Día da Ilustración 2018

Desde 2014, ano en que a Xunta de Galicia introduciu a data no seu Calendario do libro e a lectura, a coincidir co aniversario do nacemento de Castelao, o 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración.

Para impulsar a conmemoración deste día, a AGPI e mais a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxeron en marcha unha web específica, www.diadailustracion.gal, desde a que se pode acceder aos principais recursos vinculados coa data. Entre eles, un breve vídeo producido pola AGPI sobre o ilustrador histórico homenaxeado este ano, Camilo Díaz Baliño (1889-1936), que ademais é o protagonista dunha exposición na Biblioteca e Arquivo de Galicia, visitable ata o 7 de marzo.

O programa do Día da Ilustración inclúe diversas actividades desenvolvidas nas bibliotecas das principais cidades galegas, como talleres de cómic e ilustración, cursos e exposicións, e foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da AGPI, Sergio Covelo; Xosé Díaz, neto de Camilo Díaz Baliño; Alberto Guitián, membro da directiva da AGPI, e Minia Regos, autora da imaxe que ilustra o cartel da edición deste ano.

Compartir