AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Rapaces nocturnas
Marcos B

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Revisión de portafolios e ‘SketchCrawl’ no Viñetas

08/08/2013

Esta fin de semana, máis actividades da AGPI no Viñetas.

Mañá, venres 9, de 12:00 a 14:00 h, na caseta da AGPI na «Rúa da BD», primeira das sesións de revisión de portafolios, con nomes de primeirísimo nivel: Max e David Aja atenderán, gratuitamente, todos os ilustradores que se acheguen cos seus books para recibir as súas recomendacións e consellos profesionais.

O sábado 10, a partir das 10:00 h, desenvolverase —conxuntamente co grupo de Urban Sketchers da Coruña— o Sketchcrawl especial Viñetas desde o Atlántico; esta saída para o debuxo en caderno pola rúa comezará no Kiosko Alfonso (sede central das exposicións e charlas do Viñetas).

E a partir das 12:00 h, Carlos Portela e Fran Bueno serán os encargados da segunda sesión de revisión de portafolios, de participación tamén gratuíta.

Todas estas actividades están abertas a todas as persoas interesadas, estiveren ou non asociadas á AGPI.

Sesión de revisión de portafolios

14/03/2013

O próximo luns, 18 de marzo, dentro das actividades do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a AGPI organiza ás 19:00 h unha sesión de revisión de portafolios de ilustración. De forma gratuíta, calquera persoa interesada (profesionais, afeccionados ou estudantes, e tanto socios como non socios da AGPI) pode achegarse polo salón de actos do Pazo da Cultura (rúa de Alexandre Bóveda, 36005 Pontevedra) co seu portafolios para recibir a opinión de dous profesionais de primeiro nivel, Jacobo Fernández Serrano e Marc Taeger. Deste xeito, os participantes poderán definir mellor a súa «tarxeta de presentación», a súa selección de traballos, de cara a conseguir optimizar a presentación da súa obra en entrevistas con editores e outros clientes.

Revisións gratuítas de portafolios no Viñetas

08/08/2012

Entre as actividades que propón a AGPI para a súa caseta no festival Viñetas desde o Atlántico están dúas sesións de revisión gratuíta de portafolios a cargo de autores de recoñecida experiencia profesional en diversos ámbitos da banda deseñada.

Así, este venres 10, entre 12:00 e 14:00 h, serán Javi Montes e Alberto Guitián, e o sábado 11, no mesmo horario, Emma Ríos e David Rubín os que ofrecerán os seus consellos a calquera persoa interesada que queira achegarse cos seus traballos á caseta da AGPI (a n.º 1 na feira do festival, ou «Rúa da BD»). A experiencia de calquera dos catro (en BD europea e norteamericana, novela gráfica, etcétera) fai que esta sexa unha ocasión singular para coñecer unha perspectiva profesional sobre como enfocar o propio traballo, e tamén como mostralo a través do portafolio persoal.

A actividade está aberta a calquera ilustrador ou ilustradora, afeccionado ou profesional, sexa ou non socio da AGPI.