AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Siro
Siro (socio de honra)

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Nova campaña de Adega, ilustrada por
Calros Silvar

05/05/2015

O noso socio Calros Silvar é o autor das ilustracións dos dous folletos titulados Invasoras, dedicados, respectivamente, a plantas e animais exóticos que ameazan os ecosistemas e a fauna autóctonos de Galicia.

Esta campaña de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) foi presentada a semana pasada, e os folletos están xa a ser distribuídos en papel en diversas actividades. Tamén poden ser descargados, de forma gratuíta, a través da web.

Preséntase un libro sobre a historia da
ilustración científica en Galicia

18/02/2014

Hoxe preséntase en Santiago de Compostela o libro Arte e ciencia en Galicia. A ilustración científica e técnica, do profesor Francisco Díaz-Fierros. O libro reivindica a importancia crucial da ilustración gráfica para o avance histórico do saber científico. Segundo o autor, a presenza da ilustración nas obras técnicas e de ciencia consegue «a mellor comprensión polo efecto combinado das palabras e as imaxes, sen que sexa fácil moitas veces distinguir cal das dúas formas de comunicación —verbal e visual— é o apoio da outra».

Neste artigo de La Voz de Galicia pode obterse máis información e algúns dos exemplos de ilustración científica galega incluídos no volume.

Calros Silvar, destacado en ‘Illustration Served’

27/11/2013

O noso socio Calros Silvar foi destacado este luns na galería de Illustration Served, unha selección dos mellores traballos de ilustración da web Behance. En concreto, o traballo escollido é o relativo á Guía de mamíferos de Galicia, que editou Baía Edicións en 2007.

Máis presentacións de ‘O carballo’

08/05/2013

Este venres, 10 de maio, o noso socio Calros Silvar presentará no CEIP «Sada y sus Contornos» (avda. de Sada y Contornos s/n, 15160 Sada), o seu libro O carballo. Previamente guiará unha visita didáctica ao brañal das Brañas.

O mesmo día, ás 19:00 h, de novo haberá presentación d’O carballo, desta volta na Libraría Carricanta (rúa Doutor José Fariña 1, 15300 Betanzos).

Os libreiros premian as guías de natureza Baía Verde

22/04/2013

Esta fin de semana tivo lugar en Monforte a cerimonia de entrega dos Premios Irmandade do Libro, que concede anualmente a Federación de Libreiros de Galicia e que chegaron este ano á súa vixésimo segunda edición.

As guías da natureza «Baía Verde», publicadas por Baía Edicións, recibiron o premio á «Mellor obra editorial». Non hai que esquecer a importancia que neste tipo de publicacións teñen as ilustracións, e dáse a circunstancia de que a maioría das contidas nos títulos publicados nesta colección son obra do noso socio Calros Silvar, polo que o premio vén recoñecer tamén o seu labor.

Obradoiro de bosquexos de campo por Calros Silvar

11/01/2013

Mañá, sábado 12, na Casa das Insuas (rúa José Pardo y Pardo Montenegro 27, 27370 Rábade, Lugo), o noso socio Calros Silvar impartirá un obradoiro de bosquexos de campo. Trátase dun curso intensivo de iniciación á realización de apuntamentos do natural dirixido a biólogos, naturalistas, monitores de tempo libre e afeccionados á natureza en xeral, e terá unha duración de 6 horas (de 10:30 a 13:30 e de 15:30 a 18:30). O custo é de 6 euros para socios da AGCT, e de 10 euros para os non socios. Para obter máis información e inscribirse, pode acudirse á web da Casa das Insuas.