AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Simbad "Novas olladas sobre clásicos universais"
Rubén Mariño Lamas

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Grande éxito do IX Encontro

29/10/2012

Cunha afluencia de máis de 80 persoas, as actividades abertas ao público da novena edición do Encontro Galego de Ilustración foron consideradas un éxito por parte da organización. Ao longo das catro charlas da mañá, repasáronse os distintos tipos de animación, desde a óptica das pequenas e das grandes producións, coa presenza de relatores de primeira liña.

Na fotografía pode verse a maioría dos asistentes, no tradicional «Fotomatón» realizado por Óscar Villán. Nesta ligazón pode verse noutros tamaños, ademais doutras fotografías da xornada, da autoría de Pinturero.

Mañá, o IX Encontro Galego de Ilustración

26/10/2012

Mañá, sábado 27, a partir das 10:00, no Centro Cultural Novacaixagalicia en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela), tendrá lugar o noveno Encontro Galego de Ilustración, que este ano estará dedicado ao mundo do cinema de animación e terá como convidados a David Rubín, Alberto Taracido, Virginia Curiá e Tomás Conde, Alberto Vázquez e Julián Romero.

As actividades matinais son de entrada libre e gratuíta. Máis información, aquí.

Chega o noveno Encontro Galego de Ilustración

15/10/2012

O Encontro Galego de Ilustración, que desenvolve cada ano a AGPI, acada a súa novena edición o próximo sábado 27 de outubro. Como é habitual, a xornada decorrerá no Centro Cultural Novacaixagalicia en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela).

Os actos da mañá (a partir das 10:00 h) serán abertos a todo o público interesado, e estarán compostos por charlas e mesas redondas sobre cuestións que atinxen ao mundo dos ilustradores, con relatores de primeiro nivel; este ano, a temática que percorrerá toda esta parte do Encontro será a do cinema de animación, que desperta cada día máis interese na profesión. Así, o mundo da animación 3D será tratado polos ilustradores David Rubín e Alberto Taracido; o da animación stop motion correrá a cargo de Virginia Curiá e Tomás Conde (da produtora Algarabía Animación); acerca da animación en 2D falará o ilustrador Alberto Vázquez (do que se proxectará a súa premiada curtametraxe Birdboy); e finalmente Julián Romero, deseñador de produción do filme Planet 51, falará sobre a dirección de produción nunha longametraxe de animación.

Contra as 14:20 terá lugar na praza da Quintana o tradicional «Fotomatón» con todos os asistentes ao Encontro, e a partir de entón comezarán as actividades reservadas aos socios da AGPI: o «Xantar de confraternización» no restaurante O Dezaseis, e mais a Asemblea xeral de socios, de volta no centro cultural Novacaixagalicia, a partir das 17:30 h.

Como colofón á xornada, desde as 22:00 h celebrarase no bar Mercromina (rúa de San Pedro 9, 15703 Santiago de Compostela) a festa de presentación do fanzine Compota de Manatí, a cargo do Colectivo Miñoco.

O programa completo pode consultarse aquí.

Éxito do Encontro de Ilustración

31/10/2011

Co tradicional «fotomatón», que reúne os socios asistentes e os convidados, e que é seguido polo xantar e mais pola asemblea xeral da asociación, acabou este pasado sábado o oitavo Encontro Galego de Ilustración, organizado un ano máis pola AGPI.

Algúns dos convidados, como Manuel Bragado ou Manuel Gago, fixéronse eco do acto nos seus respectivos blogs.

Pode accederse a máis fotos do Encontro no Flickr da AGPI.

Mañá, o VIII Encontro Galego de Ilustración

28/10/2011

Mañá decorrerá a oitava edición do Encontro Galego de Ilustración, desde as 10:00 h no salón de actos da sede da Fundación Novacaixagalicia Claudio San Martín en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela).

Durante toda a mañá desenvolveranse interesantes charlas e mesas redondas sobre os procesos creativos dos ilustradores e os retos de presente e futuro que debe afrontar a profesión. En todas elas está convidado a participar todo o publico interesado, xa que a entrada é libre e gratuíta.

Toda a información sobre o Encontro pode lerse aquí.

Preséntase o programa do VIII Encontro Galego de Ilustración

17/10/2011

O derradeiro sábado do mes de outubro, como vén sendo tradicional, a AGPI organiza en Santiago de Compostela o Encontro Galego de Ilustración, unha cita fundamental para os profesionais, aberta ademais a todo o público interesado.

Esta edición, a oitava, decorrerá o sábado 29 de outubro, no salón de actos da Fundación Novacaixagalicia Claudio San Martín (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela), e contará coa presenza de diversas voces autorizadas que nos darán as súas visións, máis interesantes, se couber, no complexo panorama que nos toca vivir.

A parte matutina do programa —como é habitual, de portas abertas— comezará ás 10:15 cunha charla a cargo de Gemma Cortabitarte, xerente da APIC (Associació Professional d’Il·lustradors de Catalunya), que falará sobre «A ilustración ante os novos tempos da profesión».

Despois dun descanso para os asistentes, ás 11:45 a charla será a dúas voces: baixo o título «Entre dous: a obra conxunta», os autores Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas falarán do proceso creativo conxunto entre escritor e ilustrador desde a experiencia dun tándem que ten publicado numerosos libros ilustrados.

