Concurso cartel Festival Ortigueira’06

cartel festival ortigueira (mariscal) Lemos na páxina do Festival de Ortigueira:

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira convoca un concurso creativo para seleccionar o cartel oficial que servirá de imaxe da edición 2006 da cita folk. A obra elixida utilizarase nas campañas de publicidade exterior do certame e adaptarase tamén para os diversos elementos do merchandising.

A proposta, aberta a empresas de imaxe e a calquera persoa que teña unha idea con gancho publicitario, supón unha sorte de “brainstorming”, unha chuvia de ideas, coa que se pretende escoller o deseño que mellor represente o espírito do festival e os seus valores, sendo a temática e as técnicas libres. Os participantes poderán presentar un máximo de dous traballos ( un lema identificará a cada un deles e permitirá manter en segredo a autoría durante o proceso de selección).

Un xurado – do que formarán cando menos dous artistas de recoñecido prestixio- determinará quen será o gañador. A este corresponderalle un premio de 10.000 euros. Sumarán puntos os traballos mellor concebidos, os de maior calidade plástica e os máis efectivos dende o punto de vista promocional.

O prazo para a entrega dos carteis inéditos será do 21 ao 31 de marzo. Haberá que presentarlos na Casa Consistorial ou envialos por correo ordinario ao Concello de Ortigueira (praza de Isabel II s/n, 15.330 Ortigueira) coa referencia “Concurso Cartel Festival Celta”. Os interesados poden consultar as bases nesta mesma web.

O xurado realizará ademais unha selección de entre os carteis admitidos a concurso e non premiados. Cos elixidos organizarase unha exposición no Claustro do Concello.

PDF coas bases do concurso.

Compartir