Cúmprense estes días cinco anos dende que unha chea de
debuxantes e ilustradores galegos acodimos á chamada da AGPI (por entón chamada Ilustradores Galegos Asociados) que nos
convocaba en Santiago para asistir, nunha sorte de catarse profesional
colectiva, á refundación da cáseque esquecida asociación. Desa reunión mantida
na galería Sargadelos, xurdiu de novo, cal fénix das suas cinzas, o que dende
entón deu en chamarse ASOCIACIÓN GALEGA
de PROFESIONAIS da ILUSTRACIÓN (AGPI), e que non é outra cousa que a
consecuencia lóxica do emerxente movemento asociacionista que se estaba a cocer
nos mentideiros dunha profesión que reclamaba a gritos a necesidade de gañarse o
respeto de editores,clientes e da sociedade en xeral e que, coma se dunha revolución se
tratase, deu por xuntar nun mesmo lugar a unha mesma hora a boa parte do
colectivo profesional que a formaba. Asi pois, hai cinco anos que a AGPI decidiu organizarse en serio e
retomar un dos seus principios fundacionais: traballar en prol da dignificación
da profesión, a promoción dos seus membros, e o respeto aos seus dereitos.
Moito queda aínda por facer para acadar estes obxectivos,
mais tamén moito é o que dende entón se ten feito, e como proba de que os nosos
esforzos teñen a sua recompensa, presentámosvos agora a remodelación do noso
sitio web, que tan profunda e completa é que xa non se pode falar duna
“actualización”, senón dun website completamente novo. Tanto é asi que deixamos
atrás o dominio da nosa primeira páxina “agpilustracion.org” e presentamoslle ao
mundo este novo sitio cun nome tamén novo, tan simple e identificativo como o da
propia asociación: “AGPI.es“.
Entrando en agpi.es atoparedes xa non unha web de ilustradores, senón un auténtico portal cheo de
contidos pensados e organizados de maneira intelixente para seren usados por
profesionais do debuxo, clientes potenciais dos servizos de ilustradores, pola
prensa e os medios, e en definitiva, por todo aquel con interese no mundo
gráfico do debuxo.
Atoparedes nel novas do sector permanentemente
actualizadas, galerías virtuais onde se mostran as exposicións organizadas pola
asociación durante este tempo, información completa sobre quen somos e que é o
que facemos. Os asociados dispoñen dun espacio exclusivo onde atoparán
documentación de interese para o millor exercicio da sua profesión, información
sobre asuntos económicos, fiscais e legais, actas das reunións e asambleas da
asociación, listados e enderezos de contacto de editoriais e axencias, foros de
discusión, convocatorias de cursos, talleres, becas, certames e concursos,
etc…
E o máis importante: todo aquel que queira visitarnos, pero
sobre todo pensado nas necesidades de quen precise contratar un ilustrador,
poderá atopar en agpi.es a principal utilidade deste website: un
buscador de ilustradores organizado
para facilitar a búsqueda por nome, por lugar de residencia ou por campos de
traballo; de tal xeito que podemos asegurar que sexa cal sexa o estilo ou
técnica artística que se precise para un determinado encargo, gracias a este
localizador o cliente poderá atopar fácilmente entre os socios da AGPI un profesional de garantía que lle
resolva o traballo de maneira solvente e eficaz. A utilidade deste buscador é
tan grande que sen dúbida a web da AGPI se coverterá nunha ferramenta de
uso fundamental para editores, creativos e directores artísticos que precisen
localizar e contactar frecuentemente con debuxantes, facilitándolles o traballo
e ampliando e actualizando a sua axenda de contactos.
Con esta nova páxina que estamos a presentar, pretendemos
mostrar a gran calidade e a amplísima variedade formal e estilística que teñen
os profesionais galegos, nunha mostra da heteroxenia e a riqueza gráfica que
sempre foi signo de identidade dos nosos artistas. E con elo prentendemos tamén
ofrecer ao público e aos nosos clientes unha imaxe sólida de seriedade e de
conciencia da propia identidade, que á postre é a millor garantía de que só un
ilustrador profesional está capacitado para resolver adecuadamente o encargo
recibido.
Esperamos recibir moitas visitas, e desexamos que os
contidos desta nova web sexan útiles e de interese. Donas e cabaleiros, ¡pasen e
vexan!
Santiago
Gutiérrez,
Presidente
da
AGPI