‘A causa do crime’, novo libro de Tokio,
en agosto

O novo álbum de banda deseñada do noso socio Alfredo López Tokio levará por título A causa do crime, e supón unha posta ao día dunha historia que o seu autor xa publicara por entregas no xornal A Peneira no ano 1987. Conta unha historia ambientada nos días previos á primeira folga xeral galega, en 1984, cando a explosión dunha bomba durante unha entrega de premios oficial levanta as sospeitas da policía sobre unha traballadora que está nese momento no lugar dos feitos. Segundo a promoción editorial, a obra mestura temas como «os movementos sindicais, o terrorismo e a corrupción política dos anos oitenta, coa banda sonora da Movida viguesa de pano de fondo».

Publica o libro Demo Editorial, o selo desenvolvido por Manel Cráneo, que para as mesmas datas de lanzamento —principios de agosto, en coincidencia co festival Viñetas desde o Atlántico— anunciou tamén unha nova obra de Jano, sobre guións de Rodrigo Cota, co título de Nacho Camacho.

Compartir