AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Vaca caldelá
David Rodríguez (Mamut Gráfica)

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

AGPI participa nos ‘Encuentros’ de APIM

25/02/2016

A Asociación Profesional de Ilustradores de Madrid (APIM) organiza para este venres e este sábado, dí­as 26 e 27 de febreiro, unha nova edición (a número trece) dos seus Encuentros con Ilustradores Profesionales, que nesta ocasión contan con presenza doutras asociacións de ilustradores, como a AGPI.

Os Encuentros terán lugar no Museo Abc (Amaniel, 29, 28015 Madrid), e comezarán mañá ás 17:30 cunha mesa redonda titulada «Mirando desde el otro lado», na que falarán tres profesionais do mundo da dirección artí­stica publicitaria e editorial: Juan Pacheco, de Essencial Prod; Fernando Agresta, de Edelvives, e Pep Huertas, de McCann Barcelona.

O sábado a xornada iniciarase ás 11:00 cunha sesión de revisión de portafolios (para a que xa está pechado o prazo de inscrición), cos ilustradores Riki Blanco, Juan Díaz-Faes, Alé Mercado, Mar Blanco e Enrique Lorenzo. Despois, ás 12:30, proxectarase en exclusiva o filme Vivir para dibujar, dibujar para vivir, documental sobre a realidade do cómic en España, en que APIM participou como produtor asociado na súa campaña de crowdfunding. Xa pola tarde, ás 16:00 presentaranse os resultados da Encuesta Nacional de Ilustración «Usted está aquí», coordinada pola APIM nas últimas semanas. Ás 16:30 será o momento da mesa redonda «Viajar acompañado: la función de las asociaciones de ilustradores en la actualidad», na que participarán Alé Mercado (responsable de relacións internacionais de Illustrators Ireland), Miguel Gallardo (presidente de APIC), Raquel Cuenca (presidenta de APIM) e Sergio Covelo (presidente da AGPI).

Paula Mayor participa na celebración do aniversario de Rosalía

23/02/2016

A nosa socia Paula Mayor é unha das catro ilustradoras escollidas pola Deputación da Coruña para celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro con novas imaxes da poeta que se exhiben en grandes lonas na fachada da deputación e o Teatro Colón e que están a difundirse polas redes sociais. As outras ilustradoras son Uqui Permuy, Aurora Cascudo Román e Aldara Prado (Dara Deer).

As catro ilustracións poden verse aquí, e nesta ligazón pode accederse a máis información sobre o proxecto completo e as outras actividades do aniversario.

Paula Mayor fai o cartel de
«Venres nas librarías»

02/10/2015

Onte foi presentada a segunda edición do programa Venres nas librarías, promovido pola Xunta de Galicia xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, e que ofrecerá máis de 80 actividades durante as fins de semana de outubro e de novembro, «para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos»; o programa prolongarase durante os meses de febreiro e de marzo do ano que vén con máis actividades.

O cartel foi realizado nesta ocasión pola nosa socia Paula Mayor, e está a ser distribuído por librarías e centros culturais e administrativos de Galicia.

Ilustración en Citinart.es 2015

11/06/2015

Desde o pasado venres, 5 de xuño, vénse desenvolvendo nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña a terceira edición de Citinart.es, evento en que unha decena de contedores reciclados albergan traballos de máis de 40 artistas de diferentes disciplinas.

Un deles está ocupado pola nosa socia Irene Sanjuán, que desenvolve talleres abertos ao público, como o que impartirá mañá, venres 12, ás 19:00, sobre «Visual Thinking» para adultos. Aquí, un vídeo en que explica brevemente a súa participación.

O sábado, ás 12:00, haberá unha quedada Urban Sketchers co noso socio Eduardo Baamonde. Pola tarde, entre as 19:00 e as 21:00, o colectivo Miñoco (ao que pertencen varios dos nosos socios) organiza o Picnic & Draw, versión ao aire libre do Drink & Draw que desenvolven todos os meses. Neste caso, ademais dos xogos habituais relacionados co debuxo, haberá algúns novos (como debuxos en pratos e vasos de cartón, colaxes ou cadáveres exquisitos) e ofrecerase té e pastas, ao tempo que se convida a quen queira participar a levar tamén as súas propias bebidas e comida.

Taller de ilustración de moda, por Marta Riera

29/05/2015

A nosa socia Marta Riera impartirá a semana próxima un Taller de ilustración de moda na sede viguesa de Afundación (rúa Policarpo Sanz, 24-26, 36202 Vigo).

Este taller está dedicado a desenvolver os conceptos básicos da ilustración e o debuxo enfocado cara a un sector tan particular como o da moda e as tendencias. Traballarase tanto a idea como os medios e recursos para a súa execución con apoio documental e visual. Cada sesión centrarase en realizar unha ilustración cunha das técnicas explicadas. Está dirixido a alumnos de deseño de moda, belas artes, escolas de arte e deseño ou aquelas persoas interesadas na representación de moda mediante técnicas de debuxo e pintura.

