AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Miss Haze
David Buceta

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

«O debuxo como forma de pensamento» charla con Alberto Vázquez

07/03/2017

Este sábado comeza «A cor das palabras. Encontros con cineastas», un ciclo do Concello de Santiago de Compostela (Pazo de Raxoi) que traerá ao Cinema NUMAX a importantes cineastas do panorama actual. O primeiro convidado será o animador coruñés Alberto Vázquez, cunha charla titulada «O debuxo como forma de pensamento».


Alberto Vázquez tense convertido nos últimos tempos nun referente no mundo da animación a nivel galego e internacional. Tras acadar o Goya á mellor curtametraxe en 2012 con BIRDBOY, vén de consagrarse neste 2017 acadando a estatuíña á mellor curtametraxe por DECORADO e á mellor longa de animación con PSICONAUTAS. A obra cinematográfica de Vázquez complétase con SANGRE DE UNICORNIO.

A creatividade de Alberto Vázquez chega tamén ao mundo do cómic, con varios libros editados en diferentes países . Como ilustrador de prensa ten publicado en El País, La Voz de Galicia, Vanity Fair ou Boston Globe Magazine. Os seus traballos valéronlle máis dun cento de premios internacionais, en citas como o Festival de Annecy, Chicago, Foyle, ou Expotoon.

A charla é gratuíta até completar aforo, mais podedes reservar praza escribindo un correo a proxectoscultura@santiagodecompostela.gal no que indiquedes nome completo e número de contacto.

Preséntase o Día da Ilustración 2017

25/01/2017


Cartel do Día da Ilustración 2017, a cargo de Perrilla

O Día da Ilustración 2017 presentouse esta mañá en Santiago de Compostela. O Día da Ilustración foi instituído pola Xunta de Galicia hai catro anos, como parte do seu Calendario do libro e da lectura, tomando a data do 30 de xaneiro, día de nacemento de Alfonso D. R. Castelao.

Este ano, por iniciativa da AGPI —que vén colaborando coa celebración desde o primeiro ano con pequenas actividades—, o Día da Ilustración vese reforzado coa homenaxe a un dos grandes ilustradores galegos históricos, Álvaro Cebreiro (A Coruña, 1903-1956), coa intención de que, ano tras ano, unha figura destacada da ilustración en Galicia reciba un merecido tributo para revalorizar a súa contribución á nosa cultura e á nosa sociedade.

Nesta ocasión, para celebrar o evento, a Biblioteca e Arquivo de Galicia organiza unha exposición, Cebreiro: o trazo da vangarda, centrada na súa obra. A mostra poderá visitarse ata o próximo 7 de marzo. Pola súa parte, a AGPI produciu, coa colaboración da Subdirección Xeral de Bibliotecas, un pequeno vídeo para a difusión da súa vida e obra en internet, especialmente nas redes sociais:


Vídeo ‘Cebreiro – Día da Ilustración 2017’, con guión de Alberto Guitián, imaxe de Isabel Vila e música de Roberto Casteleiro

O cartel da edición deste ano está a cargo da ilustradora Perrilla. No programa, que pode descargase desde esta ligazón, encontramos diversas actividades desenvolvidas nas bibliotecas galegas; entre elas, obradoiros de cómic e ilustración, a cargo de Iago García, María Sánchez Lires, Perrila, Noemí López e David Buceta, un curso titulado «Grandes ilustradores da historia», e exposicións bibliográficas e de ilustracións.

[Nota de prensa sobre a presentación na web de Cultura.]

Presentación oficial da curtametraxe DECORADO, de Alberto Vázquez

21/01/2017

Presentación oficial na Coruña da curtametraxe "DECORADO" do noso socio Alberto Vázquez.

Tras o seu paso por festivais como Cannes, Annecy ou Toronto cultivou máis de 20 premios internacionais e o 4 de Febreiro competirá nos premios Goya como mellor curtametraxe de animación.

Ademais falaranse de proxectos en marcha como a nova longametraxe de Alberto, "Unicorn Wars" e outras sorpresas. Nesta especial presentación contaremos coa presenza de Alberto Vázquez e da produtora Chelo Loureiro, así como a de xente do equipo como o músico Victor García ou os artistas Martín Romeu e Giovanna Lopalco.

:: Sábado, 22 de Febreiro ás 17:30 h. no edificio da Domus (Rúa Ángel Rebollo, 91 - A Coruña)

Comunicado en relación á situación do CGAI

12/07/2016


Nos últimos meses estamos vendo como o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) está sufrindo unha perda de recursos e persoal que pon en grave perigo o seu funcionamento. Tememos que esto sexa un paso máis dun desmantelamento paulatino desta institución. Nos últimos días o despido dun dos dous proxeccionistas foi a gota que colmou o vaso nesta situación de deterioro.

Colectivos profesionais do sector audiovisual e cultural están a reclamar melloras na dotación do Centro, considerando que é unha institución que debe ser preservada e mellorada para que siga coa súa función de conservación e arquivo da memoria audiovisual de Galicia.

