AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Tigre
Michel Casado

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

DECÁLOGO NINJA: #10 Infórmate, asóciate

15/06/2016



Chegamos ao final do decálogo da Guía Ninja do Ilustrador, e facémolo cunha reflexión sobre a importancia da información e da unión de profesionais da ilustración como ferramentas indispensables. Contámosche que unha das mellores formas de acceder a elas é a través das asociacións, e che damos algunha pista sobre as súas tarefas e o seu funcionamento. O artigo, naturalmente, vén ilustrado cunha viñeta, neste caso do noso socio Uxío Broullón (Ictioscopio).

Pero isto non queda aquí. Estamos a preparar unha versión en PDF do decálogo completo, que estará dispoñible proximamente na web www.guianinjadoilustrador.org tanto en galego como en castelán. Manterémoste ao tanto. E recorda... Be Ninja!

Decálogo Ninja: #9 Os papeis do ilustrador

08/06/2016

Como todo profesional freelance que desenvolve a súa actividade en España, o ilustrador debe asumir unhas condicións burocráticas, fiscais e de cobertura sanitaria bastante áridas e incómodas. Neste post resumimos estas condicións e deixamos algunhas recomendacións para que levar os papelames non se che converta nun viacrucis.

Este é o punto número nove do Decálogo, xa non queda nada para que o decálogo este completo! Lembrade que podedes consultar todos os artigos na Guía Ninja do ilustrador !!
#BeNinja!

Publicada "La carreta del diablo", de Fernando Llorente

03/05/2016

Unha Orde de monxes deambula polos camiños cunha misión, atopar as portas do Paraíso, pero as portas que acaban abrindo van ser moi diferentes... Esta é a sinopse da obra do noso socio Fernando Llorente, La Carreta Del Diablo, galardonada có Premio Castelao de Banda Deseñada o ano pasado. A partir de agora, podedes atopar a versión en castelán en Amazon. A versión en galego está en proceso de preparación.

Nace a ‘Guía Ninja do Ilustrador’

13/04/2016


Ilustración de José Domingo

A maioría dos ilustradores e ilustradoras son profesionais freelance, polo que, á parte de crear, teñen que manexar plans de empresa, negociar proxectos e facer presupostos, contratos e facturas. O ilustrador debe coñecer a fondo os dereitos e deberes da súa creación artística, para protexela e poder explotala. E, ademais, ten que moverse nun mercado complexo e protexerse de prácticas abusivas. Os ilustradores freelance precisan adestramento e habilidades ninja!

Ante esta esixencia profesional, desde AGPI consideramos indispensable a elaboración dunha guía que subministrase as ferramentas necesarias para defender os nosos dereitos e a nosa profesión. Así nace a Guía Ninja do ilustrador, un manual de boas prácticas, con información actualizada e moi valiosa que recolle e resume todo o que desde hai anos veñen divulgando as asociacións profesionais.

A partir de hoxe, e con cadencia semanal, publicaremos unha viñeta e un artigo en guianinjadoilustrador.org, conformando así un decálogo da profesión que pode ser divulgado facilmente a través das redes sociais e que permite o acceso rápido a informacións máis amplas sobre dereitos e cuestións prácticas da profesión.

O oficio de ilustrar: encontro con Carme Solé

12/04/2016

A ilustradora e pintora barcelonesa Carme Solé Vendrell será a protagonista dunha charla-encontro que, co lema “O oficio de ilustrar”, se celebrará este xoves ás 18.30h na Galería Sargadelos de Santiago, no marco da XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura.
Carme Solé falará da súa ampla traxectoria artística: máis de 700 títulos, entre álbums e libros de texto, publicados internacionalmente; participación en diversas exposicións; colaboracións en proxectos de escenografía; ademáis  de impartir cursos de ilustración en Europa, América e Asia. Cabe destacar o Premio Nacional de Ilustración que recibiu en 2013, polo conxunto da súa obra.

Carme Solé visitará a exposición de ilustracións, libros e instalacións artísticas da Campaña “Contos para despois da chuvia”, na que se pode ver unha selección de imaxes do seu álbum “A lúa de Xoán”, publicado por Kalandraka. Publicado orixinalmente en 1982, trátase dun dos traballos máis importantes na bibliografía desta autora, por ter marcado a súa proxección internacional.

“A lúa de Xoán”, aborda o temor á morte e a forma de afrontalo. Esta é unha das cualidades que sobresaen da súa produción editorial: a reflexión -a través da ilustración e da literatura- sobre temas profundos como a soidade, a tristura ou a perda dun ser querido; un interés que responde ao compromiso da autora por falarlles aos nenos e ás nenas sobre os seus medos e darlles respostas que non atopan nos adultos.

Comeza a Feira de Boloña con presencia da ilustración galega

03/04/2016

Desde o 4 ó 7 de abril ten lugar a Fiera del Libro per Ragazzi, feira de gran importancia para o mundo da ilustración, especialmente a ligada á literatura infantil e xuvenil, na cidade italiana de Boloña.

Novamente, o posto oficial promovido pola Xunta de Galicia dedica un espazo á ilustración, en colaboración coa AGPI. Nesa parte do stand está a proxectarase continuamente un bucle de imaxes de ilustradores da AGPI e hai acceso a exemplares do noso último catálogo, "Novas olladas sobre os clásicos universais". Expóñense exemplares de libros ilustrados por socios nosos no último ano, ademáis dunha exposición con ilustracións de varios dos socios: Alberto Guitián, Alberto García Ariza, Almudena Aparicio, Andrés Meixide, Carlos Rodil, Flavia Lago, José Gimeno, Iria Fafián, Iván Mourente, Javi Montes, Julia Gema, Kristina Sabaite, María Elisabeth, Marina Seoane, Marta Álvarez, Minia Regos, Nuria Díaz, Paula Mayor, Pedro Díaz, Perrilla Gatirrosa, Pinturero, Rodrigo Chao, Victoria Riveiro e Yupiyeyo.

