AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Paxaro
Tucho Fernández Calo

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Dispoñible o vídeo do
II Debate sobre o Estado da Ilustración

02/08/2014

Xa está en liña o vídeo que recolle a totalidade do II Debate sobre o Estado da Ilustración, desenvolvido en Santiago de Compostela o pasado 7 de xuño. Os relatores convidados foron os ilustradores Patricia Castelao, Leandro, Santy Gutiérrez e Dani Padrón, con Manel Cráneo como moderador.

O Debate dividiuse nos temas «A crise: como afecta aos modelos de encargo»; «Os prezos: a evolución dos números»; «A formación dos ilustradores: novas xeracións de futuro incerto»; «Os mercados internacionais: cal é a súa viabilidade como saída laboral»; «As parcelas colindantes ao noso sector: estado actual»; «O autoemprego: alternativas de negocio»; e «O financiamento: onde están os cartos?».

O vídeo, dividido en sete partes, ten unha duración total de 140 minutos, e foi realizado por Hugo Covelo (gravación) e María Álvarez (edición); o deseño e as ilustracións son de Bernal Prieto. Pode verse ao completo nesta ligazón á lista de reprodución en Youtube.

Anúnciase a adaptación cinematográfica de
‘A man do diaño’

04/07/2014

Diversos medios (por exemplo, Abc, Faro de Vigo ou Audiovisual 451) recolleron onte e hoxe a noticia da compra dos dereitos de adaptación fílmica do libro de banda deseñada A man do diaño, do noso socio Brais Rodríguez, por parte da produtora lalinense No Majors Films. O proxecto conta xa coa participación do guionista e dramaturgo galego Jacobo Paz para o guión adaptado.

O libro A man do diaño foi gañador do Premio Castelao de BD en 2010, e editado en galego por Demo Editorial e en castelán por Astiberri.

Kike J. Díaz presenta ‘Nordés’

26/06/2014

O noso socio Kike J. Díaz acaba de publicar a súa novela gráfica Nordés. A obra, ambientada en Ribadeo, discorre en dúas épocas distintas: no século XVIII, co marqués de Sargadelos e as turbias relacións que mantiña coa nobreza e o clero, e na actualidade, onde un misterioso personaxe volve atrído á vila por unha serie de sucesos relacionados coa morte tráxica de varias persoas cando sopra o vento do nordés.

O lanzamento terá lugar o vindeiro sábado, 28 de xuño, as 20:00 h, na libraría Casa das Letras (rúa de Rodríguez Murias 8, 27700 Ribadeo). Nordés está dispoñible xa en librarías especializadas, e o autor confirma que en breve será presentada por locais de toda Galicia.

O programa radiofónico en liña Metrópoles Delirantes ofreceu na súa última edición (a partir do minuto 7:05) unha entrevista con Kike J. Díaz acerca da obra.

‘Corazón de piedra’, de José Gimeno, dispoñible en iTunes

11/06/2014

O libro interactivo Corazón de piedra, do noso socio José Gimeno, está xa dispoñible na iTunes Store, a tenda de contidos dixitais de Apple. Trátase un conto ilustrado, que contén ademais imaxes animadas, e pode adquirirse en castelán e en inglés.

Na web de Gimeno pode accederse a máis información, imaxes e algunhas animacións, como esta que abre o libro. O autor confirma que en breve poderá comprarse a obra tamén noutras plataformas.

Lucía Gómez presenta a versión animada de «Micho Pocho»

05/06/2014



O estudio Algarabía Animación estrea hoxe, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, unha peza de animación «para fomentar os bos hábitos en torno ao consumo responsable e a reciclaxe», inspirada neste caso polo feito de a ONU ter dedicado o día este ano ás consecuencias que sofre a poboación das illas a causa do quecemento global.

O vídeo, de dous minutos de duración, ten como protagonista o personaxe Micho Pocho, creación da nosa socia Lucía Gómez.

Jorge Peral deseña os gráficos
do videoxogo ‘ESC.’

08/04/2014

O noso socio Jorge Peral participou, no marco do festival Familiar Game Jame —un maratón de 72 horas dedicado a facer videoxogos—, na realización dos gráficos do xogo ESC. O xogo, que utiliza o estilo pixel art para os gráficos, está producido por Gazpacho Games e pode experimentarse gratuitamente en liña.

No seu blog, Jorge Peral explica todo o proceso de creación de personaxes, fondos e animación, e a experiencia que supón o reto de traballar con ese límite de tempo.

Charla «Creando Rosalías», con Marina Seoane

03/01/2014

O próximo xoves, 9 de xaneiro, ás 20:00 h, a charla «Creando Rosalías» tentará afondar na relación entre música, poesía e artes plásticas a través de dúas obras: o libro-disco Rosalía pequeniña —de Uxía Senlle, con ilustracións da nosa socia Marina Seoane— e o libro-disco Na lingua que eu falo —de Najla Shami, con fotografías de Ainoa Calvo—. Os participantes terán a oportunidade de desentrañar con estas catro artistas o proceso creativo destas obras, tratando todas as fases do seu traballo.

Esta actividade forma parte do programa do festival Cantos na Maré, e terá lugar na Casa das Campás (rúa Don Filiberto 9-11, 36002 Pontevedra), con acceso libre e gratuíto.

Pintura dixital de Miki en Vigo

26/12/2013

Esta noite o noso socio Miki (Miguel Castro) participa nunha actuación en que fará pintura dixital en vivo acompañado dos DJ Carycar e do violinista Héctor Varela. Será en La Goleta Bar (rúa Luis Taboada 29, 36201 Vigo) a partir das 23:30 h. O cadro pintado será sorteado entre o público, e a entrada é gratuíta.

‘MitMag’ divulga o vídeo do
«Combate de Debuxantes»

23/10/2013

A revista dixital  MitMag, que hai uns días presentaba unha reportaxe sobre o «Combate de Debuxantes» organizado pola AGPI o pasado 8 de agosto, compleméntao hoxe cun vídeo, a cargo de Iago González, que resume todo evento en algo máis de 6 minutos.

Máis información sobre o Combate neste link, e fotos neste.

Alberto Vázquez e Manuel Cristóbal falan sobre animación

03/10/2013

Dentro do programa do Coruñafilm 2013 —que se desenvolve na cidade herculina entre hoxe e o próximo sábado—, esta tarde, a partir das 18:00 h, terá lugar o encontro «O cinema de animación en España». Nel participarán o produtor Manuel Cristóbal (de Perro Verde Films) e mais o noso socio Alberto Vázquez. A actividade forma parte dos «Encontros cinematográficos», que, segundo o programa, «conformarán a parte máis reflexiva do festival», e reunirán diferentes personalidades do mundo do cinema para abordar «a situación en que está a industria cinematográfica» desde diferentes perspectivas.