Xa está á venda o libro “Etiqueta para todos – Manual de regulares maneiras pero de bastante educación para a cidadanía” escrito por Irene Pérez Pintos e ilustrado polo noso socio Iván R.
Que facer se o príncipe co que estás falando ten a cremalleira do pantalón desabrochada? E se a ministra que se achega a saudarte ten un moco asomándolle no nariz? Son moitas as ocasións nas que te asaltan dúbidas semellantes sen que saibas resolvelas de xeito satisfactorio. Pois non esperes a atopar aquí esas respostas. Neste manual non se contempla a totalidade de situacións da vida social para as que cómpre un especial fair play ou savoir faire que dicimos os galegos. Porén abofé que che será de grande axuda para chegares a ser a persoa educada e civilizada que a humanidade necesita que sexas.
Con Etiqueta para todos, Xerais inicia unha nova serie de libros pequenos ilustrados sobre cuestións de actualidade e dirixidos a lectores e lectoras de todas as idades.