O congreso internacional «Ilustrando a diversidade» terá lugar no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela (avenida de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela) entre o 20 e o 23 de febreiro. O congreso enmárcase no proxecto CampUSCulturae e reunirá ilustradores de distintos países do mundo, expertos en arte e edición e profesionais da animación e da promoción da lectura.
Entre outros moitos, haberá relatorios de Carme Solé Vendrell, Mark Taeger, Elena Odriozola, David Pintor ou Miguel Ángel Giner Bou; a AGPI participará, representada polo seu presidente, Santy Gutiérrez, nunha mesa redonda acerca da ilustración en distintos soportes.
A matrícula, para asistentes e para autores de comunicacións, é aberta e gratuíta, e ten que realizarse antes do día 10 de febreiro. Poden presentarse comunicacións, vídeo-animacións e proxectos de ilustración, aínda que todos os traballos deberán tratar contidos que relacionen a ilustración, o libro ilustrado ou a animación coa diversidade cultural, o multilingüismo, a interculturalidade ou as barreiras que dificultan a convivencia e a aceptación da diferenza.
Paralelamente ao congreso, inaugurarase a exposición IlustraMundos no Palacio de Fonseca (rúa de Fonseca 3, 15782 Santiago de Compostela), onde poderá visitarse desde o 20 de febreiro ata o 20 de abril. Na exposición haberá obra dos galegos Antonio Seijas e David Pintor, así como da lituana afincada en Galicia Kristina Sabaite —todos eles, socios da AGPI— e tamén doutros autores provenientes doutros lugares, como a arxentina Mónica Weiss, a catalá Carme Solé Vendrell, o suízo Mark Taeger, a polaca Joanna Domanska, o holandés Machiel Braaksma, a vasca Elena Odriozola ou o sudafricano Piet Grobler.
Actualización: pode accederse ao programa provisorio do congreso nesta ligazón.