AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Cestola na Cachola - Mural
Cestola na Cachola

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

David Rubín, no especial sobre Superman en ‘El Mundo’

19/04/2013

O especial que lle dedicou onte o diario El Mundo ao 75.º aniversario da creación do personaxe Superman inclúe un capítulo («Mi Superman») en que varios autores de cómic dan a súa opinión sobre esta icona cultural: os escollidos son Carlos Pacheco, Jesús Merino, Jan, Paco Roca, Miguel Gallardo e o noso socio David Rubín.

David comenta como trataría el o personaxe («O meu Superman loitaría por acabar coa pobreza e a fame, e esas cousas para as que de verdade faría falta un superheroe»), e as versións que os diversos autores lle foron dando ao longo da historia.

Entrevista a Miki en TeleVigo

15/04/2013

Con motivo da súa exposición en La Goleta Bar, o programa A donde tú vayas, de TeleVigo, emitiu unha entrevista co noso socio Miguel Castro Miki. A entrevista, de 12 minutos de duración, pode verse aquí.

David Pintor participa na Feira de Boloña

25/03/2013

Hoxe comeza a 50.ª edición da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. O noso socio David Pintor participa na prestixiosa «Mostra degli Illustratori», e o mércores 27 nunha mesa redonda na sección Authors Café —cos gañadores e organizadores do concurso do Festival Nami Island—, ademais de asinar exemplares do seu novo álbum ilustrado, L’Eco, escrito por Alessandro Riccioni. A sesión de autógrafos será o no stand P26-B31, ás 16:00 h.

L’Eco é un album ilustrado que David Pintor entende como a súa «particular homenaxe á Toscana e ao filme O ladrón de bicicletas, de Vittorio de Sica». Nel, un neno e o seu pai saen de excursión, e percorren as paisaxes toscanas ata chegaren a unha montaña, onde comezan a xogar co eco.

Actualización: David Pintor falou sobre a súa presenza en Boloña no programa de Radio 3 La hora del bocadillo o pasado sábado. O podcast do programa pode escoitarse aquí (a entrevista con David comeza no minuto 33).

Entrevista a Suso Cubeiro en ‘La Opinión’

25/03/2013

O xornal La Opinión A Coruña recollía, o pasado día 20, unha ampla entrevista ao noso socio Suso Cubeiro. Co título de «Fantasía y lápiz», a xornalista Lourdes Varela debulla a súa traxectoria artística e profesional. Non quedan fóra da entrevista as súas preocupacións sobre as reivindicacións profesionais —de feito, Suso Cubeiro é un dos fundadores da AGPI—, e, preguntado sobre os avances nestes últimos anos, destaca que «o principal cambio foi o recoñecemento da autoría da obra», ao que engade: «Hai quince anos, as editoriais só consideraban autor a quen escribía o texto, e isto incluía os álbums ilustrados».

‘Heavy Metal Artwork’ entrevista a Luis Sendón

21/03/2013

O portal Heavy Metal Artwork, especializado en ilustradores e deseñadores gráficos que traballan para o mundo musical da escena rock, acaba de lle facer unha entrevista ao noso socio Luis Sendón.

O artigo, que inclúe unha completa galería de traballos do autor para portadas de discos e carteis, pode lerse aquí.

A nova revista ‘Zona Cómic’ dedica a portada a Emma Ríos

11/02/2013

Zona Cómic, unha nova revista especializada sobre banda deseñada, arrinca no seu n.º 0 cunha portada da nosa socia Emma Ríos e unha entrevista a esta (a cargo de Koldo Azpitarte) no interior.

A publicación, promovida pola asociación de librarías especializadas Zona Cómic (pertencente a CEGAL) distribuirase gratuitamente nas tendas agremiadas, e terá periodicidade mensual. Este número cero estará dispoñible nos próximos días. Máis información sobre a revista, aquí.

Nuria Díaz, na revista ‘Dot’

08/02/2013

A portada da revista galega de tendencias Dot vén ilustrada, no seu número 47 (correspondente a febreiro-marzo), pola nosa socia Nuria Díaz, que ademais amosa unha pequena selección de traballos entre as páxinas 22 e 25.

A revista Dot é distribuída gratuitamente cada dous meses nun millar de locais da Coruña, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. Pode ademais lerse en liña a través da súa web; no caso do número actual, desde esta ligazón.

Entrevista a Javi Montes en ‘The Art Boulevard’

11/12/2012

A web The Art Boulevard —rede de intercambio entre artistas e entidades culturais, que forma parte do proxecto Conviver na Arte/Convivir en el Arte, no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal— dedicou unha ampla entrevista ao noso socio Javi Montes. Nela, Javi explica o seu traballo, as súas inquietudes e como ve a profesión de ilustrador. A entrevista completa pode lerse aquí, e a web inclúe ademais versións desta en inglés e portugués.

David Rubín presenta ‘Le héros’ en Francia

22/11/2012

A punto de publicar en España o segundo tomo de El héroe (na web de Astiberri, a súa editorial, apareceu esta semana unha entrevista acerca do proxecto que chega agora a termo), David Rubín viaxa a París, onde esta tarde presenta a versión francesa da primeira parte (Le héros – Livre 01), publicada pola editorial Rackham. Haberá dúas sesións de autógrafos, hoxe e o sábado 24.

Xa o día 30 de novembro, David estará en Madrid asinando exemplares das súas obras nas VII Jornadas Comiqueras Fnac/SD, na Fnac Callao (Preciados 28, 28013 Madrid).

Actualización: no blog de David poden encontrarse todas as citas da súa estadía en Madrid, onde participa tamén no salón Expocómic, nunha presentación do seu libro na libraría Generación X e na inauguración da exposición de orixinais seus no Café Molar.

‘Desde Galicia para el mundo’ dedica un programa á BD galega

08/11/2012

O programa de TVE Desde Galicia para el mundo dedicou unha ampla reportaxe, de case media hora de duración, á banda deseñada galega, desde as súas orixes ata a actualidade. Entre outras moitas cuestións, como entrevistas á investigadora Charo Crespo, a Miguelanxo Prado ou a Kiko da Silva, houbo espazo para falar do labor da AGPI, da man do seu presidente Santy Gutiérrez, e dos últimos traballos de socios como Manel Cráneo, Emma Ríos ou David Rubín.

Pode accederse aos vídeos desde a web do programa, ou ben a través destes links: 1 2 3 4.