Alberto Guitián.
> Ás 18 H. MESA REDONDA Non nos mires, úneche!: Cultura alternativa e autogestión, con Sara Roca (Nave 1839), Miguel Porto (Bosquexo), Tonecho Otero (Freakemacine), Bernal Prieto (Autobán), moderados por Sira González.
> Ás 20 H. COMITÉ DE SABIOS Reunión no cume: revista de actualidade sobre BD con Emma Ríos (autora de cómics), Simón Branco (libreiro do Sindicato do Cómic), Señor B (crítico en Metrópoles Delirantes). Modera Óscar Iglesias.
> A partir das 22:30 comezará o COMBATE DE DEBUXANTES

>> Todas as actividades son gratuítas e de entrada libre.
>> Podedes consultar a programación completa do Autobán 2016 nesta ligazón

Presentación da edición impresa da Guía Ninja do Ilustrador

09/08/2016



Convidámoste a asistir á presentación da edición impresa da Guía Ninja do Ilustrador, realizada pola AGPI. Unha
ferramenta de sensibilización sobre boas prácticas na profesión que xorde para reflexionar e concienciar sobre condutas abusivas, ofrecer ferramentas útiles e dar orientación legal aos profesionais creativos.

Será este mércores 10 de agosto ás 12.00 no Kiosko Alfonso. A partir dese momento o manual de supervivencia profesional estará tamén na web
www.guianinjadoilustrador.org listo para a súa descarga en formato PDF, tanto en galego como en castelán. 
No acto estarán presentes
Sergio Covelo, presidente da AGPI, Manel Cráneo, ilustrador e colaborador da Guía Ninja do Ilustrador, e Alberto Guitián, ilustrador e coordinador xeral do Proxecto Ninja.

Anímate a vir e leva un exemplar da guía!

E se queres, podes participar coa túa opinión e os teus comentarios a través das nosas redes sociais.

E non o esquezas... Be Ninja, my friend!

Viñetas desde o Atlántico 2016

08/08/2016


Nova edición do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, do 8 ó 14 de agosto en A Coruña.

Nunha postura analítica e crítica sitúanse varios dos autores invitados: Cristina Bueno, que aborda a realidade dos desfiuzamentos en Aquí vivió: historia de un desahucio; Nadar, coa súa novela autobiográfica El mundo a sus pies, sobre as vivencias dun parado; Jorge González, que tratou en varias ocasións os efectos sociais das ditaduras iberoamericanas do XX; ou o guionista Juan Díaz Canales, con Como viaja el agua.

Os afeccionados ás historias do universo da Patrulla X poderán gozar da presenza dun dos alma máter destes personaxes, Chris Claremont, responsable de rexir os destinos de Cíclope, Lobezno,Tormenta, Mística e Magneto durante os dezaséis anos mais fecundos desta tropa.

Poderemos ver os orixinais de Bajo el sol de Medianoche, do Corto Maltés, de Rubén Pellejero e Juan Díaz Canales, unha obra respetuosa cos lectores e coa memoria de Hugo Pratt, creador da personaxe. Canales, expoñerá a súa primeira obra como guionista e debuxante, Como viaja el agua, protagonizada por dous anciáns marxinados. Entre os convidados está Jorge González, Premio Internacional de Novela Gráfica Fnac-Sins Entido con Fueye, autor de Las gaviotas son felices, e de Hate Jazz en colaboración con Horacio Antuna. Tamén estará Daniel Torres, mostrando o proceso creativo da súa obra La Casa, na que fai un percorrido pola Historia da Humanidade a través das súas vivendas.

Un dos creadores galegos invitados é Ramón Marcos, nome destacado en Opiumou Galimatías, e debuxante de obras como Vida de nai ou Operación mascota, dentro da serie Silvana, a filla do explorador.

A Sala de Exposicións Salvador de Madariaga, acollerá os orixinais dos Premios Castelao de Banda Deseñada dos anos 2014 e 2015: O inferno do debuxante de Kiko DaSilva e A carreta do diaño de Fernando Llorente. E na Torre de Hércules podedes visitar a exposición Viñetas na Torre: 19 carteis das edicións de Viñetas desde o Atlántico.

Miguelanxo Prado e David Rubín rinden homenaxe a Miguel de Cervantes na exposición Miguel de Cervantes/ El retablo de las Maravillas, conmemorativa do IV Centenario de la Muerte de Cervantes, na Sala de Exposicións do Palacio Municipal de María Pita.

