Mundos Dixitais

O festival Mundos Dixitais volve un ano máis á Coruña, coa intención de achegar o máis novo das novas tecnoloxías aplicadas á arte e ao entretemento. O evento, que parte tamén coa intención de achegar aos novos creadores ás grandes compañías do sector, contará coa participación de varios destacados artistas do xénero, como Sebastian Sylwan director artístico da película Avatar e o arquitecto David Taylor, autor do famoso Kodak Theatre, sede dos Oscar de Hollywood. Entre os días 7 e 10 de xullo, a cidade será un ano máis a capital mundial da animación dixital e as novas tecnoloxías aplicadas ao cine e a outras disciplinas artísticas, coa celebración do festival Mundos Dixitais 2010.
O evento, que chega este ano á súa novena edición, contará coa presenza do mais selecto do panorama mundial nos campos da animación, os efectos especiais, os videoxogos e a arquitectura dixital. As grandes estrelas deste ano serán Sebastian Sylwan máximo responsable creativo e técnico da película Avatar, de James Cameron, o director de efectos visuais da compañía Double Negative, Pablo Giménez, que explicará o modo en que elaborou as escenas máis complicadas do filme Iron Man 2 e os responsables do exitoso filme de animación Planet 51.
Ademais destas e outras charlas, Mundos Dixitais albergará tamén tres dos concursos máis importantes do mundo na súa categoría, o Festival Internacional de Animación, polo que pasaron varias curtametraxes gañadoras do Óscar, e os 3DAwards e CGAArchitect Filme Festival, dedicados ambos á arquitectura dixital.
O festival foi presentado polo seu director, Manuel Meijide; o secretario xeral de medios da Xunta, Afonso Cabaleiro; o director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel Igrexas; e a vicerreitora de Novas Tecnoloxías da Universidade, Elena Sierra.
Meijide destacou a vontade formativa desta edición de Mundos Dixitais, coa que pretenderán achegar aos novos creadores a sectores empresariais, contactos que serían moi complicados de realizar noutro marco. A participación dos relatores dividirase en máis de 40 presentacións: “Os contidos presentaranse con horarios intensivos, e abarcarán un abanico moi amplo de aspectos, tanto técnicos como profesionais. Este ano contamos con varios primeiras espadas dun altísimo nivel“.

Compartir