AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Rapaces nocturnas
Marcos B

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Nova edición de Autobom

29/03/2017

Este sábado 1 de abril ten lugar unha nova edición do Autobom, festival de autoedición, en Nave 1839 (Estación de tren de A Coruña).

Durante ese día terán lugar varias actividades relacionadas co mundo do cómic e ilustración:

+16:30 - Sesión vermú con música e picoteo.

+17:30 - AutoLab para realizar cómic experimental e colaborativo.

+18:30 - Mesa redonda sobre liberdade de expresión no campo da ilustración, con Guitián, Leandro e Sekone moderados por Edu Maroño.

+ 20:00 - Autocine (catro curtos de animación independentes)

+ 21:00 - III Akelarre Mutante: concertos ilustrados de BravuBoy (Pulpiño Viascón) e Strikeback, debuxados por Sara Roca e Álvaro López respectivamente.

As actividades son gratuítas salvo os concertos, que recibirán un donativo de 5 a 10€ (a recadación será para os grupos e ilustradores).

Nace a revista dixital satírica ‘O Botafumeiro’

14/10/2014

O Botafumeiro, revista dixital de humor satírico en galego, saíu onte á venda, baixo a dirección de Alexandre Viñuela Jano.

O primeiro número deste novo proxecto ten como título «Facendo país», e nas súas páxinas virtuais colaboran, entre outros, varios dos nosos socios, como Alberto Guitián, Manel Cráneo, Brais Rodríguez, Bernal Prieto e Martín Romero, e outros ilustradores como Ana Santiso, Fernando Ruibal, Berto Fojo ou Roque Romero. A revista pode adquirirse polo prezo de 1,5 euros.

Taller de humor gráfico impartido por
Leandro e Guitián

27/08/2014

Este venres, 29 de agosto, terá lugar na Biblioteca Municipal de Monte Alto (praza dos Avós s/n, 15002 A Coruña) o Obradoiro de humor gráfico dirixido polos nosos socios Alberto Guitián e Leandro. Neste taller, pensado para mozos e mozas de máis de 16 anos, repasaranse os mecanismos do humor contemporáneo e as distintas técnicas creativas. Cos asistentes farase unha sesión de traballo, preparando chistes a partir da actualidade do día. Será a ás 11:30 h, e, aínda que é gratuíto, é preciso inscribirse presencialmente, por teléfono ou a través deste enlace.

Leandro expón en Lugo

26/03/2014

Como adiantabamos hai uns días, o MIHL — Museo Interactivo da Historia de Lugo (Parque da Milagrosa, Av. Infanta Elena, 27297 Lugo), inclúe unha mostra do noso socio Leandro Barea, centrada nos seus traballos de humor gráfico, dentro do ciclo de exposicións de artistas lugueses «8MIHL». A mostra poderá visitarse ata o próximo 6 de abril. No blog de Leandro poden verse algunhas fotos tomadas durante a preparación dos debuxos murais.

As tiras de ‘Thom’, recompiladas nun libro

12/03/2014

A serie Thom, do noso socio Andrés Meixide, ten xa un libro que recolle unha selección das súas tiras diarias. Nacida inicialmente nas páxinas da revista Golfiño, contara cunha edición en forma de álbum daquelas páxinas e foi despois recuperada, ata hoxe, como tira de BD para o xornal La Voz de Galicia.

Agora é a editorial madrileña Reino de Cordelia a encargada de publicar unha escolma desta época actual. Así, o libro Thom vén prologado polos humoristas gráficos Gallego & Rey, e é o segundo volume da colección «Los tebeos de Cordelia», que comezou hai poucos meses cun auténtico clásico das tiras de prensa: Little Sammy Sneeze, de Winsor McCay.

Exposicións de Miguel Fernández
e Alberto Guitián en Lugo

07/03/2014

Mañá, sábado 8, serán inauguradas dúas mostras no MIHL — Museo Interactivo da Historia de Lugo (Parque da Milagrosa, Av. Infanta Elena, 27297 Lugo), dentro do ciclo de exposicións de artistas lugueses «8MIHL». Os nosos socios Miguel Fernández e Alberto Guitián serán os seus respectivos protagonistas: o primeiro, cunha exposición de orixinais de cómic, e o segundo, cunha monográfica do seu libro ilustrado El Circo Lorza.

Ambas poderán visitarse ata o día 22 de marzo. Xusto o día despois, inaugurarase no mesmo lugar a exposición doutro socio noso, Leandro, con traballos de humor gráfico.

