[Bases tomadas do BOP da Coruña do 8 de febreiro de 2006]
Tendo en conta, por número e calidade, o grupo de novos autores de historieta que teñen xurdido nos últimos anos en Galicia, contando pois, nestes momentos, cun destacado colectivo de autores, ó entender de moitos especialistas o máis importante do panorama nacional, a Deputación da Coruña, sensible á significación que esta a ter este colectivo convoca o II Premio de banda deseñada “Castelao”, de acordo coas seguintes bases:
PRIMEIRA.-
Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade que presenten narracións en banda deseñada inéditas e non premiadas con anterioridade, escritas en galego, cun máximo de dous autores por obra (un como guionista e outro como debuxante).
SEGUNDA.-
Establécese un premio único dotado con 6.500 euros.
A Deputación publicará a obra premiada, directamente ou a través doutra editorial, mantendo o autor ou autores os dereitos para a posible edición da obra noutras linguas que non sexa a galega.
Asimesmo, cos traballos orixinais formarase unha exposición de carácter itinerante.
TERCEIRA.-
A temática será libre, podendo tratarse dunha historia única ou dun conxunto de historias.
Os traballos presentaranse por duplicado e en exemprares separados, numerados, grampados ou encadernados da seguinte forma:
- O libro presentarase finalizado, tanto en guión como en debuxo.
- O formato deberá ser de mancha 26 x 19 cm., ou proporcional.
- Tamaño dos orixinais: mínimo DIN-A4 e máximo DIN-A3.
No caso de que a maiores os traballos se presenten en soporte dixital, deberán figurar a tamaño final (26 x 29 cm.) e en resolución de 300 ppp para color, 400 ppp para grises, ou 600 ppp para branco e negro, en soporte CD e formato TIFF.
Extensión mínima 48 páxinas e máxima 64.
Para a súa valoración enviaranse copias encadernadas en DIN-A4 con calidade láser.
Os orixinais seranlle requeridos ó gañador para o proceso de edición e preparación da exposición.
As obras presentaranse baixo un título e un lema, achegados de plica na que conste o título e o lema no seu exterior, e contendo no interior o nome e apelidos do autor ou autores, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.
No caso de autoría conxunta, deberá incluírse documento explicitando a participación de cada quen e a porcentaxe do premio pactada entre os autores, correspondentemente asinado por eles.
CUARTA.-
O prazo de admisión de orixinais finaliza o día 31 de maio de 2006 e deberán enviarse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre “II Premio de banda deseñada “Castelao”.
QUINTA.-
O xurado estará presidido polo sr. presidente da deputación e formarán parte del: o sr. deputado presidente da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico, o director do festival “Viñetas dende o Atlántico”, tres persoas de recoñecido prestixio no eido da banda deseñada nomeadas polo sr. presidente da deputación e o gañador do ano anterior, que poderá ser substituído por outra persoa, no caso de que non lle fose posíbel asistir; actuará como secretario o da corporación ou funcionario no que delegue.
A composición do xurado farase pública con anterioridade a súa reunión, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
SEXTA.-
Os participantes terán a obriga de comunicar á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posíbel única, sendo necesaria a asistencia dos dous tercios dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas redatarase a acta correspondente.
O xurado non poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxeto de resolución da Presidencia desta Deputación, que é o órgano competente para concede-lo premio.
O xurado poderá realizar unha selección entre as obras non premiadas, para a súa inclusión nunha exposición, que será itinerante polos concellos da provincia, e da que se editará o correspondente catálogo.
Os autores presentes na exposición recibirán cinco exemprares do catálogo.
A decisión do xurado darase a coñecer no festival “Viñetas dende o Atlántico” que terá lugar no terceiro trimestre do ano dous mil seis.
A plica correspondente á obra que resulte finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado con fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñece-lo nome do finalista.
SÉTIMA.-
Non se devolverán as obras presentadas e non premiadas e a partires do día seguinte ó fallo do xurado serán destruídas.
OITAVA.-
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.
A Coruña, 31 de xaneiro de 2006.
O presidente,
Salvador Fernández Moreda.
O secretario,
José Luis Almau Supervía.