Na exposición “A voz do vento”, no Centro Ágora, Jano ilustra poemas de Manuel María.

A imaxe do Viñetas 2016 é una creación do debuxante Keko. Xunto co cartel, hai outros dous elementos esenciais de Viñetas desde o Atlántico: a gran familia de personaxes que tomarán estes días as rúas e a feira da historieta. As casetas coas últimas novidades editoriais, tomarán o Paseo das Palmeiras transformándoo na Rúa da BD cun amplo programa de obradoiros, entretemento e encontros comerciais cos autores. Alí poderedes atopar a caseta da Agpi, con información, láminas e fanzines dos socios, ademáis de ser punto de venta e recollida da Guía Ninja para ilustradores.

Comunicado en relación á situación do CGAI

12/07/2016


Nos últimos meses estamos vendo como o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) está sufrindo unha perda de recursos e persoal que pon en grave perigo o seu funcionamento. Tememos que esto sexa un paso máis dun desmantelamento paulatino desta institución. Nos últimos días o despido dun dos dous proxeccionistas foi a gota que colmou o vaso nesta situación de deterioro.

Colectivos profesionais do sector audiovisual e cultural están a reclamar melloras na dotación do Centro, considerando que é unha institución que debe ser preservada e mellorada para que siga coa súa función de conservación e arquivo da memoria audiovisual de Galicia.

O CGAI é unha institución imprescindible para Galicia e a nosa cultura. Dende a AGPI consideramos que esta situación tamén nos toca coma colectivo de creadores e queremos expresar a nosa disconformidade co abandono da filmoteca de Galicia por parte dos órganos de goberno.

Por iso, animámosvos a participar este mércores día 13 ás 20:00h na xuntanza convocada enfronte do CGAI (R/ Durán Loriga 10, A Coruña) para protestar por este desmantelamento encuberto.

Javier Sáez Castán, Premio Nacional de Ilustración 2016

06/07/2016

Javier Sáez Castán foi galardoado onte co Premio Nacional de Ilustración correspondente a 2016. Outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte co obxectivo de «recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por un ilustrador español no ámbito do libro e das letras españolas», está dotado con 20.000 euros. O xurado escolleu a Sáez Castán «pola súa creatividade e talento narrativo que implica a dimensión obxectual do libro; pola súa capacidade para construír mundos e contaxialos; pola calidade das súas obras, moitas das cales son grandes clásicos contemporáneos de dimensión internacional, e pola súa xenerosidade como formador».

Castán
(Huesca, 1964) é ilustrador e escritor especializado en libros para nenos. Iniciou a súa carreira no campo da publicidade e traballando como ilustrador para institucións como a Universidade e o Concello de Alacante e empresas de publicidade. As súas obras teñen recibido numerosos premios e distincións, entre os que destacan o de Mellor Libro Ilustrado na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de México en 2004 e o de Mellor Libro do Ano do Banco del Libro de Venezuela en 2005 pola súa obra Animalario universal del profesor Revillod.

O xurado, presidido por José Pascual Marco, director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, estivo composto por Mónica Fernández, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas; Carmen Marcos, designada por APIC; Aitana Carrasco, por APIV; María Pascual de la Torre, por APIM; Jacobo Fernández Serrano, por AGPI; Ana González Lartitegui, por Euskal Irudigileak; Iratxe López de Munain, por FADIP; Antonio Seijas, pola OEPLI; Estrella de Diego, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; María del Rocío Martínez, polo Centro de Estudios de Género da UNED; Rafa Vivas, polo Ministro de Educación, Cultura e Deporte; e a galardoada na pasada edición, Elena Odriozola.

DECÁLOGO NINJA: #10 Infórmate, asóciate

15/06/2016



Chegamos ao final do decálogo da Guía Ninja do Ilustrador, e facémolo cunha reflexión sobre a importancia da información e da unión de profesionais da ilustración como ferramentas indispensables. Contámosche que unha das mellores formas de acceder a elas é a través das asociacións, e che damos algunha pista sobre as súas tarefas e o seu funcionamento. O artigo, naturalmente, vén ilustrado cunha viñeta, neste caso do noso socio Uxío Broullón (Ictioscopio).

Pero isto non queda aquí. Estamos a preparar unha versión en PDF do decálogo completo, que estará dispoñible proximamente na web www.guianinjadoilustrador.org tanto en galego como en castelán. Manterémoste ao tanto. E recorda... Be Ninja!