Ademáis, contamos coa presencia das nosas socias Almudena Aparicio e Nuria Díaz, que impartirán obradoiros e dibuxarán en directo durante estes días.

AUTOBOM [Festival de autoedición e BD de autor]

18/03/2016

Hoxe comeza AUTOBOM na Coruña, festival invernal de autoedición e BD de autor!
A continuación tedes un resumo da programación, podedes consultar máis información aquí.

As actividades do venres 18 de marzo terán lugar en Nave 1839, situada na estación de trens, e as do sábado 19 de marzo na Maleta, bar situado na rúa Orzán, 170.

VENRES 18 de marzo | en Nave 1839

> 19:30 | ENCONTRO DE FANZINERXS

> 20:00 | PROXECCIÓN e PRESENTACIÓN | Sangre de unicornio (entrada libre e gratuíta)

> 21:00 | CONCERTOS ILUSTRADOS | Hongo e Mano de obra
Actuacións musicais de Hongo e Mano de obra, amenizadas por debuxos en directo de distintxs debuxantes galaicos: Luis Sendón, Silvia Blackened, Paula Fraile e Martín Romero.
A entrada da actividade é de 5€
; a recadación será integramente para os grupos. Tamén venderánse rifas sorteando as obras realizadas, os ingresos axudarán a pagar os custos do Autobom.

> CASETA DE FANZINES

SÁBADO 18 de marzo | na Maleta

> 12:30 - 21:30 | MERCADILLO DE FANZINES e cómic de autor

> 12:30 - Peche | EXPO EXPRÉS | Cúbreme de cartos
Exposición interectiva de venda de obras de Jano.

> 13:15 | MINIBÁN CON TATI
O Minibán consistirá nun contacontos a cargo de Tati, que combinará a narración con ilustración.

> 17:30 | AUTOLAB
Coa axuda da xente de LabOu, faranse unha serie de exercicios de estilo, exercicios divertidos que permiten facer un cómic entre varias persoas de forma rápida, amena e colaborativa. O resultado publicarase na web e redes sociais de Autobán, e seguramente tamén nun futuro Autozine, o fanzine do Autobán.

> 19:30 | PRESENTACIÓN | Permanezan en sus asientos
Permanezan en sus asientos é un cómic editado por Fosfatina Ediciones e debuxado por Jano, con maquetación e deseño de Cristo Aleister.

> 20:15 | MESA REDONDA | Animal Collectives: autoedición como experiencia colectiva
Participan Álvaro López (Polaqia e Altar Mutante), Xulia Pisón (Miñoco), Rubén Romero (Fosfatina) e Alejandro Gaudino (Taiga, Cabeza de Corte Aéreo). Modera Kike Benlloch.

> 23:30 | FESTA POLAQA
Polaqia foi un colectivo de 12 autorxs que conseguiron estender o seu proxecto editorial autogestionado ao longo dunha década, con 16 números publicados do seu fanzine Barsowia, aos que habería que sumar outros títulos de autores diversos. A modo de peche deste Autobom organizaremos unha festa onde non faltará a diversión, o picoteo, os sorteos e máis sorpresas, todo amenizado con boa música e polaqos.

>> ACTIVIDADE EXTRA | Exposición “Estraños Desenhos”
Mglon presenta a exposición de debuxos “Estraños Desenhos” no Ledicia Bar, xusto á beira da Maleta. A exposición pode visitarse desde o 5 de marzo ata o mes próximo.

Todas as actividades son gratuítas e de entrada libre, salvo o Concerto ilustrado que custará 5€ (a recadación irá destinada aos grupos).

Resultados da enquisa de ilustración

11/03/2016

A APIM (Asociación Profesional de Ilustradores de Madrid) acaba de publicar o resultado da enquisa «Ud. está aquí», un estudo sobre a situación dos profesionais da ilustración en España. Esta enquisa difundiuse polas redes sociais e contou coa colaboración das asociacións de ilustradores españolas, nas que se inclúe AGPI.

Foron 450 persoas as que participaron na enquisa, polo que desde APIM piden prudencia para interpretar os datos resultantes, xa que non se refiren ao total dos ilustradores españois, senón aos que realizaron a enquisa.

Neste enlace podedes ver os resultados.

AGPI na Feira do Libro de Frankfurt 2015

16/10/2015


Imaxe do posto oficial de Galicia na feira
Desde o pasado día 14, e ata o 18 de outubro, desenvólvese a nova edición da Feira do Libro de Frankfurt, a feira editorial máis importante do mundo. O posto oficial promovido pola Xunta de Galicia dedica novamente espazo á ilustración, en colaboración coa AGPI.

Así, no stand proxéctase continuamente un bucle de imaxes de ilustradores da AGPI e expóñense exemplares de libros ilustrados por socios nosos. Poden verse, ademais, en primicia, exemplares da nova publicación da asociación, Novas olladas sobre os clásicos universais.

Xosé Tomás presenta o segundo tomo de ‘Historias de Betanzos’

28/05/2015

Historias de Betanzos — Tomo 2 é o título do libro de banda deseñada que se presentará esta tarde, ás 20:30, no Salón Azul do Edificio Liceo (praza de Galicia, 1, 15319 Betanzos). A obra, a cargo do noso socio Xosé Tomás, percorre momentos da historia da vila e da súa comarca e está editada polo Concello de Betanzos.

No acto de presentación, ademais do autor, participarán o alcalde, o responsable de cultura do concello e mais o cronista oficial de Betanzos, José Raimundo Núñez-Varela, encargado da documentación histórica da obra.