AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

O Medo
Sergio Casas

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Nova Tertulia AGPI: «Traballar no mercado americano»

12/05/2011

Continúa o ciclo «Tertulias AGPI», desenvolvido pola AGPI de forma aperiódica en diferentes localidades da xeografía galega, co fin de dar a coñecer a profesión de ilustrador á sociedade e, ao mesmo tempo, fomentar a relación e o intercambio de información e coñecemento entre os ilustradores.

O próximo xoves 19 de maio, ás 19:00 h na Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova, 16 15705 Santiago de Compostela), o novo faladoiro recibirá o título de «Traballar no mercado americano», e contará como convidado especial con Fran Bueno, ilustrador galego que desde hai anos colabora con editoriais estadounidenses. O acto está aberto a todo o público interesado, e a entrada é libre e gratuíta.

Para un profesional da ilustración o mercado norteamericano supón, debido ao seu gran tamaño, a oportunidade de conseguir unha boa difusión do seu traballo, e xeralmente con prezos interesantes. Porén, a dificultade de entrar neses ámbitos (o que polo usual obriga a empregar axentes para mediar entre as partes) inclúe ademais usos diferentes aos europeos no que se refire aos dereitos de autor, por exemplo. Das vantaxes e desvantaxes deste mercado falaranos o noso convidado, con base na súa experiencia profesional.

Fran Bueno (Santiago de Compostela, 1967) é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Alterna o seu traballo no mundo da banda deseñada coa ilustración de numerosos libros infantís e xuvenís, e ten feito algunhas incursións na animación. Publicou en revistas como Tótem, Frente Comixario, Elipse, Golfiño, BD Banda e Galimatías, e ten colaborado en materiais institucionais, caso dos seus cómics didácticos para o Consello da Cultura Galega, a Consellería de Medio Ambiente ou a Irmandade Moncho Valcarce. En 2004 publicou en Francia Sales coups sur Strombo na revista Lanfeust (con guión de Pierre Veys), e a partir de entón fixo dezaoito números da serie Noble Causes (guionizada por Jay Faerber), para a editorial estadounidense Image. Actualmente traballa nunha nova serie con Jay Faerber, Graveyard Shift, que está publicando Galimatías baixo o título de Amor Inmortal e que cando teñan rematada publicará tamén Image.

«Os retos da era dixital»: nova Tertulia AGPI

11/03/2011

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración prosegue o seu ciclo «Tertulias AGPI». Será o próximo mércores 16 de marzo, ás 19:30 h na Galería Sargadelos da Coruña (rúa Real 56, 15003 A Coruña) coa titulada «Os retos da era dixital: como afrontar os novos tempos no mundo da ilustración», que contará como convidado especial con Henrique Torreiro, xerente da FADIP e coordinador do Observatorio da Ilustración Gráfica. O acto está aberto a todo o público interesado, e a entrada é libre e gratuíta.

A irrupción dos medios dixitais, e nomeadamente da internet, ten suposto un cambio radical na sociedade, e tamén no exercicio profesional da ilustración. Ao lado das múltiples vantaxes que trae consigo, os novos tempos teñen tamén algúns riscos aos que é importante prestar atención. Coincidindo coa recente publicación do informe do Observatorio Los retos de la era digital, falarase nesta ocasión de todas as novas situacións que se están a dar na relación dos ilustradores coas editoriais, os medios de comunicación e as demais industrias con que colaboran. Para abrir o coloquio, intervirá Henrique Torreiro, coordinador dos traballos do Observatorio.

Este faladoiro conta coa colaboración da Galería Sargadelos da Coruña e co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

A AGPI desenvolve o seu programa «Tertulias AGPI» de forma aperiódica en diferentes localidades da xeografía galega, co fin de dar a coñecer a profesión de ilustrador á sociedade e, ao mesmo tempo, fomentar a relación e intercambio de información e coñecemento entre os ilustradores.

NOVA TERTULIA AGPI: A RELACIÓN ENTRE ILUSTRADORES E ESCRITORES

28/09/2010

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración continúa, o vindeiro xoves 30 de setembro, ás 19.00 h na Casa do Libro de Vigo (rúa Velázquez Moreno, 27, 36202 Vigo), as súas Tertulias Agpi, coa titulada «Ilustrar e escribir: unha relación de autores na literatura infantil e xuvenil». O acto, que contará como convidado especial co ilustrador Jacobo Fernández Serrano, está aberto a todo o público interesado, e a entrada é libre e gratuíta.

