O pasado venres desenvolveuse en Santiago de Compostela a VII Noite da Edición de Galicia, coa entrega dos Premios Ánxel Casal, outorgados anualmente pola Asociación Galega de Editores.
Varias das categorías dos premios teñen que ver, loxicamente, coa ilustración. Así, o Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano 2011 correspondeulle a Xa me tardan estes Magos, de Mamá Cabra, ilustrado pola nosa socia Kristina Sabaite. Recibiron mencións especiais os libros O Apalpador e a castaña máxica, escrito e ilustrado por Xoán G., e Canto de Nadal, de Charles Dikens, ilustrado por Roberto Innocenti.
Pola súa parte, o Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2011 foi para Contos por teléfono, de Gianni Rodari, con ilustracións de Pablo Otero, e o xurado concedeu tamén unha mención especial a Lois Pereiro: breve encontro, do noso socio Jacobo Fernández Serrano.
Finalmente, o Premio Rosalía de Castro á Iniciativa editorial do ano 2011 foille concedido ás transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual d’Os contos do camiño e Caracois.