CONSIDERACIÓN SOBRE AS BASES DAS AXUDAS Á CREACIÓN DE BD

Tras a recente convocatoria de axudas para a creación de banda deseñada
en galego para 2010
, a AGPI veu percibindo a inquietude dos nosos
asociados e doutros sectores vinculados co mundo da Banda Deseñada,
provocada pola redacción certamente mellorable das bases para solicitar
as devanditas axudas.

Esta convocatoria era un longo anhelo dos profesionais do sector, e
polo tanto queremos recoñecer o esforzo da Administración por querer dar
coa orde pubicada no DOG un importante paso na consolidación e o
fortalecemento dun medio historicamente esquecido pola Administración e
menosprezado pola industria editorial. Non queremos deixar de expresar a
nosa firme crenza da necesidade da existencia destas axudas, pero
vímonos na obriga de facerlles ver o aos responsables da administración
o necesario dunha reforma nas bases publicadas, xa que, segundo foron
presentadas, mostran grandes incongruencias coa filosofía intrínseca
dunhas axudas á creación e incompatibilidades coa realidade do sector ao
que están destinadas, e que fan que estas axudas naceran xa de inicio
sen validez real que as avale como axudas significativas á Banda
Deseñada Galega. Aínda que é certo que algúns colectivos de relevancia
na escena da BD galega fomos consultados dende a Consellería nun intento
de elaborar unhas bases consensuadas co sector, a realidade é que as
consideracións e argumentacións que lles ofrecemos nesas breves
consultas non foron tidas en conta de maneira conveniente e, sobre todo,
non se nos remitiu en ningún momento o texto definitivo da orde, polo
que nos foi obviamente imposible dar o noso visto e prace a unhas bases
con importantes erros de enfoque e de contido, que de seguro teriamos
detectado se se nos ofrecese a posibilidade de ler o texto antes da sua
pubicación no DOG. Asi pois, o día 03 de febrerio acodimos á reunión
convocada pola Concellería coa intención de expresarlles en primeira
persoa as seguintes consideracións

En primeiro lugar, a esixencia de posuír unha titulación (calquera que
esta sexa) para acceder ás axudas é unha medida claramente excluínte, xa
que deixa fóra da posibilidade de solicitar as axudas á grande maioría
dos autores de cómic do país, e unhas axudas ao sector, por lóxica, non
deberían excluír de inicio a maior parte dos integrantes dese sector.
Pero é que ademais o labor de creación é unha tarefa non inherente a
ningún tipo de titulación, e sendo a formación dun debuxante de BD de
fonda natureza autodidacta e non existindo estudos de ningunha índole
que faculten a ninguén para ser autor de BD, entendemos que é totalmente
innecesario que se propoña esta clásula restritiva.

Quixeramos matizar neste punto que a AGPI defendeu dende un principio
a non necesidade de requirir titulación ningunha, mais foinos comunicado
dende a Consellería que o requirimento de titulacións (e entendidas
sempre como un dos múltiples baremos de puntuación para a concesión das
axudas, e non como unha esixencia “sine qua non”) era un imperativo
legal esixido dende o gabinete xurídico da Xunta para a concesión de
bolsas. Non obstante, detectamos que no resto de axudas á creación (por
exemplo, nas axudas á creación de guións, e noutras axudas ao sector
audiovisual) non se require aos solicitantes ningún tipo de titulación,
polo que solicitamos a eliminación deste inxusto e innecesario filtro
académico.