Pechará a mañá a mesa redonda «Como convivir cos medios dixitais?», na que participarán Manuel Gago (director de Culturagalega.org e profesor de Ciberxornalismo na USC) e Manuel Bragado (presidente da AGE e director de Edicións Xerais), que analizarán a situación actual perante os novos camiños abertos polos medios dixitais, e de que xeito afecta esta aos autores; moderará Henrique Torreiro, xerente de FADIP. Esta actividade enmárcase dentro do programa «Os retos da era dixital», patrocinado polo Ministerio de Cultura.

A iso das 14:15, terá lugar o tradicional fotomatón —a foto de familia de todos e todas os presentes no Encontro— na praza da Quintana, e logo, xa só para socios inscritos previamente, o non menos tradicional «xantar de confraternización» no restaurante O Dezaseis (rúa de San Pedro 16, 15703 Santiago de Compostela).

Despois da sobremesa, ás 17:30, será o momento (novamente no salón da Fundación Novacaixagalicia) da Asemblea xeral da AGPI, reservada tamén só aos socios.

Pode accederse a todos os detalles do programa aquí.

Vixésimo terceiras Xornadas de BD de Ourense

06/10/2011

Nunha edición especial, cualificada pola organización como «de urxencia», chegan as XXIII Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, que estarán presentes na cidade das Burgas ata o próximo día 18 de outubro.

Nelas poden verse tres exposicións: unha central, na Casa da Xuventude (rúa Celso Emilio Ferreiro 27, 32004 Ourense), titulada Homenaxe a Benito Losada, con obra de moitos dos autores galegos que colaboraron coas Xornadas ao longo da súa historia, e cuxo catálogo (o número 18 da revista O Fanzine das Xornadas) pode descargarse aquí (PDF, 129 Mb); e no Museo Municipal (rúa Lepanto 8, 32005 Ourense) a expo 10 anos de Polaqia, que fora realizada para o Espazo Normal coruñés, e mais a mostra do Certamen Injuve de Cómic e Ilustración 2010.

Alén disto, as Xornadas acollen esta fin de semana presentacións relacionadas coa banda deseñada, na nova libraría ourensá Sindicato del Cómic (rúa Doutor Marañon 15, 32005 Ourense). Así, mañá, venres 7, ás 13:00, presentaranse as novidades de Demo Editorial —que este ano recibiu o Premio Ourense de BD á mellor iniciativa—; pola tarde, ás 18:30, haberá unha presentación dobre, con David Braña e David Buceta por unha parte, e Alberto Guitián por outra. O sábado 8, ás 17:00, será o Colectivo Polaqia o que presente as súas últimas publicacións, entre elas o derradeiro número da revista Barsowia.

Tamén o sábado, ás 12:30, decorrerá na Casa da Xuventude o tradicional Encontro de Banda Deseñada, en que participarán, ademais de todo o público interesado, os autores presentes nas Xornadas.

O cartel desta edición é obra de José Domingo.

Santy Gutiérrez, reelixido presidente da AGPI

05/11/2010

Na asemblea xeral dos socios da AGPI, desenvolvida en Santiago de Compostela durante a xornada do VII Encontro Galego de Ilustración, decidiuse por unanimidade referendar nos a actual directiva da asociación. Á convocatoria de eleccións non foi proposta ningunha outra candidatura, polo que o equipo dirixido por Santy Gutiérrez foi reelixido para seguir á fronte da asociación durante os próximos dous anos.

A nova xunta directiva da AGPI queda, pois, composta polos seguintes membros:
Santy Gutiérrez, presidente
Suso Blanco Cubeiro, vicepresidente e tesoureiro
Almudena Aparicio, secretaria
Sesé Barreiro, vogal
Manel Cráneo, vogal e delegado en FADIP
Alberto García Ariza, vogal
Luis Sendón Cedrón, vogal

Estas son as nosas caras

05/11/2010


O pasado sábado celebramos en Santiago, o tradicional Encontro Galego da Ilustración, e aproveitamos para inmortalizar o momento con esta foto de familia, nunca mellor dito.
Se queredes ver as fotos dos anos anteriores, podedes facerlo aquí.

Sábado, 30 de Outubro. Santiago. VII ENCONTRO GALEGO DE ILUSTRACIÓN

29/10/2010

Como ven sendo habitual, todos os anos AGPI organiza o seu tradicional encontro onde reunímonos a meirande parte dos profesionais da ilustración, ademáis de ter algúns ilustres convidados.

As actividades terán lugar na sede da Fundación CaixaGalicia, na Rúa do Vilar 19, Santiago, e pola mañá disfrutaremos ás 10.30 dunha charla con Sandra López, da axencia Pencil.
Ás 11.45, a ilustradora Elena Odriozola impartirá unha conferencia, e remataremos ás 13.00 cunha presentación do Vegap.
Todas estas actividades son abertas ao público, e de acceso gratuito.
Por outra banda, se queredes ver as caras aos ilustradores dos que coñecedes os seus debuxos, todos estaremos ás 14.00, na Praza da Quintana nunha megafoto de grupo.

E xa despois de xantar, celebraráse a Asamblea Xeral Anual de AGPI.

Estades todos invitados ao evento que dende AGPI esperamos con máis ansia todos os anos, e o que celebramos con máis agarimo.
Vemonos en Santiago