AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Rosalía pequeniña
Marina Seoane Pascual

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Que é a AGPI?

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) é un colectivo formado por ilustradores e ilustradoras interesados na defensa común dos dereitos profesionais. A AGPI naceu o ano 2000, cunha primeira directiva presidida por Xan López Domínguez. A partir do ano 2003 a asociación deu un salto cualitativo co emprego das novas tecnoloxías para tender unha ponte entre os ilustradores dispersos ao longo da xeografía, o que contribuíu a un claro aumento do número de asociados. Nesa data, a AGPI tamén se incorporou á Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), integrada actualmente polas asociacións de Cataluña, Galicia, Madrid, País Vasco e Valencia, e que á súa vez é parte do European Illustrators Forum (EIF), que conforman asociacións de ilustradores de toda Europa. Desde entón, ocuparon a presidencia da asociación Manel Cráneo (2003-2007), Santy Gutiérrez (2007-2013) e Marina Seoane (2013-2015).


1.º Encontro Galego de Ilustración (2004) • Presentación da exposición ‘Quero medo’ (2007) • Reunión do EIF en Boloña (2007), con presenza da AGPI

Actualmente a AGPI aglutina máis de 130 ilustradores e ilustradoras, procedentes de todas as vertentes da creación visual aplicada, e está aberta a todos os profesionais que desenvolven a súa actividade neste ámbito. Poden formar parte da AGPI todos aqueles autores e creadores de imaxes que se dedican profesionalmente ao campo da ilustración en calquera das súas áreas: libro, libro de texto, cómic, publicidade, prensa, produto gráfico, animación, multimedia, videoxogo, infografía, cartelismo, packaging, estampación, caricatura, xogo didáctico, muralismo, téxtil, guión gráfico (storyboard), concept art, layout, ilustración científica, etcétera.

O equipo directivo actual (desde decembro de 2015) está composto por



CAL É A FINALIDADE DA AGPI?

• A representación, xestión, promoción e defensa dos intereses comúns dos seus membros.
• O fomento e a participación na mellora das condicións laborais e de contratación dos/as profesionais da ilustración.
• O recoñecemento e a defensa dos dereitos que lles corresponden os ilustradores/as como autores, e garantir o cumprimento de ditos dereitos.
• O mellor recoñecemento social da profesión, así como o seu estudo e divulgación.
• Facilitar o contacto, o coñecemento mutuo e a colaboración entre os asociados.
• A difusión do traballo dos asociados.
• Traballar para o crecemento e a proxección da profesión, ben con traballos de formación dirixidos aos asociados, ben efectuando accións, conexións e interpretacións con outras asociacións, organismos ou estamentos oficiais, tanto nacionais como internacionais.


QUE OFRECE A AGPI AOS SEUS SOCIOS/AS?


• Atención profesional e xurídica

— Orientación profesional e laboral: ademais da experiencia acumulada ao longo dos anos, cóntase co apoio dunha asesoría externa e o acceso á información da rede de asociacións profesionais estatais e europeas. O grupo de correo dos socios permite ademais, de forma totalmente horizontal, compartir información das experiencias concretas de cada cal, nas múltiples variantes da profesión.

— Servizo de asesoría xurídica: a asociación conta coa colaboración da avogada especializada Mariona Sardà, asesora tamén da APIC (Cataluña) e a FADIP.

— Documentación: a través da «zona socios» da nosa web poden encontrarse datos sobre cuestións profesionais e directorios de empresas, ou informes profesionais sobre feiras e festivais, ademais dunha completísima axenda de certames, concursos, actividades formativas e doutro tipo relacionadas coa ilustración.

• Formación e promoción
— Cursos formativos e conferencias:
a asociación desenvolve actividades como os Cursos AGPI (cursos profesionais sobre cuestións técnicas ou creativas) e o Encontro Galego de Ilustración, onde cada ano se programan conferencias con profesionais de primeiro nivel internacional, tanto da ilustración como das industrias con ela relacionadas. Ademais, desenvólvense outras actividades como as revisións de portafolios en eventos relacionados coa ilustración.

