AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Hugo Covelo

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Pinturero, autor do cartel do festival Celsius232

02/07/2014

A terceira edición do festival de terror, fantasía e ciencia-ficción de Avilés, Celsius232, conta cun cartel ilustrado polo noso socio Pinturero.

O festival, que decorrerá na vila asturiana entre o 30 de xullo e o 2 de agosto, é un encontro literario que reúne autores internacionais destes xéneros. O xornal xixonés El Comercio daba así a noticia da presentación do cartel.

David Pintor decora varios centros
de C&A en París

09/06/2014

O noso socio David Pintor é o encargado das ilustracións que decorarán cinco das tendas parisienses da multinacional téxtil C&A. En concreto, desde o pasado 21 de maio é posible velas xa na fachada e no interior da tenda principal, na Rue de Rivoli. O resto dos locais terán ilustracións específicas relacionadas coa localización concreta de cada unha. Pode accederse a máis información e fotografías neste artigo de La Voz de Galicia.

Por outra parte, David tamén é noticia pola súa participación no proxecto Brincavai!, un libro-CD-DVD con cancións de Paco Nogueiras editado por Kalandraka.

Chega o décimo quinto
Salón do Libro de Pontevedra

13/03/2014

Mañá, 14 de marzo, comezará no Pazo da Cultura (rúa de Alexandre Bóveda, 36005 Pontevedra) o décimo quinto Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, baixo o lema «Cociñando contos». As súas actividades estenderanse ata o próximo 5 de abril.

A autora do cartel desta edición é a nosa socia Pirusca, e no programa figuran tamén varias actividades ligadas coa ilustración, como os obradoiros «A cociñar historias» (do 17 ao 24 de marzo) ou «Decoración de galletas cos Megatoxos» (24 de marzo), ambos os dous a cargo do noso socio Anxo Fariña, ou a exposición dos seleccionados do Premio Europeo «Cociña de contos», gañado por Iratxe López de Munáin.

Este Salón do Libro inclúe ademais unha colaboración innovadora coa AGPI: o proxecto «Almorzos ilustrados», consistente na distribución de manteis ilustrados creados polos nosos socios Aida Alonso, Alberto García Ariza e Iago Araújo. Estes manteis están repartidos nos establecementos hostaleiros da rúa Real pontevedresa (Vetula Ponte, Pintxo Viño, Creperie Cre-Cotte, Barbol, La Estafeta, O Forniño e PonteTapas).

O programa completo pode lerse aquí (PDF, 1,14 MB).

Luis Sendón participa en ‘The Zombook’

22/01/2014

O noso socio Luis Sendón acaba de participar na antoloxia The Zombook, un libro publicado pola británica Graffito Books. O volume, de 258 páxinas, reúne máis de 150 artistas de todo o mundo, e os editores defíneno como «a maior colección de arte zombi que se ten feito». No blog de Luis pode verse un detalle do libro coa páxina en que participa.

Luis Sendón presentou estes días no seu blog tamén o proceso de realización das capas do último álbum do grupo Nashgul e, noutra orde de cousas, o cartel da campaña de Nadal que realizou para a Federación de Empresarios do Barbanza.

David Pintor publicita o
Museo Thyssen-Bornemisza

20/01/2014

Por segundo ano consecutivo, o noso socio David Pintor é o encargado da ilustración da campaña publicitaria da tenda do Museo Thyssen-Bornemisza.

Trátase dun deseño que se poderá ver en xornais e revistas durante todo 2014, e que se irá adaptando en cada momento á estación do ano correspondente. No blog de David poden verse os exemplos relativos a outono e inverno.

Cerámica ilustrada por David Pintor

13/12/2013

O noso socio David Pintor acaba de facer pública a aparición de catro modelos de cunca cerámica deseñados pola ceramista Verónica Moar e ilustrados por el. As pezas, en edición limitada, poderán ser adquiridas esta fin de semana no Mercado da Estrela, no CGAC (rúa Valle-Inclán 2, 15704 Santiago de Compostela), e posteriormente a través da web da ceramista, onde tamén poden verse diversas fotos destas.

David é ademais noticia polas súas últimas edicións —o libro de viaxe Lisboa, e a revisión do conto de Saint-Exupéry O estrambótico Principiño (con Carlos López, asinando a dúo como Pinto & Chinto)—, así como as súas ilustracións para o catálogo de xoguetes da firma italiana Città del Sole.

Foto: Verónica Moar

Este sábado, «Barbamigos & friends»

04/12/2013

A web Barbamigos —proxecto xestionado polos ilustradores Roque Romero e o noso socio Bernal Prieto— organiza para este sábado, día 7, «Barbamigos & friends», un evento festivo que se estenderá durante todo o día e parte da noite. Será no novo espazo xestionado por The Room (rúa Afonso VII 15, 15005 A Coruña), a partir das 11:30. A esa hora comezará o «Mercadillo prenavideño», que estará centrado no traballo de artistas e artesáns locais relacionados co mundo da ilustración e o deseño de produto; entre eles, os nosos socios Carlos Arrojo, Brais Rodríguez, Nuria Díaz, Martín Romero e Sekone, ou proxectos relacionados con socios nosos, como Reflejos del Abismo e o Colectivo Miñoco. Entre 12:00 e 13:30 h, Roque Romero e Bernal Prieto farán unha sesión de debuxo en directo nos escaparates de The Room, e entre 17:00 e 18:30 haberá un taller de realización de chapas.

Música variada, exposicións, sorteos, catering e un evento sorpresa a partir das 22:30 h compoñen o programa completo, cuxos detalles poden verse aquí.

Calendario 2014 de Nuria Díaz

22/11/2013

A nosa socia Nuria Díaz ten xa dispoñible, nas súas tendas en liña en  Etsy e Dawanda, o seu calendario 2014. O calendario ten unha ilustración por cada estación do ano (cada unha pode posteriormente ser enmarcada conmo lámina por separado), e hai versión en castelán e en inglés.

Por outra parte, Nuria deseñou as cubertas e interiores do novo CD do grupo Turbolaser, titulado Segundo asalto, e poden verse algunhas mostras no seu blog.

Novos proxectos de Martín Romero

05/11/2013

O noso socio Martín Romero está a desenvolver o seu proxecto El manual de las Piedras, un webcómic de historias mudas que xa vai pola súa vixésimo quinta entrega, mentres no mercado francés a súa obra Les épisodes lunaires (publicada pola editora suíza Atrabile e aínda sen previsión de edición en España) está a ser moi ben recibida despois da súa aparición a finais de agosto.

Ademais, Martín abriu recentemente o seu traballo a outros campos, como o deseño de envases; así, realizou este saco de comida para cans para a marca galega Lolacool.

Nuría Díaz fai o cartel do Mercado da Chuvia

11/10/2013

O Mercado da Chuvia é unha actividade destinada á promoción dos novos creadores que terá lugar mañá, sábado 12 de outubro, de 11:00 a 21:00 h, en Área Central (Fontiñas, 15707 Santiago de compostela). O cartel desta primeira edición corre a cargo da nosa socia Nuria Díaz.

Nuria acaba de colaborar tamén no número de outono da revista Sugartremens: ela e outros sete ilustradores dan a súa particular visión sobre o chocolate. Pode verse unha mostra das páxinas da revista aquí.