Concurso cartel 32º Congreso do IBBY

A xente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) envíanos as bases do concurso seleccionador para o cartel do 32º Congreso Internacional de IBBY, que se celebrará en Santiago de Compostela no ano 2010.

Recordamos tamén que na AGPI temos en marcha outro concurso para a selección dun cartel promocional do asociacionismo, restrinxido nesta ocasión para os socios: Bases (PDF, 160 KB).

32º Congreso Internacional de IBBY
Santiago de Compostela, 2010
Concurso seleccionador do cartel do congreso

A International Board on Books for Young People (IBBY), organización non gubernamental fundada en Zúrich no ano 1953, celebra, con periodicidade bienal, o seu Congreso Internacional, foro do máis alto prestixio para o estudo, debate, difusión e promoción do libro infantil e xuvenil. Durante a celebración dos congresos internacionais de IBBY ten lugar, entre outras actividades, a entrega das medallas Hans Christian Andersen, os chamados premios nóbel da literatura e da ilustración creadas para nenos e mozos. No ano 2010 o Congreso Internacional de IBBY, na súa 32ª edición, terá lugar na cidade de Santiago de Compostela, encargándose da súa organización a Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI), sección española da IBBY, a través da Asociación Galega para o Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX). Coa finalidade de escoller o cartel do 32º Congreso Internacional de IBBY, imaxe do devandito evento en todo o mundo nos anos previos ao da celebración do congreso e, por suposto, durante o 2010, OEPLI e GÁLIX convocan un concurso seleccionador que se rexerá polas seguintes

BASES

  1. Poderán participar neste Concurso todos aqueles creativos, ilustradores, deseñadores ou artistas nacidos en Galicia ou que teñan residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. O cartel deberá ser orixinal, inédito e non premiado anteriormente. A técnica e o formato serán libres. No cartel, obrigatoriamente, deberán aparecer os siguintes textos:

    Nun tipo de letra maior:
    A FORZA DAS MINORÍAS / LA FUERZA DE LAS MINORÍAS / THE STRENGTH OF MINORITIES, lema xeral do congreso e tema ao que, en calquera das súas dimensión e segundo a libre interpretación que queiran facer os autores, deberá facer referencia o motivo do cartel

    Nun tipo de letra menor:
    32º CONGRESO INTERNACIONAL DE IBBY / 32th INTERNATIONAL IBBY CONGRESS
    Santiago de Compostela, 2-7 de xullo de 2010 / 2-7 de julio de 2010 / 2-7 July 2010

    Ademais deberá terse en conta que no cartel terá que deixarse espazo para introducir, no momento da edición, os logosímbolos de IBBY, de OEPLI, de GÁLIX e da Xunta de Galicia.

  3. Cada concursante poderá presentar un máximo de tres traballos. O gañador ou a gañadora deste concurso obterá un premio de 6.000 euros, menos o IRPF vixente [15%], en concepto de merca dos dereitos de reprodución e de explotación pública da obra gañadora.
  4. Os orixinais deberán ser presentados en soporte físico orixinal coa súa correspondente embalaxe, sen sinatura nin sinal ningún que indique a súa procedencia. Deberá consignarse ao dorso o título específico de cada cartel ou o pseudónimo do autor ou autora. As obras irán acompañadas dun sobre pechado, identificado na súa parte exterior co título da obra ou pseudónimo do autor/a, e no seu interior depositarase una nota escrita a máquina ou ordenador, indicando o nome, apelidos, enderezo, código postal, poboación e teléfono de contacto do autor/a, así como fotocopia do seu Documento Nacional de Identidade
  5. O plazo de recepción de orixinais permanecerá aberto desde a publicación destas bases até o 1 de marzo de 2006, ás 20 horas. A presentación de traballos ao concurso realizarase, personalmente (os mércores, en horario de 11 a 14 horas, e os xoves, en horario de 11 a 14 horas e de 18 a 20 horas) na sede social de GÁLIX, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Rúa Galeras, 17, 1º, Local, 3, 15705 Santiago de Compostela, tlf/fax. 981 58 98 83) ou por correo, dentro do prazo establecido. Calquera orixinal que chegue despois das 20 horas do día 1 de marzo de 2006 quedará excluído do concurso.
  6. Os autores poderán recuperar os traballos presentados durante os dous meses seguintes ao fallo do Xurado, e as entidades convocantes non manterán ningún tipo de correspondencia ao respecto. As entidades organizadores non asumirán ningún tipo de responsabilidade por desperfectos nos orixinais presentados a concurso, se ben farán todo o posible para mantelos en perfectas condicións de conservación. Cumprido este plazo, as entidades convocantes arquivarán e/ou destruirán as obras que queden en depósito.
  7. O Xurado será nomeado polo comité organizador do 32º Congreso Internacional de IBBY. O fallo do Xurado será inapelable en todos os casos e poderá declarar deserto o concurso. O Xurado ten a potestade de completar, segundo o seu criterio, as omisións ou dúbidas que pudieran derivarse da interpretación destas bases.
  8. En cumprimento da vixente Lei de Propiedade Intelectual, as entidades convocantes obteñen do gañador ou gañadora do Concurso a cesión dos dereitos de explotación e reprodución da obra pero non o soporte material no que aquela se sustenta ou orixinal. Este orixinal, se así o desexa o gañador, poderá ser recollido polo mesmo unha vez que as entidades convocantes finalicen o proceso de impresión e tiraxe do cartel. As entidades convocantes reservan o dereito de organizar unha exposición pública con todas ou parte das obras presentadas.
  9. A participación neste Concurso supón a íntegra aceptación das súas bases.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2005

Compartir