AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Cicatrizia
Perrilla

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

O vídeo do Combate de Debuxantes, xa na rede

26/08/2014

Xa está dispoñible o vídeo do Combate de Debuxantes que se desenvolveu o pasado 8 de agosto na Coruña, dentro do programa do Autobán (o microfestival de BD e autoedición organizado pola AGPI). O vídeo, realizado por Enimaxes.com, ofrece un resumo, de aproximadamente 8 minutos de duración, do que foi esta segunda edición coruñesa do Combate, que nesta ocasión enfrontou os ilustradores Branda, Kike J. Díaz, Luis Yang, Perrilla, Santy Gutiérrez, Sekone, Xulia Vicente e Yago García, e no que resultou gañadora Xulia Vicente.

Primeiro «Combate de Debuxantes» en Vigo

19/06/2014


Deseño do cartel: Sergio Covelo
A AGPI volve organizar un Combate de Debuxantes (a primeira ocasión foi en agosto do ano pasado, coincidindo co festival Viñetas desde o Atlántico), desta vez en Vigo, mañá, venres 20 de xuño. O Combate de Debuxantes é un evento lúdico, en que oito contendentes se enfrontan ilustrando en gran formato e con tempo limitado conceptos ao azar, elixidos polo o público, que tamén decide, mediante votación, o gañador de cada contenda.

Os participantes desta edición viguesa do Combate de Debuxantes serán Helena Machado, Hugo Covelo, Ángela Curro, Jano, Alberto Abal, Rubén Vila, Federico García e Laura Comesaña.

O local será La Fiesta de los Maniquíes (rúa Rogelio Abalde 11, 36201 Vigo), a partir das 22:30 h, e a entrada será libre e gratuíta.

‘MitMag’ divulga o vídeo do
«Combate de Debuxantes»

23/10/2013

A revista dixital  MitMag, que hai uns días presentaba unha reportaxe sobre o «Combate de Debuxantes» organizado pola AGPI o pasado 8 de agosto, compleméntao hoxe cun vídeo, a cargo de Iago González, que resume todo evento en algo máis de 6 minutos.

Máis información sobre o Combate neste link, e fotos neste.

Reportaxe sobre o «Combate de Debuxantes» en ‘MitMag’

10/10/2013

O «Combate de Debuxantes» que organizou a AGPI o pasado 8 de agosto, dentro das súas actividades relacionadas co festival Viñetas desde o Atlántico, recibe agora unha ampla reportaxe na revista en liña MitMag, a cargo de Neón de Tarabillas. A galería fotográfica que inclúe conta con moito humor o desenvolvemento da velada.

Pode encontrarse máis información sobre o Combate aquí, e máis fotografías, nestroutra ligazón.

Xurxo G. Penalta, gañador do «Combate de Debuxantes»

09/08/2013

David Rubin con Xurxo Penalta no momento da súa proclamación como gañador. Foto: Diego Sendón

Onte tivo lugar finalmente o esperado «Combate de Debuxantes» organizado pola AGPI dentro da programación do Viñetas desde o Atlántico. Despois das diversas roldas de combates, que enfrontaron a Diego Blanco, Ghosttthead, Alberto Guitián, Nas!, Nómada, Luis Sendón, Xurxo G. PenaltaAlberto Vázquez —ademais dun combate extra entre os «managers» dos dous equipos, Miguel Ruiz Sekone e José Domingo, gañado por este último—, no round final os contendentes foron Ghosttthead e Xurxo G. Penalta. Do disputado combate resultou vencedor Xurxo, que recibiu o Cinto de Campión e mais unha saca cunha indeterminable cantidade de diñeiro.

Os combates, nos que os debuxantes debían reflectir nunha lámina de gran formato dúas palabras escollidas ao azar polo público, duraban catro minutos cada un, e logo destes era o público quen, erguendo unha tarxeta vermella ou azul, decidía o gañador do asalto. O evento contou con David Rubín como mestre de cerimonias, e congregou gran cantidade de persoas, que desfrutaron do espectáculo, dos petiscos e do sorteo final das láminas producidas no Combate.

Actualización: pode accederse á colección de fotos do Combate no Flickr da AGPI aquí.

Chega o «Combate de Debuxantes»

07/08/2013

Dentro da programación prevista para o festival Viñetas desde o Atlántico, a AGPI organiza mañá, xoves 8, o seu primeiro «Combate de Debuxantes». Será a partir das 21:00 h en The Room (rúa de Santiago 7, 15001 A Coruña).

Trátase dun evento lúdico en que oito contendentes se enfrontarán ilustrando en gran formato e en tempo limitado conceptos ao azar. Será o público asistente o que terá o poder de decisión para elixir, mediante votación, o gañador de cada contenda. Os participantes serán Alberto Vázquez, Diego Blanco, Alberto Guitián, Nas!, Nómada, Luis Sendón, Ghosttthead e Xurxo G. Penalta. Só pode quedar un deles, que se fará co premio especial e o Cinto de Campión desta primeira edición do Combate de Debuxantes.

Todo isto se complementará cunha exposición con obras dos contendentes, catering de petiscos, sorteos, música, un presentador de luxo e moitas sorpresas máis.

A entrada é libre e gratuíta, aberta a todo o público interesado.