FEED´17

When:
3 Novembro, 2017 – 4 Novembro, 2017 all-day
2017-11-03T00:00:00+01:00
2017-11-05T00:00:00+01:00
Where:
DIDAC - DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas
Rúa de Pérez Costanti
12, 15702 Santiago de Compostela, A Coruña
España


Se algo caracteriza o traballo do deseñador é a necesidade constante de cuestionalo ou repensalo todo, de experimentar cousas novas (quer ferramentas ou tecnoloxías, quer novos métodos de traballo ou de organización) de adaptarse e de evolucionar. Unha necesidade que cada vez se torna máis evidente, dada a velocidade á que se producen as mudanzas na sociedade actual.

Na edición deste ano, o FEED quixo reunir un grupo heteroxéneo de profesionais, con facetas moi distintas, para ofrecer ao longo de dous días unha panorámica o máis diversa posíbel do traballo do deseñador: diferentes ámbitos de especialización do deseño, diferentes metodoloxías de traballo, de organización, de relación…

O primeiro día, os profesionais que compartan connosco a súa experiencia e coñecementos serán Elena Urizar, unha especialista en visual thinking convencida da utilidade práctica de incorporarmos esta linguaxe ás empresas e procesos de traballo; o deseñador galego de produto Lois Guillán, quen presentará a metodoloxía que aplica nos seus obradoiros para introducir os nenos nos procesos de deseño, e João Martino e Miguel Almeida, do estudio do Porto Non-Verbal Clubque desenvolve o seu traballo principalmente para clientes do ámbito cultural. A xornada concluirá cunha mesa redonda coas escolas de deseño para debater con profesores e estudantes acerca das expectativas, preocupacións perante a súa inminente incorporación ao mercado laboral.

O segundo día será a vez da deseñadora de tipografías Joana Correia,quen abordará na súa conferencia a cuestión das tipos variábeis, un dos avances máis importantes da tipografía nos últimos tempos; Coca Rivas, a xefa de deseño de servizos, cunha valiosa experiencia no redeseño de servizos e creación de equipos internos dixitais para o Goberno do Reino Unido; Francesco Furno e Pablo Galeano, fundadores en plena crise do estudio de deseño gráfico Relajaelcoco, e Bea Lema, quen pese a comezar a súa carreira como deseñadora de produto acaba de gañar o Premio Castelao de Banda Deseñada.