Emma Ríos e José Domingo, candidatos aos Eisner Awards

Onte deuse a coñecer a lista de candidatos deste ano aos Premios Eisner, os máis importantes da industria do cómic estadounidense, que se entregan cada ano na San Diego Comic-Con. Na lista están presentes dous dos nosos socios: Emma Ríos e José Domingo.

Emma Ríos é candidata en dúas categorías, como mellor debuxante e como mellor portadista, en ambos os dous casos pola súa serie Pretty Deadly, creada conxuntamente con Kelly Sue DeConnick, que á súa vez tamén é candidata como mellor guionista; a serie ten aínda unha candidatura máis, coa colorista Jordie Bellaire.

Por súa parte, José Domingo é candidato na categoría de mellor edición estadounidense de material internacional, por Adventures of a Japanese Businessman, a versión para o mercado anglosaxón da súa premiada novela gráfica Aventuras de un oficinista japonés, a cargo da independente británica Nobrow.

Os premios coñeceranse o 25 de xullo, durante a gala de entrega dos galardóns na Comic-Con.

Compartir