— Difusión da obra dos asociados: os catálogos que a AGPI publica periodicamente (en papel e en formato dixital) permiten a difusión da obra dos ilustradores do panorama galego entre o público e as empresas interesadas en coñecer o panorama en cada momento.

— Exposicións itinerantes, mostras temáticas: a asociación leva organizadas unha decena de exposicións, moitas delas itinerantes. Con diferentes temáticas e formas de aproximación á ilustración, todas elas foron compostas por ilustradores do panorama galego.

— Representación dos ilustradores socios en feiras e festivais internacionais: ao longo dos anos, representantes da AGPI teñen acudido (con ou sen stand) a feiras internacionais como Frankfurt, Boloña, Angoulême ou A Habana cos catálogos e outros materiais de promoción dos socios. Tamén hai presenza habitualmente en feiras máis próximas, como Culturgal, Viñetas desde o Atlántico, Salón do Cómic de Barcelona ou Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

— Catálogo en liña: as galerías da web da AGPI teñen demostrado ser un auténtico escaparate da ilustración en Galicia, e son utilizadas como punto de partida para a busca de profesionais por parte de axencias, editoriais e outras empresas. A galería de cada socio/a permite unha referencia rápida ao seu estilo de traballo, e conduce rapidamente ás webs específicas persoais, de forma que se facilita un coñecemento extenso da obra de cada ilustrador presente nela.

— Sección de noticias: a web da AGPI é un punto de referencia para coñecer o que sucede na ilustración en Galicia. Aínda que a sección presta atención a todo o panorama, os traballos dos socios teñen prioridade.

• Publicacións
— Catálogos de exposicións
— Catálogos de ilustración
Agpirina, boletín informativo da AGPI
Axenda AGPI, boletín electrónico mensual de axenda: concursos, convocatorias, cursos, eventos (fai clic para ver un exemplo)
Novas AGPI, boletín externo de noticias (aperiódico) (fai clic para ver un exemplo)
— A través da FADIP, publicacións de referencia para o mundo da ilustración en España: Libro blanco de la Ilustración Gráfica en España (2004), Estudio económico de la ilustración gráfica en España (2006), Informe 2008 del Observatorio de la Ilustración Gráfica (2009), Los retos de la era digital (2011), Nuevo libro blanco de la Ilustración Gráfica en España (2012).

• Relacións entre profesionais
— Grupo de correo electrónico dos socios: grazas a esta ferramenta, calquera dos socios pode compartir con todo o resto dúbidas, noticias ou comentarios relacionados coa ilustración, e un acceso directo e horizontalizado a todas as cuestións relacionadas coa asociación
Encontro Galego de Ilustración
Cursos profesionais
Actos e encontros por temas específicos, como as Tertulias AGPI o Debate sobre o Estado da Ilustración
Actividades de difusión con perfil lúdico, como os Ilustranoite, o Combate de Debuxantes ou o Drink & Draw Vigo

• Representación e colaboración con outros colectivos profesionais
— Somos membros de FADIP, federación de asociacións de ilustradores profesionais de todo o Estado, e, como tales, tamén do European Illustrators Forum (EIF).
— Temos relación coa VEGAP, entidade de xestión dos dereitos de autor, coa Asociación Galega de Editores, co Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego (a través do Foro Reimprímete) e coas diversas institucións da administración pública como interlocutores do sector (por exemplo, como participantes no seu momento nas mesas promovidas pola Xunta: a Mesa do Libro, para a creación da Lei do libro, ou a Mesa da BD Galega, para o apoio ao cómic en Galicia).

• Participación dos socios
Os asociados elixen cada dous anos a xunta directiva e dispoñen de ámbitos para intervir nas tarefas de xestión e achegar opinións e iniciativas.

• Descontos e ofertas especiais en centros colaboradores
Os asociados teñen ofertas en varias tendas de materiais, librarías e editoriais. Accede aquí á lista actualizada de centros colaboradores.


COMO DARSE DE ALTA NA AGPI?
Fai clic aquí para coñeceres o proceso de inscrición.

Os socios de menos dun ano de antigüidade pagan unha cota reducida, para adiantar e facilitar o contacto dos estudantes de ilustración e os profesionais recentes co mundo asociativo.