A décima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que nesta ocasión ten como tema xenérico «O amor» e como país convidado Portugal, conta con diversas actividades relacionadas coa BD e a ilustración no seu programa, que se desenvolve entre o 1 de febreiro e o 15 de marzo, co Pazo da Cultura pontevedrés como sede principal.
Así, ademais do obradoiro de ilustración a cargo de Anxo Fariña, dirixido ao público escolar, entre as actividades abertas ao público xeral hai varias mesas redondas e talleres relacionados. A mesa redonda «Superheroes: BD para rapaces?» conta con David Rubín, Pasqual Ferry e Fran Bueno, e está prevista para o venres 13 de febreiro, ás 19:30 h. O sábado 14 de febreiro hai varias clases maxistrais: con Pasqual Ferry, ás 11:00 h; con Miguel Rocha, ás 16:00 h; e con Max, ás 18:00 h. Ese mesmo día, ademais, hai outra mesa redonda, neste caso baixo o título «BD e literatura», con Jacobo Fernández Serrano, Miguel Rocha e Max, ás 19:30 h.
Por outra parte, o Salón acolle tamén un «Obradoiro de achegamento á BD», dirixido especialmente a profesionais da educación, que está impartido por Julio I. Braña, Rafa Tenorio, Kiko da Silva, Marcos Farrajota e Xico Paradelo, do 9 ao 13 de febreiro, entre 17.00 e 19.00 h.
No capítulo de exposicións, por último, encontramos a titulada «Personalidades múltiples», que reúne os traballos de BD e ilustración dos autores convidados ás mesas e clases maxistrais, e tamén «Ilustração.pt», que mostra a obra de trece autores de ilustración infantil contemporánea portuguesa, a cargo da Direcção-Geral do Livro e das Bibliotecas
O programa completo pode descargase aquí
AGPI - Asociación Galega de Profesionais da IlustraciónhistoricoIlustración no X Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra