Demo Editorial abrirá unha tenda efémera

Demo Editorial, o proxecto do noso socio Manel Cráneo, abrirá o próximo venres 13 de decembro unha tenda oficial na Coruña, coa particularidade de que no acto de apertura será anunciada a data de peche. A tenda conterá, ademais de todos os libros da editora, todo tipo de produtos da marca Planeta Mincha, como cadros, figuras en volume, peluches, chapas ou láminas. Ademais, incluirá unha programación con presentacións, tertulias,
obradoiros, encontros con lectores ou clases maxistrais con
ilustradores profesionais da banda deseñada e da ilustración.

Polo momento, Demo xa anunciou dúas clases maxistrais, abrindo o ciclo denominado «Demostracións gráficas». A primeira será o sábado 14 de decembro, e será impartida polo noso socio Pinturero, co título «Ilustración dixital avanzada». O segundo, titulado «A planificación da banda deseñada», correrá a cargo do tamén socio noso Fran Bueno, e decorrerá o sábado 21 de decembro. En ambos os casos, os horarios serán de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 h; as prazas son limitadas, e o prezo de inscrición para cada clase maxistral (incluído xantar en restaurante) é de 60 euros; hai un desconto especial do 10 % para os socios da AGPI.

Compartir