En segundo lugar, a AGPI entende que a maneira requirida pola
Administración para a xustificación por parte dos beneficiarios do
diñeiro recibido
(punto nove das bases) desvirtúa a esencia mesma das
axudas, pois seguindo os criterios de xustificación nomeados nas bases
estas deixan de ser axudas á creación de BD e convértense en axudas á
edición de BD. Isto non é un detalle menor, pois os autores non son
editores, nin está no seu espírito converterse nun deles. Estas axudas
foron concibidas para que un autor puidese permitirse traballar na
creación dun proxecto grazas a axuda económica que lle reportaría a
subvención gañada. Os custos de xeración dunha obra de BD son
practicamente nulos: salvo os lóxicos custos de material non existen
grandes desenvolsos; as axudas, pois, deberían servir para que os
autores puidesen facer fronte ao custo da vida durante o tempo no que
estivesen a traballar nos seus proxectos. Mais, se atendemos aos
criterios de xustificación descritos nas bases, deberían incluírse
facturas polo concepto de edición da obra, co que realmente o
destinatario final dos cartos sería unha empesa editorial ou de artes
gráficas, e non o autor que creou a obra, e xa que logo serían estas
unhas axudas á (auto)edición e non á creación. A AGPI expresou perante a
dirección xeral que o ideal sería outorgar unhas bolsas económicas da
mesma natureza que as que perciben os bolseiros de calquera profesión,
que non precisan de máis xustificación que a obra rematada, pois se
interpretan como o soldo que este profesional percibe por realizar o seu
traballo durante o seu tempo como bolsado.

Queremos salientar que a AGPI considera que o nacemento destas axudas
supón un fito sen precedentes no apoio a un medio de expresión artística
de crecente prestixio e recoñecemento social, pero que precisamente por
iso as bases da orde deben someterse a unha revisión con carácter de
urxencia que palíe o antes posible cunha reforma as carencias coas que
naceron nesta primeira convocatoria.  E por esta razón, convidamos á
Dirección Xeral a tomar en consideración as cuestións que así lles
expuxemos.

Tras manter a devandita reunión do día 3, na que estabamos convocados
diversos representantes do panorama da BD galega, renovouse a que fora
chamada MESA BD, pois dende a administración entenden que esta debe ser
un órgano consultivo oficioso, unha ferramenta de diálogo que facilite a
comunicación entre o sector e a administración. A AGPI quere manifestar
o positivo deste feito, xa que consideramos que para acadar propostas  e
desenvolvelas coa maior garantía de practicidade, é preciso consultar
cos axentes representativos da BD galega. Informóusenos tamén do aumento
orzamentario destinado ao cómic (600.000 euros), estas cifras xa foran
feitas públicas no seu momento, pero consideramos que é unha cifra moi
significativa que valoramos tamén moi positivamente. En canto a nosa
solicitude de enmenda inmediata das bases, durante a reunión a dirección
xeral comunicounos que están traballando xa na reforma dalgún dos puntos
inadecuados das bases para esta mesma convocatoria asi coma a revisión
total das mesmas para as próximas convocatorias.: estas modificacións,
pendentes so da aprovación da asesoría xurídica, reformarán o punto das
titulacións: engadirase unha clausula derogatoria na que se admitirán a
trámite as solicitudes de aqueles que pusuan unha titulación, e as dos
que teñan algún comic publicado, presentado a algún medio de
comunicación ou editorial ou realizado ainda que non fora editado. É
dicir, universalizaría o espectro de solicitantes. A modificación foi
ben acollida por todos os representantes da mesa, ainda que a AGPI
explicitou que sendo este so debe ser un arranxo puntual para as bases
desta convocatoria, a cláusula de requerimento de titulacións debería
ser completamente eliminada das bases nas seguintes convocatorias.

E en tanto a xustificación legal dos cartos; neste asunto, dende a
administración manifestaron que a lei de subvencións é taxativa e moi
rixida, e non hai maneira de evitar as condicións de xustificación: os
presentes comentamos o inadecuado disa lei para o noso caso. Unha
posible solución a isto sería a trasformación das axudas en premios
(cousa que xa se propuxera ata en duas ocasións e fora descartada), pero
haberá que esperar á proxima convocatoria para iso. Asi pois, a AGPI
valora moi positivamente o achegamento da administración aos
representantes do sector da BD, asi como o seu recoñecemento do
inapropiado das bases e o seu intento de arranxalo na medida do posible
nesta e nas próximas convocatorias, polo que os animamos a seguir
traballando en prol da defensa dun medio de expresión históricamente
carente de protección e que a pesar diso convertiuse gracias ao bo facer
dos autores galegos nun referente no panorama nacional.

Finalmente, queremos manifestar que na procura dun beneficio real dos
autores galegos, esta asociación que eu presido ofrécese a colaborar coa
Consellería no que sexa mester para a mellora da saúde do panorama da
ilustración e a BD galegas
.

Santy Gutiérrez

Presidente da AGPI

Compartir