Na literatura infantil e xuvenil, quen escribe e quen ilustra traballan para conseguir unha obra que será valorada polo seu público tanto polo aspecto literario como polo visual. Tanto é así que na maior parte das veces non se entendería unha parte sen a outra, aínda que os seus autores non sempre son totalmente conscientes desta realidade. Hai moitos casos de auténtica compenetración entre ambos os dous, e, naturalmente, tamén casos en que a autoría recae ao mesmo tempo nunha soa persoa. Neste faladoiro tentaremos tocar todos estes casos, e máis temas que poidan xurdir sobre esta e outras cuestións.

Para abrir o coloquio, contaremos como convidado especial con Jacobo Fernández Serrano, socio de AGPI cunha notable experiencia no campo da literatura infantil e xuvenil.

Este faladoiro conta coa colaboración da Casa do Libro de Vigo e co apoio da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta de Galicia.

A AGPI desenvolve o seu programa «Tertulias AGPI» de forma aperiódica en diferentes localidades da xeografía galega, co fin de dar a coñecer a profesión de ilustrador á sociedade e, ao mesmo tempo, fomentar a relación e intercambio de información e coñecemento entre os ilustradores.

Jacobo Fernández Serrano (Vigo, 1971) é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Ademais de ter ilustrado numerosos libros de autores como An Alfaya ou Xoán Abeleira, é autor do texto e as ilustracións dos volumes A gardería de dona Bixelmina (Xerais, 2005), A pedra e as formigas (Xerais, 2006) e Mil cousas poden pasar, polo que gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil 2009. Como autor de banda deseñada creou para a revista Golfiño a serie Os Amigos de Archimboldo Roque, despois publicada en álbum por Faktoría K. En 2007 gañou o Premio Castelao de BD da Deputación da Coruña coa obra Aventuras de Cacauequi, publicada despois por El Patito Editorial. Alén diso, colabora coas revistas Dos Veces Breve e BD Banda, e en Bang Ediciones comezou a serie de álbums de BD infantil Marcopola, la isla remera (2009).

http://jacobofernandezserrano.blogspot.com/

Comezan as Tertulias AGPI

26/05/2010

A AGPI presenta unha nova actividade, as Tertulias AGPI, que comezan o próximo mércores 2 de xuño ás 19.30 h na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real 56, 15003 A Coruña)  e que posteriormente irán tendo lugar noutras localidades da xeografía galega. O título da primeira tertulia é «Fuga de talentos: segue a ser necesaria a emigración de ilustradores?».

Seguimos os ilustradores necesitando achegarnos ás capitais para poder abrirnos paso profesionalmente, ou a era da internet converteu definitivamente o lugar de residencia en algo secundario? Este faladoiro, aberto a todo o público, busca que as persoas asistentes compartan as súas impresións sobre os mitos e as realidades da emigración de creativos cara a outros lugares. Procuramos un punto de encontro, informal e animado, entre os ilustradores e entre ilustradores e público.

Para abrir o coloquio contaremos cun convidado especial, Alberto Guitián, socio de AGPI que residiu durante uns anos na cidade de Barcelona, onde traballou en ilustración publicitaria, banda deseñada e cinema de animación.

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración dá comezo así a unha nova actividade que nace con vocación de continuidade, aínda que sen periodicidade nin sede fixas, coa intención de desenvolvela en diferentes localidades galegas, polo menos unha vez cada trimestre.

Este faladoiro conta coa colaboración da Galería Sargadelos da Coruña e co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, dentro da súa campaña «A Cidade que Le».



Alberto Guitián (Lugo, 1974). Licenciado en Belas Artes en Pontevedra. Acadou premios en diversos certames galegos e portugueses de BD e caricatura. En 2003 gañou un accésit dos premios do Injuve, na categoría de cómic. Ten colaborado en numerosas publicacións, como O Fanzine das Xornadas, Golfiño, Caña, Bíblia, Tmeo, Mono Gráfico, Cabezabajo, Amaníaco, Viralatas, BD Banda, Retranca, Barsowia, Míster K ou El Jueves, e publicou en 2009 o seu primeiro álbum monográfico, Fito e Pita (Retranca Editora). Alén diso, traballou con axencias de publicidade e estudios gráficos de Galicia e Cataluña, así como no deseño de fondos para o filme de animación Chico y Rita, dirixido por Javier Mariscal e Fernando Trueba. Nos próximos meses publicará Petaco, o seu segundo álbum de BD, recompilación de paxinas publicadas na revista xuvenil Míster K.