O CGAI é unha institución imprescindible para Galicia e a nosa cultura. Dende a AGPI consideramos que esta situación tamén nos toca coma colectivo de creadores e queremos expresar a nosa disconformidade co abandono da filmoteca de Galicia por parte dos órganos de goberno.

Por iso, animámosvos a participar este mércores día 13 ás 20:00h na xuntanza convocada enfronte do CGAI (R/ Durán Loriga 10, A Coruña) para protestar por este desmantelamento encuberto.

Decorado, de Alberto Vázquez no Festival de Cannes

21/04/2016

A última curtametraxe de animación, Decorado, de Alberto Vázquez, é unha das 11 curtametraxes seleccionadas na Quincena de Realizadores del Festival de Cannes, que ten lugar do 11 ó 22 de maio. Esas serán as datas do estreo mundial da curtametraxe, no propio festival.
Tamén foi elexida para participar no Festival de animación de Annecy (Francia), que terá lugar do 13 ó 18 de xuño.
Así mesmo, a súa única largometraxe, Psiconautas (codirixida con Pedro Rivero), basada na novela gráfica de mesmo nome, escrita e ilustrada polo propio Alberto, se estreará no Festival de Cans (O Porriño)

Jorge Peral presenta o videoxogo ‘Nanomachina’

30/04/2015

Nanomachina é un videoxogo gratuíto creado en 72 horas, con motivo da Ludum Dare. No seu desenvolvemento participaron Javier Carpio como programador, Sergio de Prado no son, Víctor Fernández no deseño de mecánicas e niveis e o noso socio Jorge Peral nos gráficos.

O xogo pode descargarse gratis; de momento, é só compatible con Windows, aínda que está analizándose a viabilidade de versións para outros sistemas operativos. Neste vídeo pode verse un timelapse dos tres días de traballo para a súa realización.

Os vídeos do Autobán, xa na rede

19/11/2014

Xa está dispoñible o videorresumo das actividades desenvolvidas o pasado mes de agosto no minifestival de autoedición Autobán, organizado pola AGPI na Coruña.

O resumo serve de introdución para os vídeos completos da charla «Viñetas de vida», da mesa redonda «Outros roles de xénero no cómic» e da titulada «Modelos e saídas da autoedición».

Todos eles foron preparados pola nosa socia María Álvarez Hortas, e o vídeo de resumo conta con banda sonora preparada especialmente para a ocasión por Roberto Casteleiro (Koroiev).

Outro dos eventos que formaron parte do Autobán, o Combate de Debuxantes, xa fora recollido en vídeo hai unhas semanas por Iago González, de Enimaxes.com.

Xan Carpente deseña os gráficos de
‘Halloween Witch Hunter’

30/10/2014

O noso socio Xan Carpente acaba de presentar Halloween Witch Hunter, un xogo para dispositivos móbiles Android con temática apropiada para estes próximos días do Samaín.

Xan
encargouse da creación de personaxes e escenarios, e Jorge Bargo da historia, o guión e a programación, e é a súa primeira aproximación ao mundo do xogos no móbil.

A base do xogabilidade de Halloween Witch Hunter está baseada nos tempos de reacción á hora de abater os monstros de Halloween, e trátase dun xogo orientado tanto a rapaces como a maiores. O xogo pode adquirirse xa en Googleplay por 1 euro, neste enlace.

Tucho Fernández Calo presenta ‘FullBlast’

15/10/2014

FullBlast é o título deste videoxogo «de corte clásico pero con tecnoloxía actual», en palabras dos seus creadores. Desenvolveuno o equipo formado polo programador Alejandro Pérez e o noso socio Tucho Fernández Calo, que se encargou de todo o capítulo gráfico, desde a dirección artística ata a creación dos modelos.

O xogo está dispoñible para móbiles e tablets en versión para iOS e para Android, e pode encontrarse en inglés, castelán e catalán, aínda que está prevista tamén unha versión en galego. O primeiro nivel é gratuíto, e o xogo completo custa 1,79 euros.

Tucho publicou moito material gráfico sobre o proceso de creación do xogo neste fío do foro Polycount.

O vídeo do Combate de Debuxantes, xa na rede

26/08/2014

Xa está dispoñible o vídeo do Combate de Debuxantes que se desenvolveu o pasado 8 de agosto na Coruña, dentro do programa do Autobán (o microfestival de BD e autoedición organizado pola AGPI). O vídeo, realizado por Enimaxes.com, ofrece un resumo, de aproximadamente 8 minutos de duración, do que foi esta segunda edición coruñesa do Combate, que nesta ocasión enfrontou os ilustradores Branda, Kike J. Díaz, Luis Yang, Perrilla, Santy Gutiérrez, Sekone, Xulia Vicente e Yago García, e no que resultou gañadora Xulia Vicente.