AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

De cómo el ornitorrinco...
Óscar Villán

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Actividades de BD e humor gráfico nas Bibliotecas Municipais da Coruña

20/08/2013

Dentro do «Mes do cómic» que desenvolve a rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, estes días lévanse a cabo varias actividades coordinadas por socios da AGPI.

Hoxe mesmo, a partir das 11:30 h, Manel Cráneo impartirá na Biblioteca do Fórum Metropolitano unha charla-taller titulada A torre dos mouros: un cómic arqueolóxico, na que explicará a súa experiencia na BD homónima, parte dun proxecto de investigación.

O xoves, 22 de agosto, ás 11:30 h, Alberto Guitián e Leandro dirixirán na Biblioteca Municipal do Castrillón o taller creativo Humor gráfico 2.0, que repasará os mecanismos do humor contemporáneo e as distintas técnicas creativas.

E finalmente o mércores 28, a partir das 11:00, Santy Gutiérrez levará adiante na Biblioteca da Sagrada Familia un Taller de cómic para nenos a partir de 7 anos.

Todas elas son actividades gratuítas, pero precisan de inscrición previa.

Pinto & Chinto gañan o Premio Mingote

11/06/2013

O Premio Mingote, un dos galardóns de periodismo que outorga o diario Abc para destacar o traballo gráfico en prensa —humor gráfico, ilustración e fotografía—, recaeu este ano nunha viñeta publicada en La Voz de Galicia polo dúo Pinto & Chinto —pseudónimo artístico do noso socio David Pintor e mais Carlos López—. O premio coincide co vinte aniversario de colaboración continuada dos dous autores. Neste artigo de La Voz de Galicia poden encontrarse máis detalles sobre o recoñecemento, ademais da viñeta premiada. Nestoutra ligazón, unha entrevista que lles fixo o Abc aos gañadores.

A Asociación de Escritores premia cinco humoristas gráficos

07/02/2013

A AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) acordou na súa última asemblea, desenvolvida a fin de semana pasada, outorgar a súa distinción «Os Bos e Xenerosos» ao humorismo gráfico, personificado en cinco dos máis veteranos da disciplina en Galicia: Gogue, Pepe Carreiro, Xaquín Marín e os nosos socios Siro e Xosé Lois.

A homenaxe «Os Bos e Xenerosos», que chega á súa décima edición, supón, segundo os seus organizadores, «un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura».

Preparado o primeiro Ilustranoite

21/08/2012

O Curso AGPI de Cor dixital, que terá lugar no Centro Ágora coruñés este sábado 25 —con máis de medio centenar de alumnos, unha vez pechado o proceso de inscrición—, incluirá, para finalizar a xornada, o primeiro Ilustranoite. Trátase dun formato de presentacións multimedia de varios profesionais de diversos campos da ilustración, organizado tamén pola AGPI. A entrada será libre, aberta a todo o público.

Este Ilustranoite decorrerá na cervexaría Penique (rúa Gómez Zamalloa 1, 15005 A Coruña), o sábado a partir das 23:59 h, coa presentación de traballos de ilustración, cómic, animación e humor gráfico de forma breve e áxil, ao estilo dos pecha kucha. Estarán presentes coas súas presentacións Lola Lorente, Manel Cráneo, Iván Mouronte, o Colectivo Miñoco, Guitián, Fran Calvelo, Alberto Vázquez, Giovanna Lopalco, Xurxo G. Penalta, Luis Usón, Martín Romero, Ghosttthead e Marina Seoane.

José Domingo, premio de humor gráfico

09/08/2012

O noso socio José Domingo —que é un dos convidados da actual edición do Viñetas desde o Atlántico e que ten nas librarías xa a segunda edición do seu libro Aventuras de un oficinista japonés— foi galardoado co primeiro premio do I Concurso Internacional de Humor Gráfico Bruixas i Bruixots, convocado co gallo do Aquelarre 2012 en Cervera (Lleida). Ao concurso presentáronse máis de 500 obras chegadas de 44 países. Nesta ligazón pode lerse máis información ao respecto, e ver a viñeta ganadora.