A vixésimo sexta edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, organizado anualmente por Edicións Xerais canda o seu Premio Xerais de Novela, tivo como gañador o noso socio Anxo Fariña, coa súa obra A chave da Atlántida. O xurado estivo formado polo ilustrador Rodrigo Chao Blanco, a mestra de Primaria e bibliotecaria Julia González González, o escritor Antonio Reigosa, a bibliotecaria Ángeles Roca López, a profesora de Secundaria e blogueira Gracia Santorum López e mais Helena Pérez Fernández, que actuou como secretaria. O galardón está dotado con 10.000 euros.
O propio Anxo Fariña é tamén noticia porque a partir do 15 de xuño terá nas librarías a nova entrega da súa serie Os Megatoxos, cuxos anteriores libros venderon xa 30.000 exemplares. A cuarta aventura, que pasa a ser editada por Xerais, recibe o título de Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa. Nela, o instituto dos Megatoxos cae en desgraza e unha horrible transformación esténdese polo alumnado e mais o profesorado. Entrementres, en Venecia, unha misteriosa raíña trata de dominar o mundo grazas ao poder do Toxo.