Será do 2 ao 10 de xuño, de 16:30 a 20:30 (20 horas de duración). O prezo de inscrición é de 160 euros. Neste enlace pode accederse a toda a información.

Nova campaña de Adega, ilustrada por
Calros Silvar

05/05/2015

O noso socio Calros Silvar é o autor das ilustracións dos dous folletos titulados Invasoras, dedicados, respectivamente, a plantas e animais exóticos que ameazan os ecosistemas e a fauna autóctonos de Galicia.

Esta campaña de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) foi presentada a semana pasada, e os folletos están xa a ser distribuídos en papel en diversas actividades. Tamén poden ser descargados, de forma gratuíta, a través da web.

Presentación de ‘200 años de ilustración
de moda en España’

10/04/2015

A nosa socia Marta Riera presenta hoxe, venres 10, ás 20:00, o seu libro 200 años de ilustración de moda en España, un volume que procede do traballo realizado para a súa tese de doutoramento. No acto, encadrado nas actividades do Club Faro, falará das particularidades desta parte da ilustración e da súa evolución desde a súa orixe ata a actualidade. Será no Auditorio Municipal do Areal (Antiguo Reitorado, rúa do Areal, esquina coa rúa Oporto, 36201 Vigo).

Ademais, está aberto o prazo de inscrición para o Taller de ilustración de moda que Marta impartirá do 2 ao 10 de xuño (20 horas de duración) na sede viguesa de Afundación. Neste enlace pode accederse a toda a información.

Comeza o Salón do Libro de Pontevedra

27/02/2015

Desde hoxe ata o próximo 28 de marzo decorre o XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, no Pazo da Cultura (rúa de Alexandre Bóveda, 36005 Pontevedra), baixo o lema «Da ciencia á ficción». O cartel desta edición, para cuxo proceso de selección a organización contou coa AGPI, corre a cargo do noso socio Carlos Arrojo. Outra colaboración coa AGPI foi na selección de autores (os nosos socios Irene Sanjuán e Jorge Peral) para os manteis ilustrados de «Almorzos ilustrados», repartidos polos establecementos hostaleiros da rúa Real pontevedresa, en colaboración coa Asociación Taburete.

No extenso programa de actividades, varias teñen que ver coa ilustración. Así, o sábado 14 de marzo, ás 19:00 h, terá lugar a mesa redonda «A literatura infantil de onte a hoxe. Fortalezas e debilidades», coa presenza de Blanca Roig Rechou, Xavier Senín, Romina Bal, Manuel Bragado e o noso socio David Pintor, moderados por Paz Castro. O 7 de marzo, os nosos socios Cestola na Cachola dirixen un obradoiro para a creación dun mural colaborativo, «Creemos un ser sobrenatural: mural do calamar xigante», para cativos a partir de 3 anos. E desde o 8 de marzo, o noso socio Anxo Fariña coordina polas mañás «Peletre-ficción», xogo dirixido a público familiar en que, desde un mesmo punto de partida (a cidade de Pontevedra), os xogadores poderán escoller diferentes destinos, como o centro da terra, o espazo exterior, a viaxe no tempo ou a exploración dos océanos.

David Pintor, na exposición do
Festival Iberoamericano de LIX

09/10/2014

O Festival Iberoamericano de Literatura Infantil y Juvenil, que está a ter lugar na Casa de América de Madrid (plaza de la Cibeles s/n, 28014 Madrid), acolle entre as súas actividades a exposición Ilustradores iberomericanos, comisariada por Pablo Auladell, na que se inclúen obras de 18 autores, entre eles o noso socio David Pintor.

Pintor é tamén noticia por ser o autor do cartel para as Bibliotecas escolares do curso 2014-2015, centrado este ano nas matemáticas, cunha homenaxe a M. C. Escher. Continúa así a serie de carteis que, con distintas temáticas, veñen realizando distintos ilustradores nos últimos anos para a Consellería de Cultura e Educación.

Actualización:
Neste enlace pode verse agora a exposición Ilustradores iberoamericanos de forma virtual.

Santy Gutiérrez ilustra a última campaña
de Gadis

19/08/2014

A campaña «Tráiler 2014», que desenvolve a empresa de supermercados Gadis neste verán, conta cunha web cuxos fondos e iconas están deseñados polo noso socio Santy Gutiérrez.

Non é o único exemplo da diversificación do labor como ilustrador que vén desenvolvendo nestes anos: Santy foi tamén o encargado de deseñar este ano a «falla» oficial das Fogueiras de San Xoán da cidade da Coruña.