Leandro, en ‘Tinta Libre’

12/02/2014

O noso socio Leandro Barea deu comezo nestes días á súa colaboración na revista Tinta Libre —mensual impreso do dixital InfoLibre—. No número 11 da publicación, correspondente a febreiro, aparece unha caricatura súa do presidente francés François Hollande, tal e como se pode ver no blog do autor.

Mañá, en Santiago, X Encontro Galego
de Ilustración

25/10/2013

Mañá, sábado 26 de outubro, a AGPI organiza o X Encontro Galego de Ilustración. A partir das 10:15 h, no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela), haberá charlas e mesas redondas, coa presenza dos humoristas gráficos Manel Fontdevila, Xaquín Marín e Luís Davila, ademais dunha homenaxe a Suso Cubeiro, que será nomeado socio de honra.

E pola noite, ás 22:00 h, está tamén prevista a Festa do Décimo Aniversario do Encontro Galego de Ilustración, no pub Cachán Clube (rúa dos Loureiros 16, 15782 Santiago de Compostela). A festa inclúe a presentación do número 2 de Compota de Manatí, un concerto de Banda Aparte, sorteos e concursos. Ambas as dúas actividades son abertas e gratuítas.

Máis información sobre o Encontro e o seu programa, aquí.

Décimo Encontro Galego de Ilustración

14/10/2013


Ilustración do cartel: Xaquín Marín

O Encontro Galego de Ilustración, que organiza cada ano a AGPI, chega o sábado 26 de outubro á súa décima edición, circunstancia que se celebrará con actividades especiais. O lugar do Encontro será, como sucedeu nas anteriores ocasións, o Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela). O título, «Armados de humor», quere pór de relevo a capacidade da profesión para afrontar con filosofía a situación de crise actual, ao tempo que sinala a temática desta edición, o humor gráfico.

O Encontro propiamente dito será pola mañá, con actividades abertas a todo o público interesado e totalmente gratuítas. Ás 10:15 h farase a presentación oficial, e logo dela comezará unha charla de Manel Fontdevila. Despois dun pequeno catering de café para os presentes, ás 12:00 retomarase a actividade coa mesa redonda «Armados de humor», que contará coa presenza de Xaquín Marín e Luís Davila, e será conducida por Santy Gutiérrez.

Ás 13:30 farase un acto de homenaxe a Suso Cubeiro, que pola súa traxectoria profesional como pioneiro do sector profesional da ilustración en Galicia e por ser membro fundador e un dos máximos impulsores da AGPI será nomeado socio de honra.

A mañá terminará co tradicional Fotomatón de todos os presentes, na praza da Quintana. Xa pola tarde decorrerá a partir das 17:00, no Centro Cultural, a Asemblea Xeral, só para os socios da AGPI.

Finalmente, ás 22:00 h comezará a Festa do Décimo Aniversario do Encontro Galego de Ilustración, que terá lugar no pub Cachán Clube (rúa dos Loureiros 16, 15782 Santiago de Compostela). Nela haberá presentación do novo número do fanzine Compota de Manatí, un concerto do grupo de blues e soul Banda Aparte, sorteos e concursos, ademais de cervexas e descontos nas copas para socios da AGPI. A festa estará aberta a todas as persoas, e a entrada será tamén gratuíta.

O programa completo do Encontro pode lerse ou descargarse nesta ligazón.

Actividades de BD e humor gráfico nas Bibliotecas Municipais da Coruña

20/08/2013

Dentro do «Mes do cómic» que desenvolve a rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, estes días lévanse a cabo varias actividades coordinadas por socios da AGPI.

Hoxe mesmo, a partir das 11:30 h, Manel Cráneo impartirá na Biblioteca do Fórum Metropolitano unha charla-taller titulada A torre dos mouros: un cómic arqueolóxico, na que explicará a súa experiencia na BD homónima, parte dun proxecto de investigación.

O xoves, 22 de agosto, ás 11:30 h, Alberto Guitián e Leandro dirixirán na Biblioteca Municipal do Castrillón o taller creativo Humor gráfico 2.0, que repasará os mecanismos do humor contemporáneo e as distintas técnicas creativas.

E finalmente o mércores 28, a partir das 11:00, Santy Gutiérrez levará adiante na Biblioteca da Sagrada Familia un Taller de cómic para nenos a partir de 7 anos.

Todas elas son actividades gratuítas, pero precisan de inscrición previa.